394 [= Tav 70,5]
A mia senhor ja lh’eu muito neguei

A mia senhor ja lh’eu muito neguei
o mui gran mal que me por ela ven
e o pesar, e non baratei ben;
e des oimais ja lho non negarei,
ante lhi quer’a mia senhor dizer
o por que posso guarir, ou morrer.
Neguei-lho muito, e nunca lhi falar
ousei na coita que sofr’e no mal
por ela e, se me cedo non val,
eu ja oimais non lho posso negar,
ante lhe quero [a mia senhor dizer
o por que posso guarir, ou morrer].
Eu lhe neguei sempre, per boa fe,
a gran coita que por ela sofri,
e eu morrerei por én des aqui
se lho negar; mais, pois que assi é,
ante lhe quero [a mia senhor dizer
o por que posso guarir, ou morrer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 427, V 39

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 886 [= LPGP 440-441]); Nobiling (2007 [1907]: 127-128 [apéndice]); Littera (2016: I, 514-515).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 22); Braga (1878: 8); Machado & Machado (1950: II, 248); Domingues (1992: 38); Rios Milhám (2018b: III, 394).

Variantes manuscritas


1 mia] raha V; muito] muyro V; neguei] negu[**] B   6 morrer] moirer B   8 ousei na coita] ousem na corta V   9 ela] ella V   10 posso] posse B   11 ante] Ance B : dute V   14 sofri] lofrj B : cossi V

Variantes editoriais


7 muito] muit(o) Michaëlis : muit’ Littera   8 ousei na] ous’ena Michaëlis   9 por] per Michaëlis, Nobiling   10 non lho] lh’o [non] Nobiling : lho nom Littera   11 lhe] lhi Nobiling; quero] quer(o) Michaëlis : quer’ Nobiling, Littera   13 boa] bõa Michaëlis, Nobiling, Littera   14 sofri] colhi Michaëlis   17 lhe quero] lh’o quer(o) Michaëlis : lhi quer’ Nobiling, Littera

Paráfrase


(I) Á miña señora xa eu lle ocultei moito o moi gran mal e o pesar que por ela me vén, e non fixen ben; e de hoxe en diante xa non llo ocultarei, antes lle quero dicir á miña señora aquilo polo que podo vivir, ou morrer.

(II) Oculteillo moito tempo, e nunca me atrevín a lle falar da coita e do mal que por ela sufro e, se non me socorre cedo, eu xa non llo podo ocultar máis a partir de hoxe, antes lle quero dicir á miña señora aquilo polo que podo vivir, ou morrer.

(III) Eu sempre lle ocultei, certamente, a gran coita que por ela sufrín, e eu morrerei por iso desde aquí se llo ocultase; mais, porque así é, antes lle quero dicir á miña señora aquilo polo que podo vivir, ou morrer.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:111)

Encontros vocálicos: 7 muito,‿e; 11 quero‿a; 17 quero‿a

Notas


Texto
  • 5

    Nótese a variación lingüística, no refrán, quer’a vs. quero a (con sinalefa), vacilación frecuente na lingua trobadoresca (entre crase e sinalefa) (véxase nota a 198.4). Ao mesmo tempo, tamén aparece a variación lhe ~ lhi. Cfr. nota a 27.4.

  • 8

    Á vista dos manuscritos (<ousey na coita> B, <ousem na coita> V), a rectificación temporal realizada por Michaëlis (ous’ena coita...), que se baseaba unicamente en V, carece de xustificación.

  • 9

    A grafía <ll> de ela en V, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) con valor de lateral palatal, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 10

    Foi a influencia do v. 4 (... ja lho non negarei) a que, con certeza, levou a algúns editores a mudar a colocación de lho neste verso.

  • 14

    A aparición de sofri é máis lóxica do que colhi (Michaëlis) a partir, sobre todo, de <lofri> en B, coa frecuente confusión <l>/<ſ>.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado