I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 378-379); Méndez Ferrín (1966: 181 [= LPGP 873]); Azevedo Filho (1995 [1974]: 80); Cohena (2003: 424); Cohenb (2014 [2013]: 59); Littera (2016: II, 414).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 273); Braga (1878: 149-150); Bell (1922: 261); Machado & Machado (1956: V, 294-295); Montero Santalha (2004); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 86).
III. Antoloxías: Seoane (1941: 54); Nemésio (1961 [1949]: 180); Nunes (1959: 374-375); Álvarez Blázquez (1975: 212); Landeira Yrago (1975: 103); Torres (1977: 363); Reckert & Macedo (1980: 113); Beltrán (1987: 81); Dobarro Paz et alii (1987: 99); Tavani (1989: 3); Pena (1990: 98-99); Jensen (1992: 340); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 219); Morán (1999: 66-67); [Morán] (2001: 80); Arias Freixedo (2003: 797-798); Mongelli (2009: 137); Gutiérrez (2023: 309).
8 ven] nen V 11 rompestes] ironpestes B 12 ao] no B 13 cervo] ceruꝯ V 16 rompestes] irōpestes B
3 pois o namorado] poil-o cervo Nunes : poilo cervo Cohena, Cohenb, Littera 5 pois o namorado] poil-o cervo Nunes : poilo cervo Cohena, Cohenb, Littera
(I) Fostes, filla, ao baile, e rompestes alí o brial: pois o namorado aí vén, esta fonte seguídea ben, pois o namorado aí vén.
(II) Fostes, filla, ao xogo, e rompestes alí o vestido: pois o cervo aí vén, esta fonte seguídea ben, pois o namorado aí vén.
(III) E rompestes alí o brial... Que fixestes contra a miña vontade!? Pois o cervo aí vén, esta fonte seguídea ben, pois o namorado aí vén.
(IV) E rompestes alí o vestido... Que fixestes contra a miña vontade!? Pois o cervo aí vén, esta fonte seguídea ben, pois o namorado aí vén.
Esquema métrico: 8a 8a 8B 9B 8B (I) + 8a 8a 6B 9B 6B (II-IV [= RM 42:18])
Esta composición, como acontece noutras cantigas de amigo, presenta unha certa irregularidade métrica, que se manifesta: a) na utilización de namorado (en vez de cervo) na primeira ocorrencia do refrán; b) na medida eneasilábica dos vv. 12 e 17, que contrasta cos octosílabos dominantes na cantiga (véxase tamén nota ao v. 12).
Pero Meogo emprega nesta cantiga o motivo da rotura do vestido como alusión simbólica á perda da virxindade. Esta sería consecuencia dos xogos eróticos que terían lugar en certos ambientes lúdicos como o baile. Trátase dun motivo simbólico que perdurou até os nosos días na poesía popular de tradición oral, como pode comprobarse nestes exemplos tirados de Mariño Ferro (1995: 145-146). Así neste cantar, onde se rexistra tamén o motivo do baile e o do castigo físico:
Rompéronlle a saia,
na casa quedou;
polo mor da saia,
tundas que levou.
Tundas que levou
e as que ha de levar;
rompéronlle a saia
cando iba bailar.
Outrosí, nestoutra onde se describe un ambiente lúdico asociado ao traballo comunal da malla do cereal na eira:
Racháronche a saia
no medio da eira;
por causa da saia
quedache solteira.
Nestes dous versos aparece a nivelación /l/:/ɾ/ na rima brial – bailar, igual que brial – pesar nos vv. 11-12, en liña con moitas outras ocorrencias desta equivalencia. Véxase 104.34-35 (al : alongar), 144.1-6 (amar : al), 541.2-3 (amor : frol), 971.17-21 (souber : segrel), 975.12-21 (amar : dar : al : val), 1202.9-10 (atal : guaanhar), 1292.r1-r3 (Soveral : estar : Soveral), 1356.1-2 (Natal : dar), 1359.2-6 (cantar : mal : brial), 1369.2-8 (Soveral : atal : falar : Corral), 1379.8-10 (mal : Albar- : tal), 1430.12-13 (priol : melhor), 1507.13-17 (dar : ferrar : lamaçal : ar), 1515.1-7 (rascar : pesar : Juncal), 1519.8-14 (maenfestar : mal : maenfestar), 1519.15-24 (falar : cuidar : falar : val), 1533.15-18 (disser : segrel), 1534.7-12 (segrel : quiser), 1616.2-4 (Elvas : ervas), 1617.8-12 (cervas : Elvas : relvas), 1617.32-36 (ervas : Elvas : relvas), 1659.12-13 (taful : algur), 1664.9-11 (segrel : mester). Cfr. notas a 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 453.5-6, 698.5-6 e 877.1-7.
Nunes, Cohen e Littera nivelan estes versos coas restantes ocorrencias do refrán tanto do punto de vista gráfico, coa extensión da asimilación poi-lo, así como de cervo, que substitúe o explícito namorado que os códices nos enviaron (cfr. nota a 27.4). Non obstante, a unanimidade da transmisión manuscrita aconsella respectar a individualidade métrica e lexical dunha estrofa que funciona como exordio da composición.
En calquera caso, a interpretación dos versos do refrán non é doada. Talvez a nai, consciente da gravidade do acontecido, conmina á filla para que esta continúe a relación co namorado. Seguir esa fonte (“seguir o curso desa auga”) expresaría simbolicamente esa idea.
Nótese a utilización de loir como par sinonímico de bailar, rexistro único na poesía medieval galego-portuguesa. Neste sentido, Rip Cohen afirma que «[t]his is the only occurrence of loir in Galego-Portuguese, which is apparently the only Romance language that preserves a genuine descendant of Latin ludere (REW 5153a)». Non obstante, sob a forma luyr e luir, o descendente de ludere (‘brincar’) rexístrase no Livro da Ensinança de Bem Cavalgar Toda Sela, e co significado de ‘abanar’, derivado do étimo estabelecido por Meyer-Lübke e tamén anotado por Joseph Piel, na edición da obra de D. Duarte:
Segundo, de todo seer na sella, trazendo as pernas dereitas ou algũu pouco encolheitas, nom fazendo meençom das estrebeiras, em tal guisa que os pees lhe andem em ellas luyndo [...] Nem firme tanto os pees que se levante da sella ou afroxe as pernas, nem as aperte de tal guisa que traga os pees soltos, e lhe luam nas estrebeiras (Piel 1986 [1944]: 16, 18).
Estes versos, o mesmo que os vv. 16-17, presentan formulación enunciativa en todas as edicións. Eis, como mostra, o texto de Nunes:
E rompestes i o brial
que fezestes ao meu pesar.
......................................
E rompestes i o vestir
que fezestes apesar de min.
Tal como é suxerido en Arias Freixedo (2003), do punto de vista semántico, semella máis apropiada a formulación enunciativa do primeiro verso, e interrogativa do segundo, pois o brial (e o vestir) non semellan o CD de fezestes.
Considerando o valor simbólico sexual da rotura do vestido, pensamos que a alarma e as advertencias da nai están causadas por este motivo da perda da virxindade e non por unha cuestión de menor gravidade como sería o feito de estragar un vestido novo, por luxoso que este fose. Porén, en Littera insístese na edición convencional: «Note-se, no entanto, que a edição tradicional que seguimos (...) permite ainda um outro equívoco: a moça teria mandado fazer o manto contra a vontade da mãe (numa leitura ingénua, o facto de ser um manto novo, e feito para aparecer bonita no baile, com as reticências da mãe, agravaria o facto de a filha o ter rompido)» (Lopes & Ferreira & al. 2011-: http://cantigas.fcsh.unl.pt [consult. 27-3-2020]).
Probabelmente debamos computar ao como bisilábico, como é de regra, por máis que converta o verso en hipermétrico, en liña co seu reflexo no v. 17, onde as nove sílabas son irredutíbeis.
A equivalencia acústica /l/:/n/, similar a /l/:/ɾ/, todas elas consoantes líquidas, asimila a rima vestir : min ás rimas entre brial – bailar e brial – pesar que se rexistran nos vv. 1-2 e 11-12. Véxase nota aos vv. 1-2.