1158 [= RM 77,7]
Disseron-mi ca se queria ir

Disseron-mi ca se queria ir
o meu amigo porque me ferir
quiso mia madr’; e, se m’ante non vir,
achar-s’-á end’el mal se eu poder;
se ora for sen meu grad’u ir quer,
achar-s’-á ende mal se eu poder.
Torto mi fez, que m’agora mentiu:
a veer-m’ouve, pero non me viu,
e, porque m’el de mandado saiu,
achar-s’-á end’el mal [se eu poder;
se ora for sen meu grad’u ir quer,
achar-s’-á ende mal se eu poder].
El me rogou que lhi quisesse ben,
e rogo a Deus que lhe dia por én
coitas d’amor, e, pois s’el vai d’aquen,
achar-s’-á [e]n[d’el mal se eu poder;
se ora for sen meu grad’u ir quer,
achar-s’-á ende mal se eu poder].
A San Servando foi en oraçon
eu, que o viss’, e non foi el enton,
e por atanto, se Deus mi perdon,
achar-s’-á en[d’el mal se eu poder;
se ora for sen meu grad’u ir quer,
achar-s’-á ende mal se eu poder].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1144a, V 747

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 343-344 [= LPGP 500-501]); Cohen (2003: 382); Littera (2016: I, 589).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 260); Braga (1878: 141-142); Machado & Machado (1956: V, 230-231); Camargo et alii (1990: 44); Burgazzi (2015: 37-38).

Variantes manuscritas


13 quisesse] q̄sesse B   14 lhe] ꝉħ B : lh V   15 damor e] dam̃ et V; vai] uoi B : uoj V   19 Servando] seruado V   21 perdon] pardon B

Variantes editoriais


En Littera o refrán é biversal, constituído unicamente polos vv. 5-6 de cada estrofa.

3 madr’; e, se] madre; se Nunes   6 ende] end’el Nunes, Littera   8 ouve, pero] ouv’e pero Cohen, Littera   12 ende] end’el Nunes, Littera   14 lhe] lh[i] Nunes : lhi Cohen   18 ende] end’el Nunes, Littera   24 ende] end’el Nunes, Littera

Paráfrase


(I) Dixéronme que se quería ir o meu amigo porque me quixo bater miña nai; e, se antes non me ve, se eu puider hase de sentir mal por iso; se agora se for contra a miña vontade a onde quere ir, hase de sentir mal por iso se eu puider.

(II) Traizooume, porque me mentiu agora: hóubome ver, mais non me viu, e porque me desobedeceu, se eu puider hase de sentir mal por iso; se agora se for contra a miña vontade a onde quere ir, hase de sentir mal por iso se eu puider.

(III) Rogoume que lle quixese ben, e pido a Deus que por iso lle dea coitas de amor, e, xa que el se vai de aquí, se eu puider hase de sentir mal por iso; se agora se for contra a miña vontade a onde quere ir, hase de sentir mal por iso se eu puider.

(IV) Fun rezar a San Servando, para o ver, e non foi el daquela, e, por iso, así Deus me perdoe, se eu puider hase de sentir mal por iso; se agora se for contra a miña vontade a onde quere ir, hase de sentir mal por iso se eu puider.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10a 10a 10B 10B 10B (= RM 19:18)

Encontros vocálicos: 14 rogoa

Notas


Texto
  • 3

    A segmentación da copulativa en madre liga sintacticamente os períodos e flexibiliza a sintaxe.

  • 6

    O terceiro verso do refrán é repetición do primeiro cunha moi leve variación (el vs. ø), a semellanza de refráns que introducen cambios nalgunha das súas ocorrencias ao longo dunha cantiga. Neste caso, Nunes e Littera nivelaron os vv. 6, 12, 18 e 24.

  • 8-9

    Xulgamos desnecesaria –aínda que posíbel coa locución e pero– a segmentación da copulativa que ofrece Cohen (e Littera) en ouv’e, pois a conxunción xa é presente no inicio do v. 9:

    a veer-m’ouve, pero non me viu,
    e, porque m’el de mandado saiu,
    achar-s’-á end’el mal...

  • 14

    A forma verbal dia, presente de subxuntivo, é evolución (que chega até hoxe en falas dialectais galegas) da forma latina dĕm co SMT -a e posterior evolución do hiato -éa > -ía (véxase Ferreiro 1999: §205b). Igual que na lírica profana, aparece esporadicamente nos textos medievais. Así, por exemplo, nas Cantigas de Santa Maria:
              roga por nos a seu Fillo que nos da tentaçon
              daquel astroso nos guarde e nos livre d’ocajon
              e que nos dia saude cada que nos mester for (CSM 378.20).
    Mais tamén se rexistra na documentación notarial, como mostran as múltiplas ocorrencias das diversas formas do presente de subxuntivo no Corpus Galego-Portugués Antigo. Na realidade, trátase dunha evolución que tivo o seu paralelo na forma estía, presente de subxuntivo de estar, a partir de stĕm etc. (véxanse tamén as formas do presente de subxuntivo de estar no CGPA).

  • 19

    Talvez San Servando se refira á ermida de San Servando, sita no lugar de Pazos, parroquia de Barxés, no concello ourensán de Muíños.

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso : a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (<fŭī) / foi (<fŭĭt), debido á acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sivevs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece de modo esporádico como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 21

    O cancioneiro B ofrece a lección <pardon>, aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon. Sen dúbida, tal forma é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85): non por acaso, de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, erros puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado