1210 [= Tav 92,3]
Madr’e senhor, leixade-m’ir veer

Madr’e senhor, leixade-m’ir veer
aquel que eu por meu mal dia vi,
e el viu mí en mal dia por sí,
ca morr’el, madr’, e eu quero morrer
se o non vir; mais, se o vir, guarrei
e el guarra, pois me vir, eu o sei.
O que mi Deus non ouver’a mostrar
vee-lo-ei, madre, se vos prouguer én,
e tal non me lhi mostrou por seu ben,
ca morr’el, e moiro eu, se Deus m’ampar,
se o non vir; mais, se o vir, guarrei
[e el guarra, pois me vir, eu o sei].
Aquel que Deus fez nacer por meu mal,
madre, leixade-mi-o veer, por Deus,
[e] eu naci por mal dos olhos seus,
ca morr’el, e moir’eu, u non jaz al,
se o non vir; mais, se o vir, guarrei
[e el guarra, pois me vir, eu o sei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1194, V 799

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 380-381 [= LPGP 613]); Cohen (2003: 427); Littera (2016: II, 83).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 274); Braga (1878: 150); Machado & Machado (1956: V, 298-299); Montero Santalha (2004).

Variantes manuscritas


4 morr’el] moirel B; morrer] moirer B   5 guarrei] guarirey B   6 guarra] guaira B; vir] (vyu) vyr B   7 Deus] des V   10 morr’el] moirel B   11 guarrei] guairey B   13 Deus] des V   16 morr’el] moirel B   17 guarrei] guairey B

Variantes editoriais


3 viu mí] viu-mi Nunes, Littera   10 moiro] moir’ Nunes   15 [e] eu naci por mal] eu naci por [gran] mal Nunes

Paráfrase


(I) Madre e señora, deixádeme ir ver aquel que eu vin pola miña desgraza, e el viume a min pola súa, pois el morre, madre, e eu quero morrer se o non vexo; mais, se o vise, sandarei eu e sandará el cando me vexa, seino certo.
(II) O que me non debera ter mostrado Deus heino ver, madre, se iso vos prace, e non me mostrou polo seu ben, pois el morre, e morro eu, así Deus me ampare, se o non vexo; mais, se o vise, sandarei eu e sandará el cando me vexa, seino certo.
(III) Aquel que Deus fixo nacer polo meu mal, madre, deixádeme ilo ver, por Deus, e eu nacín por mal dos seus ollos, pois el morre, e morro eu, con certeza, se o non vexo; mais, se o vise, sandarei eu e sandará el cando me vexa, seino certo.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:167)

Encontros vocálicos: 8 -lo͜-ei 10 moiro‿eu; 14 -mi͜-o

Notas


Texto
  • 3

    O pronome ten de ser tónico para garantir o acento rítmico, que se rexistra na 4ª sílaba de todos os versos. Esta forma pronominal, como as restantes formas tónicas oblicuas, pode cumprir función de CD sen preposición na lingua trobadoresca.

  • 4

    A construción por meu / seu mal dia ‘pola miña / súa desgraza’ localízase moi limitadamente no corpus trobadoresco (só se rexistra en 4.4, 172.18, 179.11 e 24 e 1252.28), onde é moito máis frecuente por meu mal, por seu mal etc.

  • 5

    Non é infrecuente que B presente, en vez da forma xeral –de futuro– guarrei, unha aparente forma analóxica guarirei, que provocaría hipermetría versal, e que constitúe unha forma errada, fronte á alternativa correcta noutro testemuño: 317.23 (B vs. A); 1210.5 (B vs. V).

  • 15

    A hipometría do verso é resolvida de modo moi económico integrando unha copulativa no inicio do verso; de feito, esta é omitida con frecuencia por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). Noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade de recuperar esa copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.

  • 16

    A frase formularia u non jaz al ‘certamente, sen dúbida’, concorrente con u al non jaz (só en 55.15), é equivalente a u al non á (e as súas variantes), como se patentea a través da variante de B' en 31.10. Véxanse notas a 25.11 e 66.29.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado