I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 436-437 [= LPGP 618-619]); Lopes (1963: 58); Cohen (2003: 507); Littera (2016: II, 88).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 300); Braga (1878: 165); Machado & Machado (1956: V, 385-386); Monteagudo (1998b: 137); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 353); Landeira Yrago (1975: 75); Jensen (1992: 218); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 163).
2 chaman] c\h/aman B 3 louçana] loucana B : iouçana V 5 louçana] loucana B 8 louçana] loucana B 13 e] om. V; louçana] loucana B 18 louçana] loucana B
2 Santa] Sancta Lopes 7 é] e Lopes 11 Santa] Sancta Lopes 12 m’] m’<i> Cohen, Littera; [eu] om. Lopes, Cohen, Littera 16 é] e Lopes
(I) Vinde, ai miña nai, en romaría orar alí onde lle chaman Santa Cecilia, e, louzá, irei, pois xa alí está o que namorei, e, louzá, irei, (II) e vinde comigo, madre, de grado, porque o meu amigo está triste por min, e, louzá, irei, pois xa alí está o que namorei, e, louzá, irei, (III) orar alí onde lle chaman Santa Cecilia, porque me trouxo o que eu ben quería, e, louzá, irei, pois xa alí está o que namorei, e, louzá, irei, (IV) pois o meu amigo está triste por min, e despois eu non cumprirei o seu mandado, e, louzá, irei, pois xa alí está o que namorei, e, louzá, irei.
Esquema métrico: 4 x 9’a 9’a 6B 9B 6B (= RM 42:14)
Encontros vocálicos: 2 Ce·ci·li͜a; 11 Ce·ci·li͜a
As edicións de Nunes e de Lopes presentan todas as estrofas con autonomía sintáctica. Porén, consideramos que esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva entre as súas dúas estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270).
Por outra parte, nótese a rareza dunha cantiga con leixa-pren con refrán anisométrico de tres versos.
Nas cantigas trobadorescas aparece unha forma imperativa treide (< trahĭte) e o presente, con valor imperativo, treides (< trahĭtĭs), que son restos arcaicos da conxugación do verbo trahĕre, na súa forma clásica (despois substituído por *tragere > med. trager; véxase Ferreiro 1999: §220a). Fóra da cantiga 1471 (véxase nota aos vv. 4 e 16), treide e treides só se atesta en oito cantigas de amigo: 679.3, 757,1, 1161.6, 1289.1 e 6, 1297.1 e 4, 1299.2, 5, 7 e 10, 1302.1, 1303.2, 5 e 8. Alén da lírica profana, hai dúas ocorrencias de treides nas Cantigas de Santa Maria:
Ai, moller, treides oge mig’ a un logar (CSM 216.23).
E depois aa tornada, quando chegou a Carron,
hũa sa filla lle disse: «Treides, se Deus vos perdon,
albergar mais adeante a hũas choças que son
preto de nosso camỹo, | e y podemos jazer» (CSM 278.24).
Na prosa só localizamos unha ocorrencia na Demanda do Santo Graal: Senhor, diss’el, pois treides migo (cfr. CGPA, s.v. treides).
Neste verso, como noutras pasaxes de Martin de Giinzo, aparece a referencia a Santa Cecilia, unha ermida dedicada a esta santa, aínda sen identificar, probabelmente ligada tamén a Soveral (act. Sobral), lugar da parroquia de Xeve, no concello de Pontevedra (Galiza), moi próximo a Bagüín, no concello de Marín (véxase cantiga 1292). Souto Cabo (2018: 88) relaciona o xograr coa parroquia de Xinzo (concello de Ponteareas), onde hai un lugar actualmente denominado Sobral (nome de diversos lugares no sudoeste galego).
Santa Cecilia, forma presente en todas as cantigas de Martin de Giinzo, agás na última (talvez incompleta), mostra unha forma antroponímica discutida por Montero Santalha (2004), que apunta a posibilidade de Cecilia contituír unha corrección latinizante nos cancioneiros, razón por que propón a emenda Cecia: «É uma modificação que, embora insegura, me parece mais provável que a opção de manter a lição dos manuscritos [...]. Por diversos motivos considero que Cecia devia de ser a forma empregada originariamente pelo trovador, e que a forma Cecília reflectirá uma correcção de influxo culto realizada no processo de transmissão textual. Com efeito, Santa Cecia é forma usada em documentos medievais e que ainda pervive hoje».
No entanto, é sistemático o uso desta forma nas cantigas de Martin de Giinzo, e varias veces en rima: dia : Cecilia (1288.1-3, 1290.1-2, 1291.1-2), romaria : Cecilia (1289.1-2), Cecilia : queria (1289.11-12).
No que di respecto á documentación medieval, só achamos Cezia nun documento de 1289 (véxase TMILG, s.v.):
Item aa ygregaa de Santa Cezia et da uila I doezema que (...) XV soldos de leoneses.
As restantes atestacións levan á forma Cecilia (en dia de Santa Cecilia en pã e uino; doc. de mediados do s. XIII) e a Cezilia (Cezilia Afonso; doc. de 1453), forma que tamén aparece nun texto da Chancelaría de Dom Duarte, xunto coa variante Cezilha (cfr. CdP, s.v.). Canto ás Cantigas de Santa Maria, rexístrase só a forma Cezilla:
E trouxe dous menynnos
sig’, aquel fill’e hũa filla;
e macar pequenỹos
eran, por los de peccadilla
tirar, en Santa Cezilla,
na pia sagrada,
os fez dessa vegada
A Madre de Deus onrrada ... (CSM 89.74).
No ámbito rimático, resulta extraordinaria a rima romaria : Cecilia (vv. 1-2) e Cecilia : queria (vv. 11-12), igual que dia : Cecilia (1288.1-3), e similar a outras defectuosas, como nemiga : preitesia. Véxase nota a 494.7-8 e 1287.8.
A forma louçana do refrán, como outras que aparecen con frecuencia nas cantigas de amigo, mostra a conservación de -n- intervocálico (manhana, Granada, avelana, venia etc.), sen dúbida como elemento retórico arcaizante propio deste xénero (véxase Ferreiro 2008b), aínda que pode moi esporadicamente aparecer tamén noutro tipo de composicións (véxase 429.r8 e 473.4).
Resolvemos a hipometría do verso mediante o acrecentamento do suxeito eu, en liña con outras expresións que achamos no corpus:
Que fazen en vila
do que eu ben queria (609.14).
A puntuación do v. 17 é diverxente nos diversos editores: mentres que en Nunes, Lopes e Littera é un verso interrogativo, Cohen introduce unha vírgula após a copulativa inicial, feito que implica outorgarlle valor causal a pois e, asemade, valor expletivo á copulativa inicial do refrán:
e, pois eu non farei seu mandado,
e, louçana, irei.