I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 669-670 [= LPGP 320]); Littera (2016: I, 349).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 16); Machado & Machado (1949: I, 68-69); Rios Milhám (2017: I, 25).
1 façan] facam B 5 bõa] bona B
1 vos] vus Michaëlis 2-3 que eu [d’]alhur querer viver / se non con vosqu’, aja poder Michaëlis : que eu alhur quero viver, / senom convosc’, e já poder Littera 4 vos] vus Michaëlis 4-5 Nom vos ment’i, ca, de pram, é / [j]á poder; e, per bõa fé Littera 6 quisesse] quisess(e) Michaëlis 7 queria] querria Littera 8 nen nos] Nen os Michaëlis : nen'os Littera 10 vos] vus Michaëlis 12 vos] vus Michaëlis 13 quisesse] quisess(e) Michaëlis 14 queria] querria Littera 15 vos] vus Michaëlis 16 sab’, e] sabe Michaëlis, Littera 18 vos] vus Michaëlis 19 vos] vus Michaëlis 20 quisesse] quisess(e) Michaëlis 21 queria] querria Littera 23 vos] vus Michaëlis 24 vos] vus Michaëlis 26 vos] vus Michaëlis 27 quisesse] quisess(e) Michaëlis 28 queria] querria Littera
(I) Non vos fagan crer, señora, que eu quero vivir noutro lugar que non sexa convosco, e abofé non vos mentín, porque así é, con absoluta certeza: aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón (II) nin os meus ollos, miña señora, nin a vosa fermosura, que farán que vos ame mentres viva, sen dúbida; e direivos aínda máis, señora: aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón, (III) desde o momento en que vos vin, señora, Deus o sabe, e nunca pensei en me afastar de vós nin sinto outro desexo agás o de vos servir e xa máis, para non vos mentir, aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón, (IV) e, con certeza, miña señora, direivos a verdade: sempre vos servirei e amarei mentres viva; e, señora, direivos aínda máis: aínda que eu quixese outra cousa non querería o meu corazón.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8c 8c 8D 8D (= RM 199:5)
Encontros vocálicos: 6 quisesse‿al; 13 quisesse‿al; 20 quisesse‿al; 27 quisesse‿al
Michaëlis e Littera só ligan sintacticamente as estrofas I-II. Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición véxase nota á cantiga 15.
A chave para interpretar de modo correcto a lección enviada por B para esta estrofa reside na locución a poder, que, efectivamente se localiza noutras dúas pasaxes do corpus profano:
ben cuido que j[a], a poder,
nunca averei de vós, melhor
do que vos eu quero, querer:
ben i mi-o ei logo d’aver (58.15)1mais per’o faç’, a poder,
contra mia desaventura
non val amar nen servir (887.6)
Téñanse en conta tamén as frecuentes variacións da locución coa presenza doutros elementos: a gran poder, a (todo) meu poder, a (todo) seu poder, a vosso poder (véxase Glosario, s.v. poder).
Así pois, esta estrofa de Calheiros presentaría a locución a poder en dous momentos (vv. 3 e 5), multiplicando a presenza de locucións afirmativas (véxase tamén de pran e mais per bõa fe), dun modo semellante ao que acontece, por exemplo, coa expresión per fe, sen engano (que se localiza en dúas ocasións: 760.3 e 845.17). Non existen, pois, problemas especiais de tipo lingüístico ou interpretativo que xustifiquen a emenda da lección manuscrita (tal como se verifica en Michaëlis e Littera), con independencia das consideracións de tipo estilístico que se poidan facer sobre tal acumulación adverbial2
.
Ao longo do corpus áchanse poucas ocorrencias de ja con crase coa voz seguinte (sempre iniciada por a-), talvez polo carácter semitónico do adverbio: j’a –pronome– (64.10, 1588.20), j’alguen (92.24), j’assi (238.10, 408.4), j’agora (365.16, 764.r2, 1281.1), j’amigo (689.2). Nótese como en todos os casos ja perde tonicidade (coa conseguinte facilidade para a crase) pola presenza dunha tónica inmediata (alguen, assi, agora, amigo) ou case inmediata (poder).
Certamente, débese relativizar o carácter inusual da crase de ja á luz doutras máis estrañas, aínda que puntuais, entre formas verbais de P3 de futuro indicativo (avera, matará, pesará, seera) coa preposición a e co adverbio ali, que non encontran solución gráfica satisfactoria máis do que unha representación do tipo aver’a (59.26), matar’Amor (396.19), pesar’a (898.19) e seer’ali (1637.28). Véxase nota a 59.26.
A presenza de -n- na forma manuscrita <bona> é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.
A conxunción concesiva macar (tamén nos vv. 13, 20 e 27), de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6.
Mantemos o refrán sen puntuación por canto o pronome al pode ser asociado a eu (quisesse) mais tamén a o meu coraçon (queria). Deste modo, o refrán permite unha dupla lectura.
Non existe xustificación de ningún tipo para a mudanza de copretérito a pospretérito da forma verbal do primeiro verso do refrán (véxanse, tamén, os vv. 16, 21 e 28) realizada por Littera: aínda na actualidade as formas de copretérito presentan valor de pospretérito en numerosas ocasións.
Nótese a variación na forma do artigo, que no v. 8 presenta o alomorfo no, inducido pola nasal da voz anterior (nen nos meus olhos) a través dunha asimilación progresiva: nec ĭllos > nen los > nen nos. Polo contrario, a forma xeral o no v. 9 aparece nun contexto similar (nen o vosso...). Na realidade, esta variación en versos consecutivos reflicte a aparición (asistemática e minoritaria) que ao longo da Idade Media se produce da forma no do artigo nestes contextos (véxase Glosario, s.v. no1), consolidada en galego moderno unicamente tras as voces non, nin, alguén, ninguén, quen e tamén, coa pronuncia alveolar da consoante nasal final.
A frase formularia u al non á ‘certamente, sen dúbida’ (tamén en 170.23, 358.27, 685.10, 1017.2 e 1231.21) concorre con outras variantes ao longo do corpus, co mesmo verbo aver (u non á al, non á i al etc.) ou co verbo jazer (u non jaz al ~ u al non jaz). Idéntico comentario pode facerse para as Cantigas de Santa Maria, en que se detectan os mesmos grupos fraseolóxicos (u al non averá ~ u non averá al, u al non jaz, u non aja al, u non ouvess’al, u outra ren non jaz etc.; véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. al, aver, jazer, u). Véxase nota a 597.13.
Deus sofre xeralmente asimilación co pronome identificador, igual que ocorre, aínda que con menor frecuencia, con outros substantivos e mais co adxectivo melhor (cfr. nota a 185.8), con algúns pronomes (cfr. nota a 334.4), adverbios e conxuncións (véxase nota a 331.7) e tamén con algúns participios plurais (cfr. nota a 960.24). Véxase nota a 5.10.
A frecuente frase formularia por non mentir, que permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.), equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc.
Esta pasaxe de Vaasco Fernández Praga de Sandin presenta unha fixación diferente na edición tradicional de Michaëlis, que, de novo, encobre a locución con outro cambio na lección manuscrita: que ja [eu] poder.
Véxanse diversas opinións sobre os problemas editoriais desta pasaxe no site Locus criticus.