498 [= Tav 25,98]
Que razon cuidades vós, mia senhor

Que razon cuidades vós, mia senhor,
dar a Deus, quand’ant’El fordes, por mí,
que matades, que vos non mereci
outro mal, senon se vos ei amor,
aquel maior que vo-l’eu poss’aver;
ou que salva lhi cuidades fazer
da mia morte, pois per vós morto for?
Ca na mia morte non á [i] razon
bõa que ant’El possades mostrar;
des i, non o er podedes enganar,
ca El sabe ben quan de coraçon
vos eu am’e [que] nunca vos errei;
e, por én, quen tal feito faz, ben sei
que en Deus nunca pod’achar perdon,
ca de pran Deus non vos perdõará
a mia morte, ca El sabe mui ben
ca sempre foi meu saber e meu sén
en vos servir; er sabe mui ben [ja]
que nunca vos mereci por que tal
morte per vós ouvess’, e por én mal
vos sera quand’ant’El formos ala.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 500, V 83

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 15 [= LPGP 222-223]); Nunes (1972 [1932]: 66-67); Littera (2016: I, 166-167).
II. Outras edicións: Moura (1847: 6-7); Monaci (1875: 39); Braga (1878: 17-18); Machado & Machado (1950: II, 393); Júdice (1997: 80); Montero Santalha (2004);  Rios Milhám (2018b: III, 498).
III. Antoloxías: Pimpão (1942: 29); Torres (1977: 227); Arias Freixedo (2003: 364-365).

Variantes manuscritas


6 ou] o B   9 bõa] Bona B   10 non o er] nono (mo) er B   12 errei] eyrey B : euey V   13 quen] ꝙʷ B   14 perdon] pardon B   15 perdõará] pardonara B : ꝑdoara V   18 er] ex V   19 mereci] meçi V   21 quand’] q̄nd V

Variantes editoriais


4 se] que Lang   8 na] [e]na Littera; [i]] om. Littera   15 perdõará] perdoará Lang, Nunes, Littera   18 vos] vós Lang   20 per] por Lang; ouvess’, e] ouvesse Lang, Nunes

Paráfrase


(I) Que xustificación lle pensades dar a Deus, miña señora, cando fordes ante El, por min, que matades e que non vos merecín outro mal, agás porque sinto por vós amor, o maior que eu podo ter; ou que escusa lle pensades dar pola miña morte, logo de eu morrer por vós? (II) Porque para a miña morte non hai ningunha boa razón que poidades expor perante El; e alén diso, non o podedes enganar, porque El sabe ben canto eu vos amo de corazón e que nunca vos faltei; e por iso, quen comete tal feito, sei ben que nunca pode achar perdón de Deus, (III) porque certamente Deus non vos perdoará a miña morte, porque El sabe moi ben que sempre puxen todo o meu coñecemento e o meu siso en vos servir; e aínda sabe moi ben que nunca merecín recibir tal morte por causa de vós, e por iso mal vos vai ir cando perante El formos no alén.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:17)

Encontros vocálicos: 10 o‿er

Notas


Texto
  • *

    Sobre o carácter de verdadeira cantiga ateúda desta composición (xa presente en Nunes), con estrofas ligadas causalmente coa conxunción ca, véxase nota á cantiga 15. No entanto, nas edicións de Lang e Littera non é considerada a continuidade discursiva nesta cantiga.

  • 6

    Salva ‘xustificación, desculpa’, derivado regresivo de salvar, só volve a aparecer en 938.9.

  • 8

    A ausencia de unha sílaba métrica resólvese perfectamente coa reintegración do adverbio i. Cfr. e, pero non á i razon, / assanha-s’ora contra min (913.10). Con todo, tamén sería posíbel recuperar a sílaba ausente por medio de [e]no (Littera), ou de ja, como propoñen Fernández Guiadanes & Río Riande (2010: 21).

  • 9

    A presenza de -n- nas formas manuscritas <bona> (v. 9) e <pardonara> (v. 15) en B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /õ/ (confirmada neste caso pola lección de V), o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <(h)una> ũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 10

    A sinalefa oer é similar a outras existentes no corpus co pronome o e diversos elementos (verbos, nomes etc.): oEle (67.19), oei (291.19, 1571.3), oeu (983.24 e 25, 1215.2), oaprendestes (1430.21), oen (1433.20), ooistes (1531.17), oome (1613.12). Cfr. nota a 56.10.

  • 12

    A sintaxe tamén esixe a presenza dunha conxunción completiva que, necesaria, aliás, para a correcta contaxe métrica do verso.

  • 14-15

    En B aparece por vez primeira a forma gráfica pardon, aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon. Sen dúbida, tal forma é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).
    En liña con <pardon> aparece a variante de B para perdõar, onde -n-  en <pardonara> é indicativo da nasalidade (véxase nota ao v. 9).

  • 18

    A métrica e o sentido esixe tamén ja como palabra rimante neste verso, ausente nos apógrafos italianos.

  • 20

    A segmentación da copulativa para ligar sintacticamente as dúas frases é conveniente, e xa aparece na corrección de erros na edición de Lang.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado