I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 109-110 [= LPGP 548]); Cohen (2003: 171); Littera (2016: I, 612-613).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 115); Braga (1878: 55-56); Machado & Machado (1952: III, 361-362).
III. Antoloxías: Oliveira & Machado (1959: 91-92); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 166).
2 rogar] roguar BV 3 comigo] migo B : \co/migo V 6 non] nou B 11 enviou] ēuyon B 13 nunca] uūca B; nulh’] null BV
2 rogar] roguar Nunes 9 [a]guisar, se] guisar, [a]se Cohen : [nom] guisar, se Littera 10 [a]guisarei, pois] guisarei, poi[lo] Cohen, Littera
(I) Vede, amigas, vén o meu amigo e mandoume dicir e rogar que arranxe a forma de el falar comigo, e de tal asunto eu non sei nada, e pésame, porque me mandou dicir que lle faga o que non sei facer, (II) pois, aínda que eu tivese gran pracer e unha ansia grande no meu corazón para llo arranxar, así Deus me perdoe, non llo arranxarei, se non souber, e pésame, porque me mandou dicir que lle faga o que non sei facer, (III) porque eu nunca falei con ningún home desde que nacín, Noso Señor non me valla (se minto), nin tampouco souben de tal fala nin a fixen nin a coñezo, e pésame, porque me mandou dicir que lle faga o que non sei facer.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:144)
Encontros vocálicos: 2 en·vi·ou; 5 en·vi·ou; 11 en·vi·ou; 17 en·vi·ou
Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva, de tipo causal, entre as súas tres estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270) nin tampouco tivese esa consideración en ningunha das precedentes edicións. Véxase nota á cantiga 15.
Resulta significativo o erro de B que foi corrixido en V, feito que demostra a validade de reintegracións, por necesidades métricas, do tipo [co]migo.
Obviando a existencia da variación e alternancia trobadoresca entre guisar ~ aguisar (véxase Glosario, s.v. guisar), Cohen e Littera interviñeron excesivamente nos versos. No v. 10 ambos editores suplementaron o verso coa emenda de pois (poi[lo] non souber), mentres que no v. 9 actuaron de diferente modo: Cohen, por influencia das Cantigas de Santa Maria Cohen introduciu a forma ase, inexistente na lingua dos trobadores, na frase desiderativa se Deus mi perdon; pola súa parte, Littera introduce unha negación sen sentido, contraditoria co contexto.
Nótese a grafía <ll> de nulho, con <ll> en vez de <lh>, que é verdadeiramente frecuente neste indefinido nos apógrafos italianos, sobre todo en B. Así ocorre nos seguintes contextos, todos eles pertencentes a cantigas transmitidas unicamente por B (ou por AB): 39.2, 44.5, 55.18, 65.11, 12, 14 e 20, 66.16, 71.24, 72.3, 73.13, 74.28, 92.15, 94.3, 96.11, 97.5, 104.6, 107.9, 108.18, 111.7, 135.16, 152.9 e 12, 166.16, 235.18, 236.28. Ora ben <nullo> é grafía escasa no Cancioneiro da Vaticana, aínda que tamén se rexistra nalgunhas cantigas compartidas con B: 419.2, 701.13, 721.177 ,1516.6, 1609.18, 1643.10. Noutros casos, existe forma con <ll> ou con <lh> só nun dos apógrafos italianos: B vs. V (1040.6, 1392.9, 1533.6, 1580.12), V vs. B (362.6, 373.17).
Na realidade, nos apógrafos italianos <ll> só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente da lateral xeminada latina (alli, aquela e ela, bailada, castelo, cavalo, eles, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc.), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo (véxase nota a 6.32) e, finalmente, en voces coa secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).
Fóra do indefinido nulho/a, é excepcional nos cancioneiros italianos a aparición de <ll> para a lateral /ʎ/, pois só se rexistran cinco ocorrencias deste tipo. Véxase a nota a 199.33.
Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).