I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 147-148); Ferreiro (1992: 85 [= LPGP 885]); Cohen (2003: 215); Littera (2016: II, 431-432).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 130); Braga (1878: 63); Machado & Machado (1953: IV, 23).
III. Antoloxías: Magalhães (2007: 93).
1 ben] beu B 6 morre por morrer] moire por moirer B 8 sabor] sobor V 9 ben] eu bē BV 15 verran] ueirā B 18 -an] au V 20 Pois] (deprā) Pois V 22 E ante lhi quer’] C antheli q̅t V 23 morre, morrer] moire moirer B
En Cohen e Littera os catro últimos versos están distribuídos en dúas fiindas.
3 dizen que é[ste] mal] dizem-[mi] que é mal Nunes : dizem-[me] que é mal Littera 14 de] do Nunes 18 m’oiren] moir[o] en Nunes : moir[o] én Ferreiro 24 falar] fazer Nunes
(I) Se eu, amiga, quero facer ben ao meu amigo, que non ama outra senón a min, din que está mal feito as miñas amigas e que fago unha loucura; mais non as creo, porque sei unha cousa: xa que o meu amigo morre por morrer por min, é ben para min facerlle ben.
(II) Elas non saben canto me agrada facerlle ben, e para llo facer teño moitas razóns; mais logo as miñas amigas din que farei unha loucura, mais eu sei unha cousa: xa que o meu amigo morre por morrer por min, é ben para min facerlle ben.
(III) Eu fareille ben e elas viranme preguntar ante vós por que o fixen, e eu direi: «Cal é a que o di?». E, despois de me oíren, daranme a razón, porque lles direi: «Miñas amigas, está moi claro, é ben para min facerlle ben.
(1) E antes lle quero eu algún ben facer que deixalo, como morre, morrer: por lle falar ben ou por o ver, non o quero eu deixar morrer».
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10a 10C 10C + 10c 10c 10c 10c (= RM 139:9)
Encontros vocálicos: 18 -mi-o
Canto á estrutura métrica da composición, dado que os catro versos finais (vv. 22-25) son monorrimos e que nos códices aparecen seguidos, sen espazo e sen maiúscula inicial indicativa da existencia dunha segunda fiinda, optamos por consideralos como integrantes de unha única fiinda, aínda que se perciba unha pausa moi marcada entre o segundo e o terceiro verso.
A presenza de eu desequilibraría a métrica do verso e indica que máis unha vez o pronome persoal aparece espuriamente introducido no texto, como acontece con certa frecuencia ao longo do corpus trobadoresco: así se verifica nos apógrafos italianos (B vs. A: 74.5, 85.16, 177.9, 306.9; BV vs. A: 420.14 e 17; V vs. B: 1597.1), mais tamén, por exemplo, nunha ocasión en A (vs. B), en 228.7.
Non é precisa a emenda de Nunes, pois a expresión xenérica fazer ben repetida ao longo do poema (nos versos 1, 9, 10, 15, 16, 22, e no segundo verso do refrán) concretízase neste verso 24 da fiinda. Ese fazer ben consistiría en falarlle con agrado e en velo.