768 [= RM 70,15]
Diss’, ai amigas, Don Jan Garcia

Diss’, ai amigas, Don Jan Garcia
que por mi non pesar non morria:
mal baratou porque o dizia,
ca por est[o] o faço morrer por mí.
E vistes vós o que s’enfengia...
Demo lev’o conselho que á de sí!
El disse ja que por mí trobava,
ar enmentou-me quando lidava:
seu dano fez, que se non calava,
ca por esto o faço morrer por mí.
Sabedes vós o que se gabava...
Demo lev’o conselho [que á de sí!]
El andou por mí muito trobando
e quant’avia por mí o dando
e nas lides me ia enmentando,
e por esto o faço morrer por mí.
Pero se muito andava gabando,
demo lev’o conselho que á de sí!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 751, V 354

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 95 [= LPGP 445]); Nunes (1973 [1928]: 167-168); Cohen (2003: 241); Littera (2016: I, 524).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 137); Braga (1878: 67); Machado & Machado (1953: IV, 59-60); Domingues (1992: 50); Cohen (1996: 12).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 76-77); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 101).

Variantes manuscritas


1 Diss’, ai] Disi ay B : Dissey V   2 morria] moiria B   4 faço morrer] faco moirer B   6 lev’o] leno B   10 faço morrer] faco moirer B : fazo morrer V   12 conselho] osselho V   13 E andou] Clandou V   14 quant’avia] ꝙ̄ tauya V   16 morrer] moirer B

Variantes editoriais


En Nunes o v. 4 de cada estrofa non é incluído no refrán (intercalar).

1 Diss’, ai] Disse Nobiling; Jan] J[o]an Nobiling : J’am Littera   4 ca] e Nunes; est[o] o] est’o Nunes   10 ca] e Nunes; esto o] est’o Nunes   15 e nas] enas Nunes, Cohen; ia] ja Nobiling   16 esto o] est’o Nunes

Paráfrase


(I) Dixo, ai amigas, don Jan Garcia, que non morría por non causarme pesar: e obrou mal cando o dixo, pois por iso o fago morrer por min. E vós vistes o que se gababa (de min)... O demo leve o pouco xuízo que ten!

(II) El xa ten dito que trobaba por min, tamén me nomeou cando lidaba: prexudicouse a si mesmo, por non estar calado, pois por iso o fago morrer por min. Vós sabedes o que se gababa (de min)... O demo leve o pouco xuízo que ten!

(III) El andou trobando moito por min e dando por min todo canto tiña e nas lides mentaba o meu nome, e por iso o fago morrer por min. Aínda que se andaba gabando moito, o demo leve o pouco xuízo que ten!

Métrica


Esquema métrico: 9’a 9’a 9’a 11B 9’a 11B (cfr. RM 13:45)

Encontros vocálicos: 15 meia; 17 muitoandava

Notas


Texto
  • 1

    Realizamos a emenda (xa en Nunes) da secuencia inicial (<Disi ay> B, <Dissey> V), que semellan mostrar a confusión <i>/<s> en B, e <e>/<a> en V. Con todo, a fixación do verso en Nobiling é diferente, seguramente pola resistencia a admitir unha forma Jan (Disse, amigas, don J[o]an...), aínda que suxire tamén a lección correcta.

    Certamente, resulta sorprendente a confirmación da evolución Joan > Jan1 (testemuñada nos rexistros familiares do galego moderno e en vocábulos de estrutura semellante, como coallar > callar (do lat. coagulare), para alén da súa reaparición en 772.17, tamén en Guilhade) nun período en que a tendencia xeral era a manutención dos hiatos, normalmente producidos por caída de consoante intervocálica (véxase Ferreiro 1999: §35a). De todos os modos, esta evolución non deixa de ser similar á detectada na forma Pelagium > *Peaio > Paaio > Paio (1610.1)2 .

    As cantigas de Joan Garcia de Guilhade subministran numerosos exemplos de autonominatio, coa súa nominal inclusión dentro das súas cantigas. Véxase, tamén, 757.13, 760.13, 762.11, 772.17, 784.10.

  • 4

    En Nunes non se marca tipograficamente como refrán este verso en ningunha das estrofas (corrixido posteriormente nas notas), en que mudou a conxunción inicial ca a prol da conxunción copulativa e nas dúas primeiras estrofas, nunha nova nivelación empobrecedora (véxase nota ao v. 16).

  • 5

    O verbo enfingir (e enfengir), da terceira conxugación, é maioritario na lírica profana, mais aínda presenta por veces desinencia de segunda conxugación, tanto coa forma enfenger, como coa variante disimilada enfinger (véxase Glosario, s.v. enfingir ~ enfenger ~ enfengir ~ enfinger).

  • 5-11

    Interpretamos este verso, así como o verso 11, como unha afirmación enfática, no sentido de que a voz poética, ao tempo que denuncia os excesos da indiscreción do trobador, parece apelar a que as amigas apoien a súa opinión. Sen que varíe substancialmente esta interpretación, en ambos os casos podería pensarse nun enunciado exclamativo: E vistes vós o que se enfengia! (“E vós ben vistes como se chufaba!”, v. 5); Sabedes vós o que se gabava! (“E vós sabedes como se gababa!”, v. 11). Ou mesmo nun enunciado interrogativo, no que serían preguntas retóricas: E vistes vós o que se enfengia? (“E vós non vistes como se chufaba?”); Sabedes vós o que se gabava? (“E non sabedes como se gababa?”).

  • 6

    Demo ten tendencia a ser utilizado sen artigo, especialmente en contextos desiderativo-exclamativos (175.31, 578.7, 826.31, 1552.21, 1609.20, 1659.6), e, máis raramente, tamén en contextos enunciativos (326.19, 1669.5). A expresión desiderativa con base en demo e levar é relativamente frecuente no corpus trobadoresco profano coa forma (o) demo leve... (véxase Glosario, s.v. demo).

  • 15

    A secuencia <enas> admitiría tamén unha lectura enas (presente en Nunes e Cohen), coa variante máis antiga do encontro da preposición en co artigo; deste xeito, a redacción dos vv. 13-16 tería de variar:

              El andou por mí muito trobando

              e quant’ havia por mí o dando:

              enas lides me ia enmentando

               e por esto o faço morrer por mí.

    Por outra parte, non parece ter xustificación a forzada lectura de <ia> como ja feita por Nobiling, aínda sendo sintacticamente posíbel.

  • 16

    Nótese a leve variación neste verso do refrán, onde se substitúe o anterior ca pola conxunción e. Cfr. nota a 27.4

  1. ^

    Nótese a estraña grafía J’am de Littera.

  2. ^

    De todos os modos, a forma Jan non é citada en Mariño Paz (2006: 92), polo feito de partir da edición de Nobiling.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado