885 [= Tav 94,19]
Venho-vos, mia senhor, rogar

Venho-vos, mia senhor, rogar,
con grand’amor que vos eu ei,
que mi valhades, ca, ben sei,
se m’esta coita máis durar,
ja mia vida pouco sera.
E que mi queirades valer,
ai coita do meu coraçon,
ben sei eu, se Deus mi perdon:
se o parardes en lezer,
ja mia vida pouco sera!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10

Manuscritos


B 893bis, V 478

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 302); StegagnoPicchio (1968: 141 [= LPGP 631]); Littera (2016: II, 97-98).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 174); Braga (1878: 90); Machado & Machado (1953: IV, 234-235).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 82).

Variantes manuscritas


1 rogar] roguar BV   9 en] eti V   10 pouco] pouca V

Variantes editoriais


1 vos] vus Stegagno Picchio; rogar] roguar Nunes, Stegagno Picchio   2 vos] vus Stegagno Picchio   9 se o parardes en lezer] se non parardes-mi lezer Nunes : se o [nom] parardes em lezer Littera

Paráfrase


(I) Véñovos rogar, miña señora, co grande amor que vos teño, que me vallades, pois ben sei que se me dura máis esta coita, a miña vida pouco será xa.

(II) Aínda que me queirades valer, ai coita do meu corazón, ben sei eu (unha cousa), así Deus me perdoe: se o dispuxerdes (para que terminase) en gozo, a miña vida pouco será xa.
 

Métrica


Esquema métrico: 2 x 8a 8b 8b 8a 8C (= Tav 155:19)

Notas


Texto
  • 6

    Ao longo do corpus das cantigas profanas detéctase a aparición dunha locución e que de carácter concesivo (‘aínda que’), ás veces emendada polos editores para en que (ou segmentada por medio da puntuación), por ser infrecuente no período medieval: se poderia de vós aver ben, / e que fezes[s]’eu i pesar a quen / vós sabedes no vosso coraçon / que vos fez el muitas vezes pesar (402.6); quand’aqui chegar, / e que lh’eu falar non quiser, / muito terrá que baratou / mal porque tan muito tardou (729.4); pois m’el ben quer, e que lh’eu faça mal, /que faria se lh’eu fezesse ben? (743.5); E que me non pesass’a mí por al, / pesar-mi-á [én] muito por ũa ren: / ... (818.7); e des oimais, quer se queixe, quer non, / e que se queixe, non mi pode dar / maior afan (1128.12).
    De todos os xeitos, a existencia desa locución é confirmada polo seu uso en obras fóra do ámbito das cantigas: E que [ed.: E, que] vos eu quisesse contar como el rei dom Rodrigo era vestido e da sua nobreza, certo eu nõ saberia dizer cõ verdade (Crónica Geral d'Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: 330); e que o fosse, foy-o de hũu mui nobre rrei (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 255).

  • 9

    Interpretamos que a cantiga presenta unha formulación paradoxal: o namorado afirma que terá pouca vida se a senhor non lle vale, e, asemade, se lle concede os seu favor tamén será breve a súa vida; isto é, morre de amor por non o ter ou, tamén, se o tiver. Foi probabelmente este carácter paradoxal o que levou a outros editores a intervir no texto enviado polos manuscritos; así, a versión de Nunes supón unha refacción textual sen fundamento, mentres que na edición de Littera, a introdución dunha partícula negativa para solventar a aparente contradición converte en hipermétrico o verso.

  • 10

    A versión deste refrán en V suporía unha variación a respecto da primeira cobra, onde pouco funciona como adverbio, fronte a pouca, adxectivo a concordar con vida.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado