924 [= RM 129,1]
Muitos a que Deus quis dar mui bon sén

Muitos a que Deus quis dar mui bon sén
e muit’alto linhag’e gran poder
e muit’outro ben, polo seu plazer,
de tod’esto me poden vencer ben;
sei-m’eu aquesto e al sei de mí:
ca todo-los deste mundo eu venci
d’amar, amando a que m’en poder ten.
A melhor dona e de melhor sén
e máis fremosa que Deus fez nacer,
essa sei de coraçon ben querer
máis de qua[n]tos donas quiseron ben
nen querran ja; e, pero est’é as[s]i,
aven-m’ende o que eu non mereci:
gran desamor que m’ela por én ten.
Pero de atant’amar, a meu sén,
máis de quantos outros Deus quis fazer
nen quantos me cuidan dest’a vencer,
venço-os eu querendo-lhi gran ben,
pero que nunca del’al entendi
senon gran sanha, des quando a vi,
e mal talante que contra mí ten.
E, senhor rei de Portugal, aqui
julgad’ora se eu, amand’assi,
dev’a seer desamado por én.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 921, V 509

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 339-340); Donati (1979: 81-82 [= LPGP 857-858]); Littera (2016: II, 397).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 185); Braga (1878: 97); Machado & Machado (1953: IV, 281).
III. Antoloxías: Gonçalves & Ramos (1983: 150); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 201); Diogo (1998: 258-259); Souto Cabo (2017: 224).

Variantes manuscritas


1 Muitos a que Deus quis dar] Muytus aque des quis der V   2 muit’alto] multalto B : miritodro V; linhag’e] hnhan B : linhaie V   3 seu plazer] ssen plaçer V   4 vencer] uenter BV   6 mundo] munde BV; venci] uē ej V   7 a que] ujue B   9 fremosa] ffremossa V; nacer] nater V   10 coraçon] coracon B   11 qua[n]tos] quarꝯ B : qua*us V   12 querran] queirā B; ja; e] ie V   13 aven] auẽ V; o que eu non mereci] a que eu u’ meriçi B : oq̅ eu nõ meriçi V   14 desamor] des amol B   15 amar] a mur V   16 quantos] ꝙ̄tus V   17 quantos] ꝙʷtes B; vencer] uẽzer V   18 venço-os] Vēroos̄ B : uē ecos V; querendo] quereudo B   19 pero] E ꝑo B   20 quando a vi] quāda oy V   21 e] o V; contra] coutra B; mí ten] mī rē V   22 Portugal] poreu gal V   23 amand’assi] amanda ꝯsy B : amādo sy V   24 seer] soer V

Variantes editoriais


1 Muitos] Muytus Donati   6 mundo] mund(o) Nunes   11 qua[n]tos] quantus Donati   12 pero est’é as[s]i] per(o) est’ assi Nunes : pero est’ é asi Donati : pero éste assi Littera   15 Pero de atant’amar] Pero de a tant’amar Nunes, Donati   16 qua[n]tos] quantus Donati   18 eu] en Donati, Littera   21 mí] min Nunes   23 assi] asy Donati

Paráfrase


(I) Moitos a quen Deus quixo dar moi bo siso e moi alta liñaxe e gran poder e outro moito ben, para o seu gozo, en todo iso me poden vencer ben; (mais) sei eu isto e sei outra cousa de min: que a todos os deste mundo eu vencín no amor, amando a que me ten no seu poder.

(II) A mellor dona e de mellor siso e máis fermosa que Deus fixo nacer, esa sei de corazón amar máis que cantos xa amaron ou amarán donas; e aínda que iso é así, acontéceme o que eu non merecín: o gran desamor que ela me ten por iso.

(III) Aínda que en tanto amar, segundo eu penso, máis que cantos outros Deus quixo facer nin  cantos coidan vencerme nisto, vénzoos amándoa moito, pero nunca recibín dela outra cousa agás gran saña, desde que a vin, e o mal talante que ten contra min.

(1) E, señor rei de Portugal, xulgade aquí agora se eu, amando así, debo por iso ser desamado.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:88) + 10c 10c 10a

Encontros vocálicos: 6 mundo‿eu; 7 amando‿a; 12 pero‿est’; 13 ende‿o

Notas


Texto
  • 1

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<muytus>, v. 1; <quatus>, v. 11; <ꝙ̄tus> v. 16); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 2

    O sufixo galo-románico -age xa comeza a mostrar indicios de nasalización (e consolidación da consoante nasal) ao longo do corpus, nomeadamente en peage ~ peagen (véxase Glosario, s.v.). No caso de linhage ~ linhagen, a primeira forma aparece sempre en final de verso por cuestións rimáticas, en combinación, entre outras, coa forma verbal trage, ou, como no presente contexto, pola necesaria segmentación da copulativa.

  • 3

    Neste verso rexístrase a forma plazer, certamente minoritaria en relación a prazer (véxanse tamén 7.44, 9.1, 20.23, 62.3 102.11, 412.29 e 1624.1, así como a variante de V en 576.2). Esta variante fonética para o tratamento do grupo latino pl- debe ser relacionada coa evolución doutros grupos, como cl- e fl-: estes grupos, para alén do resultado [t͡ʃ], ofrecen, nalgúns vocábulos, a solución rotatizada cr-pr- e fr- como resultado diverxente; neste sentido, convén insistir na frecuencia con que no territorio galego-portugués alternan as solucións cr-/cl-, pr-/pl- e fr-/fl- pola vacilación fonética [ɾ] ~ [l] nestes grupos. Así, a carón do xeral preito, achamos un caso de pleito (434.13) e mais o sistemático planeta (1340.2, 3, 8, 12 e 27; 1451.23); por súa vez, sendo clerigo forma única, existe vacilación entre clerizia (1340.11, 1497.36) e crerezia ~ crerizia (888.43, 917.3); por último, fronte ao maioritario frol e fror, rexístrase tamén flor (113.15, 517.17, 551.16, 585.1 e 4, 864.19, 866.2), para alén do antropónimo Flores (530.9, 772.10).

  • 11

    Nótese o hipérbato, co deslocamento de donas: «essa sei de coraçon ben querer / máis de quantos quiseron ben donas / nen querran ja».

  • 13

    O Cancioneiro da Biblioteca Nacional presenta a lección <u’> como un erro por <ñ>, forma abreviada de non que é limitadamente presente no corpus das cantigas: 509.6 e 521.11 en BV; mais rexístrase no Cancioneiro da Vaticana en 544.6, 857.13 e 1447.10 (<ũ> = <ñ>). No Cancioneiro da Ajuda é certamente rara a súa aparición, que só localizamos na abreviación de non no refrán da derradeira estrofa de A 75 (164.24) e mais en A 114 (214.13).
    Por máis que a variante fonética merici conte con tres ocorrencias na prosa galego-portuguesa (Crónica Troiana e Demanda do Santo Graal, cfr. CGPA, s.v. merici, meriçi), interpretamos que a forma subministrada por BV pode deberse a un erro do antígrafo, á vista da maciza aparición da forma mereci no corpus poético (e na prosa).

  • 15

    A partir da posibilidade de segmentación do indefinido atant(o), Nunes e Donati prefiren isolar un pronome a, referido á dona, CD de amarPeor de a tant'amar... vs. Pero de atant'amar...

  • 18

    O uso do xerundio introducido pola preposición en é certamente escaso no corpus trobadoresco profano, pois só se localiza noutras duas pasaxes (856.9, 917.1). Porén, é extraordinariamente frecuente na prosa, en todo o tipo de obras durante a Idade Media, pois, como indica Epifânio da Silva Dias, na lingua arcaica «[q]uando o partic. em -ndo designa tempo, hypothese ou condição, pode ser precedido da prepos. em» (Dias 1970: 242).

    Por outra parte, repárese en máis outra aparición do pronome lhi, singular, con valor de plural, tal como acontece até hoxe en parte do territorio galego-portugués.

  • 19

    Máis unha vez aparece de modo espurio unha copulativa inicial (en B), tal como a métrica indica (e V rexistra). Neste sentido, existen diversas pasaxes ao longo do corpus en que, a partir do testemuño diverxente dos manuscritos se pode determinar con seguranza o carácter espurio da copulativa, feito que acontece con certa frecuencia, especialmente no inicio do verso. Véxase, entre outros, B vs. A (66.14, 96.10, 128.14, 224.7, 241.22, 306.13, 312.5 E 13), A vs. B (129.28), A vs. BV (1236.10 E 16), B vs. V (429.28, 851.12, 950.7, 1631.7), V vs. B (740.10, 935.6, 1148.9). E noutros casos, a pesar da coincidencia dos testemuños, existen razóns sintácticas, métricas ou doutro tipo que aconsellan a antecitada expunción.

  • 20

    Na expresión trobadoresca detéctase a confusión e/ou alternancia vi-oi (veer-oir), como mostran algunhas leccións diverxentes ao longo do corpus. Véxase tamén <oi> A vs. <vy> B (217.7).
    Na presente pasaxe sería posíbel fixar o texto seguindo V, con pleno sentido e con métrica correcta, aínda que un dos tópicos definitorios do xénero da cantiga de amor é precisamente o amor/coita desde a primeira visión da dama:
              pero que nunca del’al entendi
              senon gran sanha, des quand’a oi,
              e mal talante que contra mí ten.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado