I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 374-375); Rodríguez (1980: 105 [= LPGP 405]); Littera (2016: I, 432-433).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 195); Braga (1878: 103); Gassner (1933: 407); Machado & Machado (1953: IV, 325-326); Fernández Pousa (1959: 96).
6 diga o] digo B 7 morrerei] moirerey B 10 i] lhi B 14 se mi vos] serauꝯ V 16 faça] faza V 19 fala] falha V
1 do] de Nunes 7 E] e[u] Nunes 10 i] lhi Nunes 13 [E]] om. Nunes; sofri] sofr’i Littera 14 én] eu Nunes
(I) Señora fermosa, de boa figura, aínda que morro amándovos, se vos digo que é moito o mal que me vén por vós, non me queredes dicir nada, aínda que no mundo eu non coñezo muller que tan ben exprese o que quere dicir.
(II) E, miña señora fermosa, morrerei de tanto mal como me fai Amor por vós, e, se volo digo, señora, non me dicides o que podo facer ao respecto diso, aínda que no mundo eu non coñezo muller que tan ben exprese o que quere dicir.
(III) E estas grandes coitas que sufrín por vós, se delas me vos veño queixar, como se non soubésedes falar, non me dicides o que eu faga ao respecto, aínda que no mundo eu non coñezo muller que tan ben exprese o que quere dicir.
(1) E, pois non fala quen ben di o que sexa, como falará ben quen non souber (falar)?
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:96) + 10c 10c
A elección entre as leccións de B (lhi) e V (i) inclínase para o Cancioneiro da Vaticana non só por razóns semánticas mais tamén pola simetría construtiva co v. 16:
non mi dizedes o que i farei (v. 10)
non mi dizedes o que faça i (v. 16).
A corrección métrica do verso coa copulativa inicial é a solución ecdótica máis natural na fixación do verso, tal como acontece frecuentemente ao longo do corpus das cantigas profanas. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.
Por outra banda, a segmentación de i como palabra rimante non é pertinente, pola reaparición do mesmo adverbio no v. 16.
Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); o pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); o verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.8); velida <uolhi da> BV (676.12) etc.
A forma verbal quer (P3 do presente indicativo) formou historicamente diversos pronomes indefinidos, algúns deles exclusivos da lingua medieval, como que-quer ‘algo, calquera cousa, sexa o que for’, que tamén aparece noutras cantigas como tal pronome (24.23, 55.21, 238.23, 719.14, 887.21, 1244.13) ou facendo parte da locución pronominal al que-quer ‘outra cousa calquera’ (141.12, 254.6, 684.9), que constitúe a versión positiva de al ren (véxase nota a 72.21) ou al nada (véxase nota a 708.16).