I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 904); Panunzio (1992 [1967]: 95-96 [= LPGP 782-783]); Littera (2016: II, 294).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 207); Braga (1878: 111); Machado & Machado (1953: IV, 376-377); Fernández Pousa (1956: 818); Juárez Blanquer (1988: 114).
III. Antoloxías: Gutiérrez (2023: 213).
3 ca mia] ma ca B 6 valra] ualtra B 7 pecado] peccado B 10 coraçon] coracon B 13 tẽedes] teendes B : teēdes V 16 prijon] prigon BV
O segundo verso de cada estrofa non forma parte do refrán (intercalar) en ningunha das precedentes edicións.
5 me] mi Michaëlis, Panunzio, Littera 13 tẽedes] teendes Panunzio, Littera 15 vos] vos Michaëlis : vus Panunzio 16 moiro] moir(o) Michaëlis; prijon] prigon Panunzio
(I) Pois tanto mal me facedes, señora, se me non valedes, sei que da miña morte oiredes (falar) en moi pouco tempo. Señora, se me non valedes, non me valerá ninguén excepto Deus!
(II) Un gran pecado cometedes, señora, se me non valedes, pois vós sodes e seredes a coita do meu corazón. Señora, se me non valedes, non me valerá ninguén excepto Deus!
(III) Xa que baixo tal poder me tendes, señora, se me non valedes seredes censurada por iso se morro na vosa prisión. Señora, se me non valedes, non me valerá ninguén excepto Deus!
Esquema métrico: 3 x 8’a 8’A 8’a 8b 8’A 8B (= RM 13:60)
Encontros vocálicos: 3 o·i·re·des; 15 ve͜e ·re·des; 16 moiro‿en
O Cancioneiro da Biblioteca Nacional presenta unha sorprendente inversión de elementos (<Sey ma ca mortoyredes>), ao tempo que a forma ma do posesivo feminino. En xeral, esta forma ma é produto dun erro de copia, como mostran as varias leccións <m\h/a> ou <m\h/as> dos apógrafos italianos: 599.13, 678.8, 966.8, 984.1, 1009.1, 1297.1. Para alén disto, en xeral a forma ma(s) aparece só nun dos cancioneiros, fronte aos restantes testemuños manuscritos coa forma <mia> ou <mha>: B vs. A (190.r1 na estrofa II, 197.9), AB vs. V (403.14, 404.1), V vs. B (505.3, 506.13 e 21, 554.10, 556.9, 557.17, 604.r2, 605.4 e 10, 609.4, 625.1, 636.1, 794.9, 859.3, 887.5 e r1 nas estrofas I-III, 966.8, 970.12, 992.3, 1000.16, 1002.r2 na estrofa III, 1165.r2 na estrofa I, 1453.4 e 7, 1457.3, 1459.r1 e r2 na estrofa II, 1468.1, 1469.2, 1470b.6, 1483.r), AV vs. B (887.5 e r1 nas estrofas I-III), e B vs. V (548.5, 632.1, 634.13, 690.1, 1363.r2 na estrofa II).
A restauración da preposición de é obrigada pola hipometría versal e a súa aparición noutros contextos coa mesma expresión:
Queixades-vos del, mais, se Deus quiser,
saberedes a pouca de sazon
que nunca disse de vós se ben non (1019.9).
ca atal era outr’amor de meu tio
que se botou á pouca de sazone (1572.12).
ca en pouca de sazon
aque-m’un infançon ven (1641.17).
Nótese a variación me ~ mi no segundo verso do refrán (mi en todas as ocorrencias do pronome agás neste verso), en liña coa alternancia das dúas formas na lingua trobadoresca e mais na lingua medieval en xeral. Cfr. nota a 27.4.
O verbo prasmar (‘censurar’) non reaparece en texto galego ningún, mais é frecuente en textos xerados en territorio portugués, nomeadamente do século XV (véxase CGPA, s.v.).
Obsérvese a variante prijon, que se rexistra tamén en 1234.14 (Sacade-me, madre, destas prijões), forma minoritaria a respecto de prison, que se atesta repetidamente no corpus, a pesar da regular evolución da primeira forma (do lat. prehensionem, con metátese de iode e palatalización de /s/) en face da evolución diverxente con simple desaparición de iode (véxase Ferreiro 1999 [1995]: §107b). Nótese, ademais, a lección <prigon> de BV, con grafia <go> = /ʒo/, que é relativamente frecuente en textos medievais (véxase CGPA, s.v. prigon, prigõ, prigom, prigões etc.).