No Cancioneiro da Vaticana, entre as estrofas II e III, aparece copiada e riscada cunha raia a estrofa IV, que despois reaparece no seu lugar:
(Par đs de cruz dona sey q̄ādades
(q̄ā dades)
damor mui coytada q̄ tā ben cantades
cantigas)
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 141-142 [= LPGP 245]); Morabito (1987: 15); Cohen (2003: 207); Littera (2016: I, 253).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 128); Braga (1878: 61-62); Machado & Machado (1953: IV, 15).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 91-93); De la Iglesia (1886: II, 219); Pellegrini (1928: 25); Cidade (1941: 36); Seoane (1941: 74-75); Nemésio (1961 [1949]: 209); Fernández Pousa (1951: 72); Nunes (1959: 388-389); Oliveira & Machado (1959: 124); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 103); Álvarez Blázquez (1975: 194); Landeira Yrago (1975: 297); Torres (1977: 192); Correia (1978: 268); Reckert & Macedo (1980: 226); Fiúza (1981: 95-97); Gonçalves & Ramos (1983: 301); Dobarro Paz et alii (1987: 49; Ferreira (1988: 89-90); Sansone (1990: 334); Ferreira (1991: 113); Jensen (1992: 100); Alonso Girgado (1992: 7); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 48); Diogo (1998: 257); Vallín (1999: 31); Arias Freixedo (2003: 878-879); Magalhães (2007: 92); Mongelli (2009: 177); Souto Cabo (2017: 79); Corral Díaz & Vieira (2023: 119-120); Gutiérrez (2023: 23).
1 sirgo] sugo V 2 voz] uos B; fremoso] fremosa B : fremosmo V 4 sirgo] sugo BV 5 voz manselinha fremoso] uor māssel inha f’mosa B : uoz māsselmha fr̄moso V 13 adevinhades] adeuyhades V
(I) Estaba a fermosa fiando na seda, coa súa voz moi doce belamente dicindo cantigas de amigo.
(II) Estaba a fermosa labrando na seda, coa súa voz moi doce belamente cantando cantigas de amigo.
(III) –Por Deus crucificado, dona, sei eu que tendes un amor moi coitado, pois tan ben dicides cantigas de amigo.
(IV) –Por Deus crucificado, dona, sei eu que andades moi coitada por amor, pois tan ben cantigas de amigo.
(1) –(Seica) comestes voitre, que adiviñades.
Esquema métrico: 12’a 11’a 5’B (I-II) + 11’a 11’a 5’B (III-IV [= RM 26:61]) + 11’c
Como acontece esporadicamente no conxunto das cantigas de amigo, naquelas composicións que presentan unha factura máis arcaizante e/ou tradicionalizante pode existir certa vacilación métrica entre estrofas. Véxanse, por exemplo, as cantigas 585 (Don Denis), 656 (Nuno Fernandez Torneol) ou 1207 (Pero Meogo).
Este verso, igual que o v. 4, acumula trazos arcaizantes de diverso teor. En primeiro lugar, a forma sedia, forma protorrománica anterior a siia (sĕdēbat > sedia > seía > siía), concorrente con era (< ĕrat) –pola convivencia dos paradigmas derivados de esse e de sedere– que se rexistra nalgunhas pasaxes trobadorescas: vós lhi tolhestes os ramos en que siian (656.14 e 19); e ũa pastor siia / cantando con outras tres / pastores (691.3); Ũu cavaleiro avia / ũa tenda mui fremosa, / que cada que nela siia (1448.3); e o peon levantou-s’e fodeu, / e nunca ar soube de contra u siia (1509.7); como lh’outra vez ja filhou / a cadeira u siia / o Filh’! (1546.9); Ficou ja a dona mui ben-andante, / ca a loaron quantos ali siian (1623.9). Tamén nos textos prosísticos aparece esta forma siia, así como a variante con crase (sia, sias etc.) (véxase CGPA, s.v.). En calquera caso, a variante arcaica sedia presenta outras dúas ocorrencias nas cantigas, en cadansúa cantiga de Meendinho e de Afonso Lopez de Baian (en ambos os casos como produto dunha emenda de <Seria>):
Sedia-m’eu na ermida de San Simion
e cercaron-mi as ondas que grandes son (848.1).
Sedia-xi Don Belpelho en ũa sa maison,
que chaman Longos, ond’eles todos son (1489.1).
Ademais, neste verso (así como no v. 4) evidénciase a conservación de /l/ nunha forma do artigo nunha cantiga de amigo (véxase Ferreiro 2008, 2013), tal como acontece noutras cantigas (587, 609, 704, 781, 825, 864, 891, 892, 903, 969, 1130, 1166, 1167, 1169, 1201, 1206, 1281, 1294, 1297, 1299, 1304 e 1314) e do mesmo xeito que acontece coas correspondentes formas pronominais (cfr. nota a 586.5).
E dun modo similar, a voz sirgo, na altura cronolóxica das cantigas (tamén en 920.4, 1323.8), debía xa de ser un arcaísmo, desprazada por seda (só en 1634.14), forma xa maioritaria nos textos medievais (véxase CGPA, s.v. sirgo, seda).
Nótese, por outra parte, como en sirgo se reitera o erro <u>/<ir>, en V neste verso, e en BV no v. 4. Tal confusión dos copistas rexístrase con algunha frecuencia ao longo do copus nun ou noutro cancioneiro: fugirei <ffuguey> V (478.24), irmos <humꝯ / humos> V (604. 5 e 17), ir <hu> (= hir) B (933.10) etc. Véxanse aínda máis exemplos en 480.17.
De calquera forma, tanto este verso como o v. 4 móstranse hipermétricos con relación ao resto da cantiga, precisamente pola aparición da forma la do artigo, que impide unha sinalefa *sedia‿a que posibilitaría a medida hendecasilábica do verso.
A copia do verso en BV presenta algúns lapsos que afecta ao adverbio fremoso, coa aparente posibilidade en B de ser interpretado como un adxectivo fremosa a concordar con voz (*sa voz manselinha, fremosa dizendo); porén, nótese como a lección <fremosmo> de V (con erro condicionada polo mansenlinha anterior) xa apunta ao adverbio fremoso, que despois, no v. 4, é confirmado en V (de novo con lapso de copia en B).
A voz manselinho/a é unha mostra de dupla sufixación -elo+-inho (véxase Ferreiro 2001 [1997]: §464; Freixeiro Mato 2014) que o adxectivo (ou adverbio) presenta noutros dous contextos do corpus trobadoresco profano (Lourenço e Airas Nunez):
A moça ben parecia
e en sa voz manselinha
cantou e diss’a meninha: / ... (1277.8).
Pois que a grilanda fez a pastor,
foi-se cantando, indo-s’én manselinho,
e tornei-m’eu logo a meu caminho (864.26).
O mesmo acontece co adxectivo fraquelinha, utilizado por Joan Garcia de Guilhade nunha cantiga de escarnio en claro contraste coa aparición de -elinho ligado aos xéneros amorosos:
Dona Ouroana, pois ja besta avedes,
outro conselh’ar avedes mester:
vós sodes mui fraquelinha molher
e ja máis cavalgar non podedes (765.4).
E aínda se rexistra o substantivo mocelinha na mesma cantiga de Guilhade:
Que feramente as todas venceu
a mocelinha! En pouca sazon
de parecer todas vençudas son (765.14).
A voz mocelinho atéstase tamén nas Cantigas de Santa Maria:
..., assi proug’aa Virgen, que dos çeos é Reynna:
fez que o moço pedisse de comer, e foi aginna
guarid’e trebellou logo conos outros moçelinnos (CSM 389.38).
En calquera caso, esta re-sufixación con -inho sobre un anterior sufixo -elo/-a revela como este sufixo xa deixara de ser produtivo e de ser utilizado nas formación diminutivas.
A restauración de eu neste verso, en paralelo con sei eu que avedes (v. 7) é necesaria para a medida hendecasilábica.
É certamente salientábel a fiinda desta composición, que supón un abrupto final nunha cantiga de amigo de desenvolvemento convencional.
O voitre é ave que rara vez se acha nomeada nos textos medievais, onde, alén da forma avuitor da presente cantiga, só comparece coa forma voutre (variante máis conservadora, anterior á disimilación de [oj] a partir do lat. uŭltŭrem; véxase Ferreiro 1999 [1995]: §99b) nunha cantiga de Joan Airas de Santiago:
e con patela gorda máis me praz
que con bulhafre, voutre nen viaraz (1015.17).
Nos textos prosísticos só conseguimos achar a forma vuitor na tradución galega da Crónica de España e da Crónica de Castilla: Et aj[ũ]tarõsse todos en aquel [lugar a] que en arauigo dizẽ Canãtalaçor, et en castelão quer dizer "altura de vuytores" (cfr. Lorenzo 1975: I, 218).
En calquera caso, convén lembrar que xa desde Plinio o voitre foi relacionado con diversos agoiros (véxase Montero Curiel & Montero Curiel 2005: 226), feito cultural extenso: «A crenza de que a carne –ou a cabeza, ou o fígado– de voitre permite a quen a come ver o futuro ou ver as cousas ocultas, está testemuñada en varias culturas» (Larson 2019 [2018]: 176, n. 58).