I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 302); Stegagno Picchio (1968: 141 [= LPGP 631]); Littera (2016: II, 97-98).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 174); Braga (1878: 90); Machado & Machado (1953: IV, 234-235).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 82).
1 rogar] roguar BV 9 en] eti V 10 pouco] pouca V
1 vos] vus Stegagno Picchio; rogar] roguar Nunes, Stegagno Picchio 2 vos] vus Stegagno Picchio 9 se o parardes en lezer] se non parardes-mi lezer Nunes : se o [nom] parardes em lezer Littera
(I) Véñovos rogar, miña señora, co grande amor que vos teño, que me vallades, pois ben sei que se me dura máis esta coita, a miña vida pouco será xa.
(II) Aínda que me queirades valer, ai coita do meu corazón, ben sei eu (unha cousa), así Deus me perdoe: se o dispuxerdes (para que terminase) en gozo, a miña vida pouco será xa.
Esquema métrico: 2 x 8a 8b 8b 8a 8C (= RM 155:19)
Ao longo do corpus das cantigas profanas detéctase a aparición dunha locución e que de carácter concesivo (‘aínda que’), ás veces emendada polos editores para en que (ou segmentada por medio da puntuación), por ser infrecuente no período medieval:
se poderia de vós aver ben,
e que fezes[s]’eu i pesar a quen
vós sabedes no vosso coraçon
que vos fez el muitas vezes pesar (402.6);quand’aqui chegar,
e que lh’eu falar non quiser,
muito terrá que baratou
mal porque tan muito tardou (729.4);pois m’el ben quer, e que lh’eu faça mal,
que faria se lh’eu fezesse ben? (743.5);E que me non pesass’a mí por al,
pesar-mi-á [én] muito por ũa ren: / ... (818.7);e des oimais, quer se queixe, quer non,
e que se queixe, non mi pode dar
maior afan (1128.12).
De todos os xeitos, a existencia desa locución é confirmada polo seu uso en obras fóra do ámbito das cantigas:
E que [ed.: E, que] vos eu quisesse contar como el rei dom Rodrigo era vestido e da sua nobreza, certo eu nõ saberia dizer cõ verdade (Crónica Geral d'Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: 330);
e que o fosse, foy-o de hũu mui nobre rrei (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 255).
Interpretamos que a cantiga presenta unha formulación paradoxal: o namorado afirma que terá pouca vida se a senhor non lle vale, e, asemade, se lle concede os seu favor tamén será breve a súa vida; isto é, morre de amor por non o ter ou, tamén, se o tiver. Foi probabelmente este carácter paradoxal o que levou a outros editores a intervir no texto enviado polos manuscritos; así, a versión de Nunes supón unha refacción textual sen fundamento, mentres que na edición de Littera, a introdución dunha partícula negativa para solventar a aparente contradición converte en hipermétrico o verso.
A versión deste refrán en V suporía unha variación a respecto da primeira cobra, onde pouco funciona como adverbio, fronte a pouca, adxectivo a concordar con vida.