660 [= Tav 106,22]
Vi eu, mia madr’, andar

Vi eu, mia madr’, andar
as barcas eno mar,
e moiro-me d’amor.
Foi eu, madre, veer
as barcas eno ler,
e moiro-me d’amor.
As barcas [e]no mar
e foi-las [a]guardar,
e mo[iro-me d’amor].
As barcas eno ler
e foi-las atender,
e mo[iro-me d’amor].
E foi-las aguardar
e non o pud’achar,
e mo[iro-me d’amor].
E foi-las atender
e non o pudi veer,
e mo[iro-me d’amor].
E non o achei i,
que [eu] por meu mal vi,
e moi[ro-me d’amor].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 645, V 246

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 74-75 [= LPGP 693-694]); Sodré (1998: 87); Cohen (2003: 130); Pousada Cruz (2013: 272); Littera (2016: II, 187-188).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 94); Braga (1878: 49); Machado & Machado (1952: III, 306-307); Camargo et alii (1995: 44-45); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 108).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 46-47); Tavares (1943 [1923]: 50-51); Varela Jácome (1953: 14-15); Nunes (1959: 369-370); Oliveira & Machado (1959: 108-109); Tavares (1961: 46-47); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 51); Álvarez Blázquez (1975: 65-66); Landeira Yrago (1975: 158-159); Reckert & Macedo (1980: 128); Fiúza (1981: 48-49); Beltrán (1987: 46-47); Ferreira (1988: 79); Tavani (1989: 10); Pena (1990: 157-158); Jensen (1992: 246); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 176); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 77-78).

Variantes manuscritas


5 ler] lez BV   10 ler] lez B : lex V   11 atender] ateder V   19 achei] acheu V

Variantes editoriais


Nunes acrecenta unha hipotética estrofa oitava:

            [E non o achei lá,
            o que vi por meu mal:
            e moiro-me d’amor].

5 ler] lez Littera   10 ler] lez Littera   17 pudi] pud’i Cohen, Pousada Cruz, Littera : pud i Sodré   20 [o] que por meu mal vi Nunes, Sodré, Littera : que por meu mal [eu] vi Cohen

Paráfrase


(I) Vin eu, miña nai, andar os barcos no mar, e morro de amor.

(II) Fun eu, madre, ver os barcos na ría, e morro de amor.

(III) Os barcos no mar, e funos esperar, e morro de amor.

(IV) Os barcos na ría, e fun esperar por eles, e morro de amor.

(V) E funos esperar e non o puiden achar, e morro de amor.

(VI) E fun esperar por eles e non o puiden ver, e morro de amor.

(VII) E non o achei alí, o que eu por meu mal vin, e morro de amor.

Métrica


Esquema métrico: 7 x 6a 6a 6B (= Tav 26:125)

Notas


Texto
  • *

    O número impar de estrofas, inédito nas cantigas de amigo de tipo paralelístico, levou Nunes a acrecentar unha hipotética estrofa final. Para o noso entender, trataríase de máis unha variación deste autor sobre o procedemento do leixa-pren máis regular, de forma que ás seis primeiras estrofas con rimas alternas -ar/-er, segue unha sétima estrofa conclusiva con rima independente, que cumpriría a función normalmente desempeña a fiinda.

  • 4

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso (e mais nos vv. 11, 13 e 16): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 5

    Igual que acontece na cantiga 1164, de Joan Zorro, a forma <lez> (e <lex>) dos manuscritos debe ser emendada (Littera mantén lez) en prol de ler (‘ría, mar’), conforme a estrutura rimática da cantiga e o paralelismo sinonímico, pola probábel existencia, na altura cronolóxica das cantigas, desta voz de procedencia céltica (véxase Tavani 1988c). Porén, debe tamén ponderarse o principio, explicitado por Cunha na edición de Joan Zorro, de “não substituir uma dificuldade por outra”, razón por que o editor brasileiro mantén lez, embora non resulte convincente a súa tentativa de relacionar esta voz con lezer ou con lezíria (véxase Cunha 1999 [1945]: Glossário, s.v. lez).
    O erro <r>/<z> pode acharse ao longo dos cancioneiros italianos en bastantes ocasións en posición final e tamén en posición interior. Véxanse algúns exemplos en final de palabra:  por <poz> B (335.10);  porque <poz q̄> BV (381.13); parecer <parecez> B (429.29); sofredor <ssof’doz> B, desejar <deseiaz> V (624.11, 14); morrer <morrez> V (1469.20), comprar <cōpraz> B (1586.17) etc. Cfr. nota a 732.10.

  • 7-8

    A copia destes versos (repetidos nos vv. 10-11) en BV mostra con que facilidade certos elementos lingüísticos poden ser esquecidos nos proceso de copia, especialmente cando forman parte da variación fono-morfolóxica da lingua, cal no/eno ou guardar/aguardar.

    A minoritaria forma eno aparece con certa frecuencia ao longo dos cancioneiros, sempre a convivir coa variante máis evoluída no. Neste caso, o leixa-pren indica a necesidade da restauración da forma coa vogal inicial (cfr. v. 5).

  • 8

    Nesta cantiga rexístrase conservación de /l/ nunha forma pronominal en posición posvocálica por motivos de retórica arcaizante (véxase Ferreiro 2008b, 2013a), igual que noutras cantigas de amigo (586, 646, 647, 1205, 1236) e do mesmo xeito que acontece coas formas do artigo (véxase nota a 587.3).

  • 17

    Na nosa opinión, é xustamente a presenza do adverbio i no v. 19 que desaconsella a segmentación neste verso desta forma adverbial (*pud’i), tal como Cohen e Sodré e mais Pousada Cruz propoñen. Nótese, por outra banda, a hipermetría deste verso, perfectamente paralelo ao v. 14 (e non o pud’achar – e non o pudi veer), que confirma a posibilidade de existencia dalgunhas irregularidades métricas nas cantigas de factura máis tradicionalizante.

  • 20

    A métrica e o sentido xustifican a suplementación do verso co pronome eu, frecuentemente omitido nos apógrafos italianos. A expresión que por meu mal vi é moi frecuente no corpus trobadoresco, ás veces sen explicitación do pronome de P1 (177.2, 179.18, 193.14, 195.6, 509.10, 855.14, 1000.9, 1091.5, 1604.20), que vai sempre ao inicio (que eu por...) e nunca precedendo a forma verbal vi (solución de Cohen): e a senhor que eu por meu mal vi (131.17); por vós, que eu por meu mal vi (168.9); senhor, por vós, que eu por meu mal vi (237.7); nen vós, sen[h]or, que eu, mal dia nado, / por meu mal vi (259.25-26); A mia senhor, que eu por meu mal vi (332.1); de vós, que eu por meu mal vi (363.14); Senhor, que eu por meu mal vi (418.1); u non vir vós, que eu por meu mal vi (523.r); Mui fremosa, que eu por meu mal vi (810.7); pois mia senhor, que eu por meu mal vi (997.16); e vós, que eu por meu mal vi (1062.21); a mia senhor, que eu por meu mal vi (1085.r2).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado