I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 406-407); Alvar (1986: 52 [= LPGP 840-841]); Cohen (2003: 470); Littera (2016: II, 378).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 289); Braga (1878: 158); Michaëlis (1990 [1904]: II, 541); Machado & Machado (1956: V, 349).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 199); Arias Freixedo (2003: 256-257); Ferreiro (2023a: 38).
5 gran] grã B 6 Comel as las q̄renbē B 14 vos] uus V 17 mí] mī V; gran] grã B
4 ca vos pejurades] ca vós pe[r]jurades Nunes, Alvar : ca vos pe[r]jurades Cohen, Littera 6 os] òs Alvar : ós Cohen 12 os] òs Alvar : ós Cohen 14 vos vós] vós vos Cohen, Littera 18 os] òs Alvar : ós Cohen
(I) Ai meu amigo, aínda que ante as donas, cando as vedes, vós andades xurando sempre que non me queredes ben, elas entenden que perxurades e que me amades a min tanto como elas aman os seus amigos.
(II) Aínda que vós ides xurar ante elas que non facedes o que vos eu mando, canto máis lles ides falando de min tanto máis entenden que lles mentides e que me amades a min tanto como elas aman os seus amigos.
(III) E seguide facendo todo aquilo que vós de todos os modos queredes facer, porque elas entenden que a vosa cantiga de mestría foi por min feita e que me amades a min tanto como elas aman os seus amigos.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10C 10C (= RM 160:255)
Nesta cantiga, xunto con 1385.13, rexístrase a variante pejurar (emendada por todos os editores, aínda que Cohen recoñece que «peiurare is a common form of the Latin verb»), que convive coa forma maioritaria perjurar no corpus das cantigas.
Nesta variante produciuse unha evolución [ɾʒ] > [ʒ] que tamén se detecta noutras obras medievais (véxase CGPA, s.v. pejurar, peiurar). Así acontece na Crónica Troiana:
porque sodes dizidor et porque fezestes per uosas trayções por que nós senpre seremos desditos et pusfaçados por desleaes et por traedores et por falsos et peiurado [...] Et eles así o fezerõ, ca todos pasarõ per alí et guardaron moy bẽ seu juramento, ca os traedores Antenor et Eneas falarõ cõ eles, en guisa que se nõ peiurarõ en cousa que fezesem.
E tamén na Historia Troiana:
Et diso: “prendeu Ercoles as amenas de Troya pejuradas duas vezes” [...] Et en todas las tuas presas, te prometo de ajudar ' todas estas cousas lle [outorgou] Jaason, et jurou o todo asy conplidamẽte cõmo o ella demãdou mays depoys se pejurou, ca lle nõ atendeu nẽgũa cousa de quanto lle jurou.
Alén da prosa literaria, achamos pejuro/a tamén na documentación tabeliónica, sempre en documentos serodios:
et se por ventura o quisese faser, o que Deus non queira, que me non valla nen seia oyda sobrello en juiso nen fora del, et de mays que eu fique pejura, et esta carta fique firme et valiosa et cunprase en todo (doc. de 1378);
et se o feser, que me non valla nen seia sobrello oyda et fique por ello pejura (doc. de 1381);
et juro a Deus e a bõã fe que nunca vãã nen pase contra esta dita doaçón e esmolna nen a revoque per min nen per outro en juyzo nen fora del en tempo nihún, e queréndoo fazer que me non valla e que seja por ello enfame e fe pejuro (doc. de 1404).
En B rexístrase un erro de copia neste segundo verso do refrán, que encontra a súa causa na repetición de queren (salto de igual a igual): <Comel as q̄renbē> = com’elas [queren os que] queren ben.
Por outra parte, é inxustificado, mesmo errado, considerar a existencia da preposición a (na contracción òs, que non se documenta na altura cronolóxica das cantigas) proposta por Alvar e Cohen para introducir os que queren ben, complemento directo de queren, que non precisa tal elemento (véxase Ferreiro 2010a: 245-246).
Fronte á posibilidade de e, pero, con independencia sintáctica das dúas conxuncións, optamos pola locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar por unha ou outra lectura.
A voz camanho, que ten un significado conforme á súa orixe no lat. quam magnum ‘que grande, tan grande’, funciona como un adxectivo cualificativo na lingua medieval; nun caso forma estrutura correlativa con tamanho (< tam magnum):
Non creo que tamanho ben
mi vós podessedes querer
camanh’a mí ides dizer (594.7-9).
É incorrecta a secuencia vós vos a partir das leccións <uꝯ uos> B, <uus uos> de V, que se corresponden co uso dos trobadores, que sempre antepoñen a forma átona á tónica nestas secuencias (... camanho preito vos vós quiserdes andar...).
A relativa frecuencia da terminación gráfica -us no Cancioneiro da Vaticana en voces en que é xeral a terminación -os alcanza o pronome persoal vos, que por veces aparece como <uus> (cfr. un antecedente <uꝯ>), tal como acontece tamén no Cancioneiro da Ajuda.