1301 [= RM 91,2]
Ai ondas que eu vin veer

Ai ondas que eu vin veer,
se me saberedes dizer
por que tarda meu amigo sen min!
Ai ondas que eu vin mirar,
se me saberedes contar
por que tarda meu amigo sen min!
 
 
 
 
5
 

Manuscritos


B 1284, V 890, N 7

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 446); Cunha (1999 [1956]: 394 [= LPGP 610]); Spaggiari (1980: 402); Fernández Guiadanes et alii (1998: 239); Cohena (2003: 519); Littera (2016: II, 82); Cohenb (2016c: 200); Monteagudo (2017: 59).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 303); Braga (1878: 166-167); Vindel (1915: VII); Oviedo y Arce (1917: 42-43); Bell (1923: 167); Nunes (1931: 26); Machado & Machado (1958: VI, 7); Ferreira (1986: 135); Brea (1998: 100); Couceiro Pérez & Fontoira (1998: 24); Monteagudo (1998a: 100); Monteagudo (1998b: 119); Pena (1998a: 77); Pena (1998b: 91); Pena (1998c: 100); Montero Santalha (2004); Tavani (2014: 49).
III. Antoloxías: Seoane (1941: 95); Nemésio (1961 [1949]: 117); Fernández Pousa (1951: 90); Bernárdez (1952: 138); Varela Jácome (1953: 12); Alonso & Blecua (1969 [1956]: 131-132); Nunes (1959: 360); Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 87); Álvarez Blázquez (1975: 159); Landeira Yrago (1975: 87); Torres (1977: 157); Reckert & Macedo (1980: 162); Gonçalves & Ramos (1983: 265); Beltrán (1987: 86); Alvar & Beltrán (1989: 341); Tavani (1989: 16); Pena (1990: 150); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 160); Diogo (1998: 245); Morán (1999: 48-49); [Morán Fraga] (2001: 54); Magalhães (2007: 108); Alvar & Talens (2009: 564); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 96); Corral Díaz & Vieira (2023: 188).

Variantes manuscritas


1 Ai] < >y N   2 me] mi BV   3 min] mi BV   4 ondas] (d)ōnas V; vin mirar] < + > B : uin uirar V   5 me] mi BV

Variantes editoriais


En Nunes e en Cunha o verso do refrán divídese en dous: por que tarda meu amigo / sen mi(n).

2 me] mi Spaggiari   3 min] mi Nunes, Spaggiari   4 mirar] virar Spaggiari   5 me] mi Spaggiari   6 min] mi Nunes, Spaggiari

Paráfrase


(I) Ai ondas que eu vin ver, saberédesme dicir por que tarda o meu amigo sen min!?
(II) Ai ondas que eu vin mirar, saberédesme contar por que tarda o meu amigo sen min!?

Métrica


Esquema métrico: 2 x 8a 8a 10B (= RM 26:103)

Notas


Texto
  • *

    Manuel Pedro Ferreira (1986: 181-183) propuxo a hipótese de que a sétima cantiga do corpus codaxiano puido ser acrecentada nunha fase posterior para substituír a cantiga VI, que sería a última da serie mais que carecía do carácter de epílogo. Iso explicaría que ficase sen notación musical. Polo contrario, a sétima cantiga si ten un claro carácter epilogal e funcionaría, segundo Ferreira, a modo de fiinda da serie.

    Por outra parte, esta cantiga sería o último elemento da secuencia seriada que os textos de Codax constitúen: unha escena moi semellante á presentada en UC 1295: as ondas como narratario ou destinatario interno das preguntas da moza namorada, que quere saber se as elas saben a causa da tardanza do amigo.

  • 4

    Con base na lección dos manuscritos (< + > B, <uin uirar> V, <uĩ mirar> N), Barbara Spaggiari opta por unha lectura vin virar, que resulta artificiosa, coa finalidade de conceder auctoritas textual a V, rexeitando a lección de N. O recurso á autoridade lexicográfica de Cândido de Figueiredo (‘defrontar’), Spinelli-Casasanta (‘esser di fronte; guardare’), Morais Silva (‘olhar para; estar voltado para’) ou Corominas non abonda para nos convencer de que a verdadeira lectura da pasaxe na derradeira cantiga codaxiana non é mirar. Talvez, o que subxace na peculiar proposta da editora italiana é o preconcepto lusitanizante que a leva a rexeitar mirar por canto esta forma verbal non forma parte do padrón portugués moderno e/ou contemporáneo.

    A presenza de mirar no v. 4 da derradeira cantiga de Martin Codax, en par sinonímico con veer, semella indubitábel: Ai ondas que eu vin veer - Ai ondas que eu vin mirar.

    A pertinacia ecdótica de Spaggiari aínda se acrecenta se confrontarmos este testemuño co refrán doutra cantiga codaxiana, que, novamente, achega o mesmo verbo mirar: e miraremos-las ondas (1297.r).

    Sen dúbida, a lección de V constitúe un erro <u>/<m>, que se rexistra nalgunha pasaxe do Cancioneiro da Vaticana: vi <uj> B, <mi> V (1022.5) etc.

    O certo é que mirar (para alén do substantivo miradoiro rexistrado en 1482.8, de Joan Airas de Santiago), procedente do lat. mirāri ‘admirar, ver con asombro’, aparece noutros dous autores da nosa lírica, cales Paai Gomez Charinho e Pedr’Eanes Solaz:

    Sobre mar ven quen frores d’amor ten:
    mirarei, madre, as torres de Geen (893.r2).

    A que vi ontr’as amenas,
    Deus, como parece ben!
    E mirei-la das arenas,
    des i penado me ten:
    eu das arenas la mirei
    e des enton sempre penei.
    ...................................
    E mirei-la das arenas,
    des enton me fez penar: / ... (1236.3, r1, 9).

    Sen dúbida, ten de ser significativo que polo menos dous destes tres trobadores semellen ser orixinarios, conforme os datos de que actualmente dispomos, do occidente pontevedrés, arredor, precisamente, da ría de Vigo (véxase Monteagudo 2018).

    Para alén destas cantigas, o verbo é rexistrado noutros textos medievais de todas as épocas e territorios, tal como mostran as atestacións que conseguimos localizar a partir dos bancos de datos existentes. Así, mirar é forma frecuente na Crónica da Ordem dos Frades Menores (CdP, s.v.), para alén da súa aparición nalgún documento notarial e mais na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España (CGPA, s.v.):

    Depoys que as azes forõ paradas ẽno cãpo, tódaslas donas et donzelas et burzesas da vila se parauã perlos adarues a mirar a aqueles que amauã, cõmo faríã [...] Et el rrey estaua todo mirando.

    En territorio portugués, aparece mirar nunha obra doutrinaria como o Orto do Esposo, de finais do século XIV ou comezos do século XV, así como en diversas crónicas do século XV (CGPA, s.v.).

    Na realidade, mirar prolonga a súa existencia non só en galego, mais tamén en portugués, cun uso continuo, aínda que minoritario e minguante, na literatura portuguesa até a actualidade, conforme atestan os escasos trinta e oito rexistros do infinitivo ao longo do século XX (véxase CdP, s.v. mirar).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado