I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 347 [= LPGP 500]); Lopes (2002: 236); Littera (2016: I, 591-592).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 355-356); Braga (1878: 195); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 146-147); Machado & Machado (1960: VII, 127-128); Ceschin (1980: 250); Camargo et alii (1990: 51).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 228); Tavares & Miranda (1987: 241-242).
1 infanções] infançoes V 2 Santa] sancta V 3 milhoria] nulhoria V 4 poucos] pontos V 6 comi] tomi V 7 vos] uos V 8 das] dis V 11 enton] enta V 13 eles] delles V 15 quando s’erger] quando os erger V 16 atra] arca V 17 os apartados] co arar / tados V 18 comi] comr V
1 infanções] os infanções Lapa, Lopes, Littera 3 milhoria] melhoria Lapa, Lopes, Littera 5 con os] cõn’os Lopes, Littera 6 vida] vi[an]da Lapa, Lopes 8 deron] deram Lopes, Littera 9 foran] foron Lapa : forom Lopes, Littera 11 con nos] cõ-nos Lapa : cõn’os Lopes, Littera 12 vida] vi[an]da Lapa, Lopes 16 atra] cara Lapa, Lopes, Littera 17 con os] cõn’os Lopes; foi] fui Lopes, Littera 18 vida] vi[an]da Lapa, Lopes
(I) O outro día, na feira de Santa Maria, uns infanzóns comeron apartados do resto e déronlles linguados como menú selecto, que nunca tan poucos vin desde que nacín. Eu cos apartados estiven alí apartado da comida, e non comín.
(II) Direivos como foron alí apartados: déronlles das fanecas e dos pescados tanto, para que ficasen moi necesitados, que desde que nacín nunca máis maltreitos vin. Eu cos apartados estiven alí apartado da comida, e non comín.
(III) Apartáronse eles para comeren ben, mellor do que comerían nun almacén de alimentos; e despois, cando non se podían erguer por iso, encolleron as pernas. Eu cos apartados estiven alí apartado da comida, e non comín.
Esquema métrico: 3 x 11’a 11’a 11’a 11b 11B 11B (I-II [= RM 19:8]) + 11a 11a 11a 11b 11B 11B (III [= RM 19:7])
Encontros vocálicos: 1-2 di·a/‿apartados
É necesaria a episinalefa di·a/‿apartados para a medida hendecasilábica, que se mantén firme ao longo de toda a composición.
A pesar de que “la Fiera di Santa Maria era un’occasione festiva che si celebrò in un luogo impossibile da localizzare tra le varie località che frequentò il trovatore” (Marcenaro & González 2024: s.v. Feira de Santa Maria), talvez a través de feira Joan Servando xogue coa ambigüidade de feira de Santa Maria e Santa Maria da Feira, nome dunha poboación no Portugal norteño (estudada en Mattoso & Krus & Andrade 1989), que é repetidamente citada en textos medievais:
Afonso Anriquez furtou dous castelos a sa madre: ũu foi Nevha e o outro o castelo da Feira, que é em terra de Santa Maria (Livros de Linhagens; Mattoso 1980: II/1, 124)
o castello da Feira que he ẽ terra de Sancta Marya (Crónica Geral d'Espanha de 1344; Cintra 1990: IV, 253)
Comparece tamén en diversas pasaxes na Crónica de D. João I de Fernão Lopes (CGPA, s.v.).
Obsérvese, máis unha vez, o aparecemento da forma singular lhi con valor de plural (cfr. lhis no v. 8), que aínda pervive con ese valor nalgunhas rexións galegas e que está na orixe da neutralización da oposición llos / llelos.
A expresión por milhoria podemos vela nas Cantigas de Santa Maria:
Desta guisa deve Santa Maria
seer loada, ca Deus lle quis dar
todas estas cousas por melloria,
porque lle nunca ja achassen par (CSM 180.8).
O refrán desta cantiga mostra un certo tipo de leve variación lingüística que se pode producir na súa repetición en todas as estrofas dunha cantiga: con os (I, III) vs. con nos (II); fui (I-II) vs. foi (III). Cfr. nota a 27.4.
Na edición do refrán desta cantiga, en Lapa (e en Lopes) introdúcese unha emenda da unánime lección <uida> dos manuscritos para fixar vi[an]da, voz tamén existente nos textos medievais. Porén, a corrección lapiana é absolutamente desnecesaria, pois o substantivo vida tamén significa ‘comida’ (véxase Ferreiro 2015: 270-271). Así o testemuñan dúas pasaxes das Cantigas de Santa Maria: Como Santa Maria fez a un fisico que se metera monje que comesse das vidas que os outros monjes comian, que a el soyan mui mal saber (CSM 88). E tamén:
El estand’ en tal perfia, pareceu-ll’a Groriosa
con hũa branqu’escudela de prata, grand’ e fremosa,
chẽa dun manjar mui jalne, non de vida saborosa, mas amarga (CSM 152.23).
É máis, tal acepción tamén a achamos nunha cantiga de Fernan Garcia Esgaravunha:
e nunca vistes molher d’essa guisa
que máis limpia vida sábia fazer (1530.7).
As fanegas, comunmente chamadas fanecas, son un peixe común nas costas galegas. A denominación ten, conforme Corominas & Pascual (1980-1991, s.v. faneca), orixe no verbo fanar, aínda que parece máis probábel que derive do ár. fanâk ‘especie de garduña africana’ (véxase Ríos Panisse 1977: 388-389).
No obstante, a partir da moi frecuente documentación de fanega(s) na produción medieval galega como medida de capacidade para cereiais (véxase CGPA, s.v.), cabería considerar que neste contexto fanegas non faga referencia aos peixes mais que teña o sentido de ‘cereal, fariña’.
A grafía <ll> de eles en V, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo e cavaleiro, esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxanse notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces coa secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).
A voz almazen, de orixe árabe, presenta documentacións en xeral tardías, especialmente en documentos chancelerescos portugueses, nas crónicas de Fernão Lopes e mais no Orto do Esposo (véxase CGPA, CdP).
A secuencia final <arca ssy> do verso precisa dunha emenda, que unanimemente foi realizada para estabelecer cara si a partir de Lapa, coa fixación dunha forma preposicional presente en galego moderno (cara ‘en dirección a’), mais ausente nos textos medievais. É por isto que optamos pola preposición atra, que resulta máis convincente do punto de vista paleográfico e tamén satisfactoria semanticamente. De todos os xeitos, tamén se podería estabelecer a preposición atá a partir dunha forma <atta> (cfr. 710.5, onde atá comparece como <atta> en BV), que ben podería xustificar un erro de interpretación ou de copia que desembocase en <arca>.
De calquera modo, construcións similares á presente neste verso poden verse, por exemplo, na Crónica Geral Galega (cfr. CGPA, ed. R. Lorenzo):
Et, se o uos teuerdes por bẽ, gradeceruolo ya eu muyto que fossedes ata el cõ mjnas cartas (...) entẽdeu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria.