15 [= RM 111,8]
Vós, mia senhor, que non avedes cura

Vós, mia senhor, que non avedes cura
de m’ascoitar nen de me ben fazer,
ca non quis Deus nen vós nen mia ventura,
a que m’eu nunca pudi defender,
quero-vos eu de mia coita dizer:
mal ei por vós mui maior ca morrer;
se me non val Deus ou vossa mesura,
perder-m’-ei eu, e vós, en me perder,
perder-vos-ei, que vos tan muito dura
de mal com’eu por vós ei a sofrer
e que non sei de vós aver rancura,
pero m’en coita fazedes viver,
e que vos ei por amor a teer
quanto de mal me fazedes sofrer:
tod’est’eu faço e non faço cordura,
pois me vós non queredes gradecer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 41

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 654 [= LPGP 706-707]); Miranda (2004: 161); Cohen (2010b: 23-24); Marcenaro (2012a: 90); Littera (2016: II, 207).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 13); Cotarelo Valledor (1933: 24); Machado & Machado (1949: I, 56-57); Rios Milhám (2017: I, 15).
III. Antoloxías: Diogo (1998: 8-9).

 

Variantes manuscritas


9 perder-vos-ei] Perdauꝯ ey B   11 aver rancura] auer · senō rācura B

Variantes editoriais


5 vos] vus Michaëlis   7 Deus] Deu Cohen   9 perder-vos-ei, que vos] Perder-vus-ei! que vus Michaëlis : perder-vos-ei[s] que[m] vos Littera   11 aver] aver (se non) Miranda   12 en] én Marcenaro   13 vos] vus Michaëlis; teer] tẽer Michaëlis, Cohen, Marcenaro   14 sofrer] prender Littera   15 faço] faç(o) Michaëlis : faç’ Littera

Paráfrase


(I) A vós, miña señora, que non pensades escoitarme nin concederme o voso ben –porque Deus non o quixo nin vós nin a miña sorte, de que nunca me puiden protexer–, quérovos falar da miña coita: un mal sufro por vós peor que morrer; se Deus ou a vosa mesura non me socorren, estarei perdido, e a vós, ao perderme, (II) perdereivos eu, porque vos dura tanto o mal como eu por vós hei de sufrir, e porque non son quen de vos ter rancor, aínda que me facedes vivir nun continuo sufrimento, e (porque) teño que sentir como amor o mal me facedes sufrir: todo isto eu fago e non é sensato, xa que vós non mo queredes agradecer.  

Métrica


Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de dúas estrofas unissonans de oito decasílabos, sendo graves o primeiro, o terceiro e o sétimo (rima a), e os restantes agudos (rima b).
Esquema métrico: 2 x 10’a 10b 10’a 10b 10b 10b 10’a 10b (= RM 87:1)
Encontros vocálicos: 15 façoe

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, talvez incompleta, é unha verdadeira cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva entre as súas dúas estrofas (só aparecen isoladas na edición de Marcenaro), aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270).
    Igual que esta cantiga, son ateúdas moitas outras que ficaron fóra da relación antecitada da estudiosa portuguesa: 25, 63, 65, 87, 99, 128, 139, 147, 216, 303, 306362, 376, 379, 452, 526 ou 638, entre outras; con unha ou varias fiindas son ateúdas atá a fiinda tamén as cantigas 66, 177, 188, 195, 242, 245, 278, 318, 358, 399, 411, 412, 422, 423436 etc. Outrosí, non foron incluídas na relación gonçalviana outras cantigas cuxas estrofas están ligadas a través da conxunción causal ca, tamén verdadeiras cantigas ateúdas (64, 100, 192, 316, 373, 388, 403, 406, 497, 498, 532, 537, 544, 566, 578 etc.). Cfr. notas ás cantigas 24, 55, 74 e 92. Véxase nota á cantiga 23.

  • 1

    O CI vós (tal como acontece tamén no v. 8) pode aparecer sen preposición a (véxase nota a 4.9), xerando unha especie de inicio de composición cunha concordancia ad sensum, moi frecuente no incipit das cantigas.
    O substantivo cura ‘coidado, preocupación’ presenta poucas ocorrencias na lingua trobadoresca (véxanse 360.20, 1342.14 e 23).

  • 7

    Deu (por Deus) en Cohen é, con certeza, un erro de imprensa.

  • 8-10

    Enténdase: ‘e a vós, ao perderme, perdereivos eu tamén, porque vos dura tanto mal como eu sufrirei por vós’.

  • 11

    Rancura ‘pena, queixume’, igual que rancurar (véxase nota a 11.20), é voz rara (tamén en 1621.11) na lingua antiga, case reducida ao rexistro poético, pois só se localiza na poesía trobadoresca.

  • 14

    Non ten ningunha xustificación ecdótica a mudanza sofrer > prender realizada en Littera.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado