I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 41-42 [= LPGP 223]); Nunes (1972 [1932]: 140-141); Littera (2016: I, 189-190); Fassanelli (2021: 46).
II. Outras edicións: Moura (1847: 64-65); Monaci (1875: 52); Braga (1878: 25); Machado & Machado (1952: III, 100-101); Júdice (1997: 118); Montero Santalha (2004) Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 177).
III. Antoloxías: Tavares (1943 [1923]: 27); Pellegrini (1928: 1); Pimpão (1942: 41); Nemésio (1961 [1949]: 201); Piccolo (1951: 181-182); Oliveira & Machado (1959: 55-56); Tavares (1961: 23); Lapa (1976: 22-23); Torres (1977: 218); Fiúza (1981: 141-142); Gonçalves & Ramos (1983: 284); Dobarro Paz et alii (1987: 24); Ferreira (1988: 59); Alvar & Beltrán (1989: 372); Pena (1990: 51-52); Sansone (1990: 306); Ferreira (1991: 19-20); Jensen (1992: 64); Pena (1993: 120-121); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 44); Morán (1999: 32-33); [Morán] (2001: 31); Alvar & Talens (2009: 588); Fidalgo (2009a: 82); Mongelli (2009: 66); Souto Cabo (2017: 71).
2 fazer] faz B 3 querrei] queirey B 5 bondade] bontade B 15 pôs] pꝯ BV 16 pôs] pꝯ BV
4 fremusura] fremosura Lang, Littera, Fassanelli 11 tod’est[o]] tod[o] est’ Nunes 12 dev’, e] deve Lang, Nunes, Littera, Fassanelli
(I) Quero eu facer agora un cantar de amor á maneira provenzal, e quererei nel louvar moito a miña señora, a quen valor nin fermosura non lle faltan, nin bondade; e direivos máis ao respecto: fíxoa Deus tan cumprida de ben que vale máis que todas as outras do mundo, (II) pois Deus quixo facer a miña señora tal, cando a fixo, que a fixo coñecedora de todo ben e de moi gran valor, e alén disto, é moi afábel alí onde debe, e deulle tamén bo siso e, ademais, non lle fixo pouco ben cando non quixo que outra a igualase, (III) pois na miña señora nunca Deus puxo mal ningún, senón que puxo alí valor e beldade e louvor e falar moi ben e rir mellor que calquera outra muller; ademais é moi leal e por isto non coñezo quen poida describir totalmente o seu ben, pois non hai, para alén do seu ben, ningunha outra cousa.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:18)
O esquema métrico-rítmico da cantiga de Don Denis “segue” parcialmente a estrutura formal da cansó Plus que·l paubres quan jai el ric ostal de Peire Vidal (BdT 364,36) (véxase Canettieri & Pulsoni 2003: 144-145; tamén Lorenzo Gradín 2021: 259-260).
As estrofas ligadas causalmente coa conxunción ca confiren a esta composición un carácter de verdadeira cantiga ateúda, non contemplado en ningunha das precedentes edicións. Véxase nota á cantiga 15.
A voz proençal (tamén en 485.13 e 541.1) e Proença (1348.2) é evolución directa do lat. prouĭntialem e prouĭntiam, con caída de -u- intervocálico en contacto con vogal palatal (véxase Ferreiro 1999: §54c); deste xeito, Proença e proençal son as formas xerais na Idade Media para Provenza e o seu xentílico (véxase CGPA, s.v. Proença, proençal, proençaes).
A variante fremusura, con asimilación vocálica regresiva, aparece tamén noutra cantiga de Don Denis (559.15), para alén de rexistros esporádicos noutras obras, nomeadamente no Orto do Esposo (véxase CGPA, s.v. fremusura).
Nótese a grafía arcaica da asimilación que se produce no encontro de todas co pronome identificador (todas-las). A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con pois e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios). Cfr. nota a 5.10.
Nótese como na lingua trobadoresca está ausente o adxectivo comun e só se atesta o derivado romance comunal (cfr. nota a 3.12). Na realidade, ao longo da Idade Media as ocorrencias de comun son, en xeral, tardías (véxase CGPA, s.v. comun, comum, comũ).
A segmentación da copulativa (ausente en todas as precedentes edicións) evita a presenza dunha incómoda xustaposición e liga sintacticamente o período.
Loor é variante única no corpus das cantigas profanas, fronte a formas do tipo louvar que concorren con loar (véxase nota a 618.10); ademais, agás pola aparición en 993.6, de Pero da Ponte, loor só se rexistra na poesía de Don Denis (véxanse tamén 496.17, 536.7, 8, 12, 538.24, 568.14 e 19, sempre asociado a prez nestas ocorrencias).