A primeira estrofa desta composición en B, no folio 144r, aparece con man do copista até a palabra sempre do primeiro verso do refrán, que é completado por Colocci. Após un espazo en branco, no final desta columna b aparece a seguinte anotación do copista: Outro Rº sse começa Ouue mey & ēuꝯ fiz eu desfarey.
I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 96-97 [= LPGP 488-489]); Cohen (2003: 157); Littera (2016: I, 572).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 105); Braga (1878: 53); Machado & Machado (1952: III, 344-345).
III. Antoloxías: Edicións críticas: Torres (1977: 18); Arias Freixedo (2003: 512-513).
6 vos] uos B; vos] uos BV 9 a ben] aber V 19 qual] q̄l V
5 que] que [eu] Cohen 11 eu] om. Nunes 17 que] que [eu] Cohen
(I) Dixéronme agora de vós unha cousa, meu amigo, pola que sinto un gran pesar; mais eu penso saír del con ben, se puider, e moi ben poderei, porque teño o poder que sempre tiven, e eu vos fixen e eu vos desfarei.
(II) Dinme que tomastes outra señora pola que pensastes deixarme a min, e será bo para vós se vos saír ben; mais deste ben fareivos del eu mal, porque teño o poder que sempre tiven, e eu vos fixen e eu vos desfarei.
(III) Tomastes outra señora, como oín dicir, para o meu pesar, e sairedes perdendo niso, se eu puider, e poderei, tal como sempre fixen, e eu podo poder, porque teño o poder que sempre tiven, e eu vos fixen e eu vos desfarei.
(1) E, despois que eu vos tornar ao que erades cando vos achei, sentirei pesar por iso, mais vingareime.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= RM 160:28)
Encontros vocálicos: 1 -mi‿ora; 3-mi͜-o; 17 sempre‿ouvi; 20 -mi͜-á
Perante a ausencia de eu no primeiro verso do refrán nas estrofas I (v. 5) e III (v. 17), os anteriores editores actuaron de maneira diverxente: Nunes omitiu o pronome no refrán da estrofa II, en face de Cohen, que o estendeu para todas as ocorrencias do refrán. Porén, preferimos manter a variación no refrán (coa debida sinalefa no v. 17), en liña coa relativamente frecuente variación detectada noutras composicións (véxase cantigas nº 39, 621, 771 ou 1184). Véxase nota a 39.17. Cfr. nota a 27.4.
A reintegración do pronome semella a mellor opción para restaurar a isometría versal, cunha elegante e simétrica repetición.
Sair a ben (cfr. o antónimo sair a mal, 1632.27) é ‘saír ou resultar ben’.
A presenza de eu neste verso esixe a sinalefa sempre‿ouvi: en calquera caso, a presenza ou ausencia do pronome non afecta ao ritmo acentual do refrán.
Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘non obstante, porén, a pesar de’.