I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 252 [= LPGP 935-936]); Cohen (2003: 339); Pousada Cruz (2015: 188); Littera (2016: II, 498-499).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 190); Braga (1878: 100); Machado & Machado (1953: IV, 306).
5 eu] en B 13 leixou] sse leixou BV
9 porque tan muito [o] desejo] porque [o] tan muito desejo Cohen, Littera 11 én verdade] eu verdade Nunes : en verdade Pousada Cruz : em verdade Littera 13 ant’el, e non leixou de s’ir] ant’e non se leixou de s’ir Nunes : ant’el, e non |se| leixou de s’ ir Cohen
(I) Amiga, que gran traizón me fixo o meu amigo cando se foi de aquí contra a miña vontade, despois de que llo tiña prohibido; e que queredes que vos diga? Se regresase, eu xa o perdoaría.
(II) Causoume un pesar tan extremo ao se ir de aquí que xurei non lle falar mentres vivise; mais, porque o desexo tanto, se regresase, eu xa o perdoaría.
(III) Ben vos digo, amiga, a verdade diso: que xurei diante del non lle facer ben nunca, e non deixou de se ir por iso; mais, porque teño gran saudade del, se regresase, eu xa o perdoaría.
Esquema métrico: 3 x 9’a 10b 10b 9’a 10’C (= RM 155:15)
Encontros vocálicos: 14 so·i·da·de
O abrupto inicio da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (196.1, 199.1, 393.1, 407.1, 574.1, 624.1, 836.1, 866.1, 1023.1, 1040.1, 1173.1, 1397.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico, que nalgún texto é claro (253.1, 432.1, 737.1).
Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe neste caso unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.
Para alén da hipermetría do verso, a sintaxe indica que a presenza de dous pronomes se no verso se produce polo carácter adventicio do primeiro, que é necesario expunxir. Cfr. nota a 593.11.