648 [= RM 47,8]
Disse-mi a mí meu amigo, quando s’ora foi sa via

Disse-mi a mí meu amigo, quando s’ora foi sa via,
que non lh’estevess’eu triste e cedo se tornaria,
e soo maravilhada
porque foi esta tardada.
Disse-mi a mí meu amigo, quando s’ora foi d’aquen,
que non lh’estevess’eu triste, e tarda e non mi ven,
e soo maravilhada
[porque foi esta tardada].
Que non lh’estevess’eu trist[e] e cedo se tornaria,
e pesa-mi do que tarda, sabe-o Santa Maria,
e soo maravilhada
[porque foi esta tardada].
Que non lh’estevess’eu trist[e], e tarda e non mi ven,
e pero non é por cousa que m’el non quera gran ben,
e soo maravilhada
[porque foi esta tardada].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 632bis, V 234

En BV a composición foi enteiramente copiada en versos heptasilábicos, conforme os hemistiquios dos versos de 15 sílabas.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 64-65 [= LPGP 316]); Cohen (2003: 118); Littera (2016: I, 366).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 90-91); Braga (1878: 47); Machado & Machado (1952: III, 290-291).
III. Antoloxías: Nemésio (1961 [1949]: 113); Piccolo (1951: 57-58); Nunes (1959: 281); Torres (1977: 133); Sansone (1990: 66); Jensen (1992: 118); Diogo (1998: 16).

Variantes manuscritas


2 lh’] l B   6 tarda] carda V   7 maravilhada] maluilhada V   10 Santa] sancta B : sc̄a V   11 maravilhada] uilhada B   13 lh’] l B   15 maravilhada] uilhada B

Variantes editoriais


En Nunes a cantiga está disposta enteiramente en versos heptasilábicos (graves e agudos), conforme a disposición dos manuscritos.
3 soo] sõo Nunes, Littera   7 soo] sõo Nunes, Littera   11 soo] sõo Nunes, Littera   14 por] per Cohen, Littera; quera] queira Nunes   15 soo] sõo Nunes, Littera

Paráfrase


(I) Díxome o meu amigo, cando agora partiu de camiño, que non estivese triste e que cedo tornaría, e estou moi estrañada por esta tardanza.

(II) Díxome o meu amigo, cando agora se foi de aquí, que non lle estivese eu triste, e tarda e non me vén, e estou moi estrañada por esta tardanza.

(III) Que non lle estivese eu triste e cedo tornaría, e pésame polo que tarda, sábeo Santa María, e estou moi estrañada por esta tardanza.

(IV) Que non lle estivese eu triste, e tarda e non me vén, aínda que non é por causa de que el non me ame moito, e estou moi estrañada por esta tardanza.

Métrica


Esquema métrico: 15’a 15’a 7’B 7’B (I, III [= RM 37:13]) + 15a 15a 7’B 7’B (II, IV [= RM 37,10])

Encontros vocálicos: 1 -mia; 5 -mia

Notas


Texto
  • 3-4

    Na presentación do refrán é posíbel unha outra puntuación, que converte o segundo verso nunha interrogación, que tamén sería acorde co sentido da cantiga:

                 e soo maravilhada...
                 Por que foi esta tardada?

  • 4

    O substantivo tardada (procedente de tardar + suf. -ada), presente tamén en 591.4 e 1213.14, é voz exclusivamente literaria, pois alén das cantigas profanas só se rexistra nas Cantigas de Santa Maria e mais en obras prosísticas de creación (Crónica Troiana, Historia Troiana, Demanda do Santo Graal ou Crónica de D. João I). Cfr. CGPA, s.v. tardada.

  • 9

    Tal como mostran os vv. 2 (triste e cedo) e 6 (triste, e tarda), a crase da secuencia triste e dos vv. 9 e 13 é produto dun lapso no proceso de copia.

  • 14

    A locución conxuntiva e pero, de carácter concesivo (‘aínda que’), é de uso frecuente no corpus trobadoresco, por máis que ao longo dos cancioneiros existen contextos en que é posíbel optar pola segmentación de dúas conxuncións independentes (copulativa e adversativa).

    Por outra banda, mantemos a variante quera dos manuscritos por se tratar da forma etimolóxica do presente subxuntivo de querer (< quaeram, quaeras etc.), forma minoritaria con presenza indubitábel na lingua medieval e no corpus poético trobadoresco.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado