1064 [= RM 22,4]
Ai Deus, e quen mi tolherá

E en esta folha adeante se começan as cantigas d’amor.
Primeiro trobador: Bernal de Bonaval.

Ai Deus, e quen mi tolherá
gran coita do meu coraçon
no mundo, pois mia senhor non
quer que eu perça coita ja?
E direi-vos como non quer:
leixa-me sen seu ben viver
coitad’, e, se mi non val[v]er
ela, que mi pode valer,
no mund’outra cousa non á
que me coita nulha sazon
tolha se Deus ou morte non,
ou mia senhor, que non querra
tolher-ma; e, pois eu oer
por mia senhor mort’a prender,
Deus, meu Senhor, se lhi prouguer,
mi-a leix’ant’ũa vez veer.
E, se mi Deus quiser fazer
este ben, que m’é mui mester,
de a veer, pois eu poder
veer o seu bon parecer,
por én gran ben mi per-fara,
se m’El mostrar ũa razon,
de quantas end’eu cuid’aca
a dizer, que lhi diga enton.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1062, V 653

No Cancioneiro da Biblioteca Nacional a rúbrica foi copiada por Colocci, en face do Cancioneiro da Vaticana, obra do copista.
O propio Colocci reiterou en B, na marxe inferior do folio, a seguinte anotación: Trobador primiero bernal đ bonaualle.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 415-416); Indini (1978: 95 [= LPGP 165]); Littera (2016: I, 149).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 231); Braga (1878: 125); Machado & Machado (1956: V, 74); Camargo et alii (1992: 21).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 150); Pena (1990: 39-40); Alonso Girgado (1992: 29); Alvar & Talens (2009: 390); Gutiérrez (2023: 235).

Variantes manuscritas


Rúbrica: adeante] aderant̄ V; começan] Comenzans B; as] om. V; primeiro] pamyta V; Bernal de Bonaval] Bernal de bonaualle B : rer nal de bona ual V

Texto: 2 coraçon] coracon B : corazon V   4 perça] perca B : perza V   5 -vos] nus V   12 querra] queira B   15 Deus] des V   23 aca] aça B

Variantes editoriais


5 -vos] -vus Indini   7 val[v]er] valer Nunes, Indini, Littera   8 que] que[n] Nunes   13 ma] m[h]-a Indini

Paráfrase


(I) Ai, Deus, e no mundo quen me librará da gran coita do meu corazón, pois a miña señora non quere que eu perda a coita xa? E direivos o modo en que non quere: déixame vivir coitado sen o seu ben, e, se non me auxilia ela, que me pode auxiliar, (II) non hai outra cousa no mundo que nin por un momento me libre da coita, agás Deus ou a morte ou a miña señora, que non ha querer librarme dela; e xa que eu hei ter que sufrir morte por causa da miña señora, Deus, meu Señor, se lle prouguer, me deixe vela antes unha vez.
(III) E se Deus me quixese facer este ben de vela, que me é moi necesario, despois de que eu puidese ver a súa bela figura, aínda me fará un gran ben se El me mostrar un dos argumentos de cantos aquí eu penso dicir(lle), para que llo diga nese momento.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 8d 8c 8d (= RM 175:3)

Encontros vocálicos: 16 mi͜-a; 24 diga‿enton

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que as cantigas 213, 270, 926 etc., presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (con ligazón sintáctica nas estrofas I-II) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda. Véxase nota á cantiga 74.

  • 5

    A relativa frecuencia da terminación gráfica -us no Cancioneiro da Vaticana en voces en que é xeral a terminación -os alcanza tamén ao pronome persoal vos, que por veces aparece como <uus> (cfr. un antecedente <uꝯ>), tal como acontece tamén no Cancioneiro da Ajuda.

  • 7

    É necesaria a emenda da forma do futuro de subxuntivo de valer, pois só a forma irregular presenta vogal tónica aberta, necesaria para a rima con quer (v. 5). A mesma situación pode verse en 674.16.

  • 9-12

    O hipérbato e a interpolación de tres elementos en se ... non dificulta a comprensión do período: «no mund’outra cousa non á que nulha sazon me tolha coita senon Deus ou morte ou mia senhor...».

  • 13

    A solución do encontro entre o pronome me e o CD o/a pode ser mo/a ou mi-o/a, indistintamente, e non é necesaria emenda de ningún tipo da lección unánime dos manuscritos.

    A respecto da forma oer do futuro de subxuntivo de aver, debe terse en conta que o radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, en textos ausentes do Cancioneiro da Ajuda: se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), se vos eu oesse desamor (23.13), mentr’eu vosso desamor oer (23.32), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en cantigas transmitidas polos dous ramos da tradición, en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte á sistemática forma ouver (e afíns) de A: 65.22 (ouver A vs. oer B), 141.6 (ouver A vs. oer B), 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase Ferreiro (2016a: 119-126). Sobre outras formas do tipo ouer e oue ~ oui véxase nota a 10.18.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado