I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 417-418); Indini (1978: 99-100 [= LPGP 167-168]); Littera (2016: I, 149-150).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 231-232); Braga (1878: 125); Machado & Machado (1956: V, 76-77); Camargo et alii (1992: 23).
III. Antoloxías: Fidalgo (2009: 74).
2 eu] en B 6 om. B 7 vos] uus V 9 viv’[eu] en] Vyuē B : uiuẽ V 11 qual] q̄l V 20 non] hi non B : hi nō V 25 sal] fal BV 30 sen] seu B 31 sempr’a] semp’ B
9 viv’[eu]] viv[o] Littera 12 e] é Indini 21 vós] vos Indini 24 todo ben] tod’o bem Littera; amor] Amor Littera 25 sal] fal Nunes, Indini 26 vós] vos Indini 31 sempr’a] sempr’[a] Nunes : sempre Indini, Littera
(I) Aínda que eu morro, miña señora, non me atrevo a dicirvos o meu mal, pois téñovos tan gran pavor que nunca tan grande o tiven doutra cousa; e por iso deixo de vos dicir o meu mal e prefiro morrer por vós que vos dicir algo que vos cause pesar.
(II) E por isto, miña señora, eu vivo en gran coita mortal, que non a podería haber maior: ai Deus, quen soubese agora cal é (tal coita) e vola fixese entender e non temese perderse a relación convosco por vos falar diso!
(III) E sabe Deus, miña señora, que se El non me vale contra vós, moito mellor me sería a miña morte que a miña vida, con tal que así eu vos causase gozo, o que eu non vos podo facer nin quere Deus nin vós dispoñelo así.
(IV) E con razón, miña señora, pido eu a miña morte, xa que me falta todo o voso favor e de amor; e xa que o meu tempo así se me acaba amándovos eu a vós, debo querer antes a miña morte que vivir coitado e despois non congratularme (1) de vós, a quen Deus me fixo ver para o meu mal, pois, sen (o voso) favor, vos hei de desexar xa por sempre.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8d (= RM 106:2) + 8c 8c 8d
Encontros vocálicos: 21 mi͜-o
O verbo morrer en principio non é un verbo pronominal; porén, nas cantigas profanas detéctase ese carácter nunhas poucas pasaxes (véxase tamén 395.20, 511.7, 757.7, 758.11, 1005.11, 1097.9, 1235a.3, 1235b.3, 1474.8, 1590.4). Na prosa, tamén aparece esporadicamente algún uso pronominal do verbo morrer, por exemplo nas traducións galegas da General Estoria (véxase Martínez López 1963: 34) e da Crónica de Castilla e mais da Estoria de España (véxase Lorenzo 1975: 727), na Crónica Geral de Espanha de 1344 (véxase Cintra 1952-1990: III, 266), ou na Crónica de D. João I (véxase Fernão Lopes 1994: 396).
A relativa frecuencia da terminación gráfica -us no Cancioneiro da Vaticana en voces en que é xeral a terminación -os alcanza tamén ao pronome persoal vos, que por veces aparece como <uus> (cfr. un antecedente <uꝯ>), tal como acontece tamén no Cancioneiro da Ajuda.
Embora en Nunes e Indini este verso fique hipométrico, a reintegración do pronome eu (cuxa omisión por contigüidade coa preposición en é doadamente explicábel: <eu en>) resolve a métrica versal e recupera a medida octosilábica (cfr. viv[o] en Littera). E, por outra parte, esta recuperación de eu restaura tamén a presenza simétrica do pronome suxeito na cantiga, xa que é utilizado en todas as estrofas con esta distribución: I, vv. 1, 2; II, v. 9; III, v. 16; IV, vv. 23, 26.
Neste verso, Indini interpretou como verbo é a conxunción inicial do verso, necesaria para ligar as sucesivas frases que constitúen o período exclamativo. Na realidade, esa forma verbal é xa se sobreentende en quen soubess’ora qual (é)!:
ai Deus, quen soubess’ora qual
e vo-la fezess’entender
e non cuidass’i a perder
contra vós por vos i falar! (vv. 11-14).
Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética, coa particularidade de que reaparece coa forma ca, variante concorrente ao longo do corpus (cfr. nota a 64.15): E Deu-lo sabe, mia senhor, / que, se m’El contra vós non val, / ca mi seria mui melhor / mia morte.
Neste verso cómpre a expunción do adverbio i para recuperar a contaxe octosilábica: son precisamente estes elementos de escaso corpo fónico (artigos ou pronomes como o(s), a(s), eu; adverbios como i ou u; preposicións como a, de, en...) o que ao longo dos cancioneiros poden aparecer (ou desaparecer) con facilidade no proceso de copia e que, quer por razóns sintácticas, quer por razóns semánticas, quer por problemas métricos, poden ser detectadas no proceso editorial das cantigas.
Aparentemente, repetiríase, de forma anómala, a palabra rimante nestes dous versos con fal, tal como BV transmitiron o texto, razón por que Littera emendou fal en sal no v. 25. Con efecto, a asociación entre sair e tempo, co mesmo significado de ‘acabar’ podemos achala en Don Denis:
E certo podedes saber
que, pero s’o meu tempo sal
per morte, non á ja i al,
que me non quer’end’eu doer (495.23).
Son moi numerosas as confusións <s>/<f> e <f>/s> (nomeadamente polo alógrafo <ſ>) ao longo dos cancioneiros; limitándomonos ao fal – sal, véxanse as confusións entre as dúas formas verbais en 897.17 (fal <sal> A) e 948.7 (fal <sal> V). A forma verbal sal é P3 do presente de indicativo de sair (< salit), con evolución fonética regular (cfr. outras formas verbais como dol, fer, quer etc.; véxase Ferreiro 1999: §180a). Modernamente foi regularizada (sae ~ sai) conforme o paradigma xeral do verbo. Cfr. nota a 104.6, 1540.3.
O pronome oblicuo tónico vós é utilizado como complemento directo sen preposición, feito frecuente no corpus trobadoresco (amand’eu vós).
O verbo gradoar ‘alegrarse, estar satisfeito, congratularse’, do lat. gratulāri, ten un uso limitado no corpus das cantigas: 100.2, 824.1, 896.18, 1065.28, 1139.4, 1174.13, 1268.1. Ausente da produción prosística (véxase CGPA, s.v.), só existe unha atestación nas Cantigas de Santa Maria:
Ond’avẽo pois assy que en Beja, u morava
un ome casado ben con sa moller que amava,
almoxerife del Rey era el, e confiava
muit[o] en Santa Maria; mais avia gran tristura
Porque non podi’aver fillo de que gradoasse
e que pos sa mort’en seu aver erdeiro ficasse (CSM 224.25).
A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do correspondente sintagma tan frecuente nas cantigas de amor, constitúe unha formación nominal (similar a ben-querer), frecuente no corpus das cantigas. De calquera maneira, o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media:
Ca o escudeiro que anda con algun senhor e o senhor lhe non dá encarrego de seus feitos, como encomendando-lhe ofiçio ou mandando recadar algũas cousas, sempre seu bemfazer está en ventura (Livro de Monteria; cfr. CGPA).
e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 355-356).
Milhor cousa he padecer por uerdade tormẽto que per louuaminha e per adulaçom gaanharem bemfazer (Orto do Esposo; cfr. CGPA).
ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Livro das Confissões; Martín Pérez 2012-2013: 367).
Recoñecendo a validade da lección de B (cfr. a proposta de Indini), optamos pola lección alternativa de V, que presenta a común e maioritaria perífrase aver + a + infinitivo (fronte a aver + infinitivo): ei sempr’a desejar vs. ei sempre desejar.