I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 84 [= LPGP 462]); Nunes (1973 [1928]: 159); Cohen (2003: 230); Littera (2016: I, 518).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 134); Braga (1878: 65); Machado & Machado (1953: IV, 44); Domingues (1992: 41); Cohen (1996: 1).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 264); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 98).
2 namorado] ua morado B 3 jaz] iam V; nós] uos B 5 quer] auer V; morrer] moirer B 7 morreria] moireria B 9 cavaleiro] cauɫro BV 14 nós] uos B 16 lealdade] l\e/aldade B
1 comigo] con migo Nobiling 2 muito namorado] muyt’enamorado Nobiling 4 pero] per’ Nunes; oj’] om. Nobiling; consigo] sigo Cohen : con sigo Nobiling 5 pesar del a ‘lguen] pesar d’ el [a] ạlguen Nobiling : pesar alguen Nunes, Cohen : pesar a ‘lguen Littera 11 pesar del a ‘lguen] pesar d’ el [a] ạlguen Nobiling : pesar alguen Nunes, Cohen : pesar a ‘lguen Littera 13 Lealmente] Lealment’ Nunes 15 dé] dê Nunes, Littera 17 pesar del a ‘lguen] pesar d’ el [a] ạlguen Nobiling : pesar alguen Nunes, Cohen : pesar a ‘lguen Littera
(I) Vinde todas comigo, ai amigas, ver un home moi namorado que xace aquí cabo de nós malferido: e aínda que el padece moitas coitas, non quere morrer para lle evitar o pesar por el a alguén que lle ten amor, mais el ama moito a alguén.
(II) Agora mesmo morrería el por causa das chagas se non fose o grande amor verdadeiro (prezade sempre amor de cabaleiro), pois el, certamente, porfía nisto: non quere morrer para lle evitar o pesar por el a alguén que lle ten amor, mais el ama moito a alguén.
(III) Lealmente ama Joan de Guilhade, e por nós todas lle sexa loado e Deus lle dea a recompensa, daquela por quen o fai, pois el certamente, con moi gran lealdade, non quere morrer para lle evitar o pesar por el a alguén que lle ten amor, mais el ama moito a alguén.
Esquema métrico: 10’a 10’b 10’b 10’a 11C 11C (= RM 160:3)
Encontros vocálicos: 4 pero‿oj’; 13 lealmente‿ama
Nas cantigas trobadorescas aparece unha forma imperativa treide (< trahĭte) e o presente, con valor imperativo, treides (< trahĭtĭs) que son restos arcaicos da conxugación do verbo trahĕre, na súa forma clásica (despois substituído por *tragere > med. trager; véxase Ferreiro 1999: §220a). Fóra da cantiga 1471 (véxase nota aos vv. 4 e 16), treide e treides só se atesta noutras oito cantigas de amigo: 587.19, 679.3, 1161.6, 1289.1 e 6, 1297.1 e 4, 1299.2, 5, 7 e 10, 1302.1, 1303.2, 5 e 8. Alén da lírica profana, hai dúas ocorrencias de treides nas Cantigas de Santa Maria:
Ai, moller, treides oge mig’ a un logar (CSM 216.23).
E depois aa tornada, quando chegou a Carron,
hũa sa filla lle disse: «Treides, se Deus vos perdon,
albergar mais adeante a hũas choças que son
preto de nosso camỹo, e y podemos jazer» (CSM 278.24).
Na prosa só localizamos unha ocorrencia na Demanda do Santo Graal: Senhor, diss’el, pois treides migo (cfr. CGPA, s.v. treides).
Canto á crase a ‘lguen, algunhas voces cunha estrutura similar, isto é, cunha sílaba inicial /al/ ou /el/ (albergar, alguen, alvor, Elvira), poden sofrer aférese da vogal inicial, sempre despois de /a/, tónico ou átono: dira ‘lguen (73.19); Dona ‘Lvira (149.1); a ‘lvor (454.11); a ‘lguen (757.r1); a ‘lbergar (1474.17). E algo similar pode acontecer co artigo el- (cfr. nota a 51.1). Véxase nota a 6.4, 18.16, 51.1, 358.21, 878.1.
Nótese a lección muyt’enamorado de Nobiling, sen ningún apoio textual para a forma enamorar, inexistente no corpus trobadoresco profano.
A diferenza de Nunes, consideramos a presenza da forma adversativa e pero, frecuente na lingua dos trobadores. Con todo, como acontece noutras ocasións, sería posíbel neste caso considerar que as dúas conxuncións funcionan independentemente, cunha outra puntuación do texto:
e, pero oj’á muitas coitas consigo,
non quer morrer por non pesar d’el alguen / ...
Tanto Nobiling como Cohen (e Littera) practicaron a redución consigo > sigo, desconsiderando a sinalefa pero‿oj’, que permite a correcta contaxe métrica do verso.
Os editores dubidaron na fixación do refrán, por canto Nobiling introduce a necesaria preposición a que a sintaxe esixe, marcando a eliminación da primeira vogal de alguen, mentres Cohen e Littera, seguindo a suxestión de Nobiling, eliminan del para nivelar en 10 sílabas o verso, computando –é de supoñer– tamén como decasilábico o segundo verso do refrán pola posíbel sinalefa ama‿alguen. Pola súa parte, Nunes mantén a lección dos manuscritos, mais sen indicar a presenza da preposición a, tamén aparentemente ausente do texto de Cohen.
O verbo morrer en principio non é un verbo pronominal; porén, nas cantigas profanas detéctase ese carácter nunhas poucas pasaxes (véxase tamén 395.20, 511,7, 758.11, 1005.11, 1065.1, 1097.9, 1235a.3, 1235b.3, 1474.8, 1590.4). Na prosa, tamén aparece esporadicamente algún uso pronominal do verbo morrer, por exemplo nas traducións galegas da General Estoria (véxase Martínez López 1963: 34) e da Crónica de Castilla e mais da Estoria de España (véxase Lorenzo 1975: 727), na Crónica Geral de Espanha de 1344 (véxase Cintra 1952-1990: III, 266), ou na Crónica de D. João I (véxase Fernão Lopes 1994: 396).
Por outra banda, obsérvese a orixinalidade guilhadiana coas metafóricas chagas de amor, que contrastan coas polisémicas e ambiguas chagas atestadas nunha cantiga de Afonso X (492.21, 23 e 26)
Resulta sorprendente que o verbo perfiar se documente unicamente nesta cantiga de Guilhade, xunto cunha cantiga dionisina (1558.13) e outra de Estevan da Guarda, onde este verbo aparece repetidamente, a carón das fórmulas xerais tomar / partir / filhar perfia.
As cantigas de Joan Garcia de Guilhade subministran numerosos exemplos de autonominatio, coa súa nominal inclusión dentro dos seus cantares. Véxase, tamén, 760.13, 762.11, 768.1, 772.17, 784.10.
A interdita sinalefa da copulativa e impide considerar a fixación dun outro texto con segmentación do adverbio lealmente (*Leal ment’e ama...), aínda que non se pode excluír a existencia do xogo nesta secuencia.