1098 [= Tav 116,17]
Meu Senhor Deus, pois me tan muit’amar

Meu Senhor Deus, pois me tan muit’amar
fezestes, quan muit’amo, ũa molher,
rogue-vos outren quanto xi quiser,
ca vos non quer’eu máis desto rogar,
meu Senhor Deus, se vos én prazer for:
que mi-a façades aver por senhor.
Esta dona, que mi faz muito mal
porque non quis nen quer que seja seu,
non m’é senhor, mais gran coita mi deu;
e por esto vos rog’e non por al,
meu Senhor Deus, se vos én prazer for,
[que mi-a façades aver por senhor].
Tal ben lhi quero no meu coraçon
que vos non rogarei por outro ben
que mi façades nen por outra ren;
mais por tanto vos rog’e por al non,
meu Senhor [Deus, se vos én prazer for,
que mi-a façades aver por senhor],
ca sei que non é tan forços’Amor
que me mate se m’achar con senhor.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1096, V 687

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 470-471); Marroni (1968: 242-243 [= LPGP 741-742]); Littera (2016: II, 242-243).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 242-243); Braga (1878: 131); Machado & Machado (1956: V, 133-134).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 685-686); Ferreiro (2023: 28).

Variantes manuscritas


2 molher] moler V   6 façades] fazades V   8 non quis] me no quiB : me nō quiV   9 gran] grã B   13 coraçon] corazon V   15 façades] fazades V   19 forços’Amor] forzo samor V

Variantes editoriais


2 amo] am(o) Nunes   3 vos] vus Marroni   4 vos] vus Marroni   5 vos] vus Marroni; én] em Littera   9 non m’é] home Nunes, Marroni   10 vos] vus Marroni; rog’e] rog(o) e Nunes   11 vos] vus Marroni; én] em Littera   14 vos] vus Marroni   16 vos] vus Marroni; rog’e] rog(o) e Nunes   17 vos] vus Marroni; én] em Littera

Paráfrase


(I) Meu Señor Deus, pois tanto amar me fixestes canto amo a unha muller, róguevos outra persoa canto quixer, porque eu non vos quero máis do que isto rogar, meu Señor, se vos parece ben: que ma fagades ter por señora.
(II) Esta dona, que me fai moito mal porque non quixo nin quere que sexa seu, non me é señora, ao contrario, fíxome moito mal; e por isto vos rogo e non por outra cousa, meu Señor Deus, se vos parece ben, que ma fagades ter por señora.
(III) Tanto a amo no meu corazón que non vos rogarei por outro ben que me fagades nin por nada máis; mais por iso vos rogo e non por outra cousa, meu Señor Deus, se vos parece ben: que ma fagades ter por señora, (1) porque sei que non é Amor tan poderoso que me mate se me encontra con senhor.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:194) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 2 amo,‿ũ·a; 6 mi͜-a; 12 mi͜-a; 18 mi͜-a

Notas


Texto
  • 5

    A edición do primeiro verso do refrán en Littera indica que foi considerada unha insólita expresión verbal seer en prazer (se vos em prazer for), pois o adverbio pronominal én presenta o formato gráfico en nesa edición.

  • 8

    O protagonista masculino, tal como a protagonista feminina nalgunhas cantigas de amigo, alude aquí á negativa da senhor a aceptalo como vasalo de amor: «non quis nen quer que seja seu», cunha formulación moi similar en 1097.7: Mais esta dona nunca quis que seu / fosse... Véxanse tamén as cantigas 744 (Afonso Meendez de Beesteiros), 1004 (Roi Martiinz d’Ulveira), 1008 (Joan Airas), 1012 (Joan Airas), 1024-1025 (Joan Airas), 1192 (Juião Bolseiro).
    Na realidade, as cantigas de amor e moitas cantigas de amigo de estilo cortés, tratan a relación amorosa como un trasunto da relación feudal recíproca entre un señor e o seu vasalo. O vasalo comprometíase por xuramento a servir ao señor e este xuraba facerlle ben, isto é, defendelo e auxilialo nos momentos difíciles. Nas cantigas de amor o namorado pretende que a muller, a senhor, acepte o seu servizo como vasalo de amor, que o acepte por seu ome. E esta transposición, coñecida como ‘metáfora feudal’, constitúe a base retórica do canto cortés en xeral e das cantigas de amor en particular: nelas, en moitas ocasións o protagonista namorado quéixase de que a súa senhor non lle faz ben, non o ampara da coita de amor correspondéndolle aos seus sentimentos por ela.
    Pedr’Amigo de Sevilha, nesta cantiga e mais en UC 1097, cuestiona de xeito orixinal o alicerce basilar das cantigas de amor, ao negar que unha muller que non corresponde ao amor do seu vasalo amoroso poida considerarse senhor, pois a relación feudal ten que ser recíproca.
    Por outro lado, a métrica indica a necesidade de expunción do pronome me transmitido polos códices.

  • 9

    Obsérvese o lapso de lectura e interpretación de Nunes e Marroni, que estabelecen un texto emendado verbo da lección dos códices:
              Esta dona, que mi faz muito mal
              porque non quis nen quer que seja seu
              home senhor, mais gran coita mi deu.

    As leccións <Nõme> B, <nõme> V implican o texto que estabelecemos, de acordo coa proposta de Arias Freixedo (2003: 685):
              Esta dona, que mi faz muito mal
              porque non quis nen quer que seja seu,
              non m’é senhor, mais gran coita mi deu.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado