1101 [= RM 116,9]
Don Foão, en gran curdura

Don Foão, en gran curdura,
moveu a min preitesia
de partiçon noutro dia;
mais fui de malaventura
porque con el non parti,
que penas veiras perdi.
Podera seer cobrado
por ũu mui gran tempo fero
se dissesse: «Partir quero».
Mais enganou-m’o pecado
porque con el [non parti,
que penas veiras perdi].
Que panos perdi de peso,
e outros ben bastoados,
que m’avian ja mandados!
Mais foi omen mal apreso
porque con el [non parti,
que penas veiras perdi].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1099, V 690

Edicións


I. Lapa (1970 [1965]: 457); Marroni (1968: 254-255 [= LPGP 737]); Lopes (2002: 335); Littera (2016: II, 245).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 244); Braga (1878: 132); Machado & Machado (1956: V, 143).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 360-361).

Variantes manuscritas


1 Foão] foao BV; en] eu V; gran] grã B   3 en] eu V   3 partiçon] par ticom B   14 bastoados] bas tºades B : bas tºa des V   15 mandados] mandades B   16 apreso] a pºso B

Variantes editoriais


1 curdura] cordura Lapa, Lopes, Littera   4 mais] mas Lopes   5 el] ele Lopes   8 ũu] un Lapa : huun Marroni : um Lopes   11 el] ele Lopes   17 el] ele Lopes

Paráfrase


(I) Don Fulano, con moita sensatez, propúxome o outro día facer unha repartición, mais fun desafortunado porque con el non repartín, pois perdín uns mantos forrados de pel.

(II) Podería ser compensado economicamente por moito tempo se dixese: «Repartir quero». Mais enganoume o diaño porque con el non repartín, pois perdín uns mantos forrados de pel.

(III) Que panos de valor perdín, e outros ben listados, que xa me mandaran! Mais fun home ignorante porque con el non repartín, pois perdín uns mantos forrados de pel.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7C 7C (= RM 160:442)

Encontros vocálicos: 1 Fo·ã·o,‿en; 8 ũ͜u

Notas


Texto
  • 1

    Lapa (seguido por Lopes e Littera), contra o testemuño claro de B e sen considerar a vacilación do copista do  Cancioneiro da Vaticana, fixou a forma cordura, anulando a harmonización vocálica que se produciu nesta voz (como noutras; cfr. por exemplo, custume). Tal evolución fonética é rexistrada en máis obras, tales como na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España:

    Este alcayde Nuno Rasoyra foy omẽ que soube trager en seus juyz[o]s et ẽnas outras cousas que auja de fazer siso et curdura, et fazia todauja muy ben sua fazenda. Ou, tamén, na tradución da Primeira Partida: P(er)o o castigo desto ha mest(er) q(ue) sse ffaça manssam(ẽ)t(e) e cõ grã curdura e cõ grande amor (cfr. CGPA, s.v. curdura).

  • 6

    Con Marroni, de acordo co ton irónico da cantiga, articulamos o segundo verso do refrán considerando o que inicial como conxunción causal (ou consecutiva). Porén, Lapa (e Lopes e mais Littera) atribúen carácter exclamativo a este verso, opción tamén aceptábel:

              mais fui de malaventura
              porque con el non parti:
              que penas veiras perdi!

    As penas veiras aluden a unhas peles de cores variadas (cfr. lat. pennam uariam > pena veira), en xeral valiosas, que eran fundamentalmente empregadas nos forros dos mantos (véxase Vallín 2019: 657-661).

  • 8

    O indefinido ũu (e tamén algũu e neũu) debería, aparentemente, computar como bisilábico, e así acontece con certa frecuencia ao longo do corpus; porén, na maior parte das súas aparicións funciona como unha forma monosilábica, revelando dese xeito que se trata dunha grafía conservadora. Algo similar acontece con bõo ~ boo (véxase nota a 241.10) e, aínda en menor medida, sõo ~ soo (véxase nota a 10.25), que son basicamente voces bisilábicas, aínda que nalgunhas ocasións computan como unisilábicas.

  • 13-14

    Os panos bastoados son panos listados, con faixas.

  • 16

    Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

    Canto a apreso, é participio irregular de aprender, derivado directamente do lat. apprehensum, como moitos outros participios, algúns deles presentes no corpus das cantigas (tal como preso, entre outros). Neste sentido, é significativo que aprendudo/a só conte con tres ocorrencias no Corpus do Galego-Portugués Antigo, mentres que aprendido/a tamén dispón de só vinte ocorrencias, en calquera caso moitas menos do que o participio irregular apreso (cfr. CGPA, s.v.).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado