1109 [= Tav 64,18]
Muitos dizen que gran coita d’amor

Muitos dizen que gran coita d’amor
os faz en máis de mil guisas cuidar;
e devo-m’eu dest’a maravilhar,
que por vós moir’e non cuido, senhor,
senon en como parecedes ben:
des i, en como averei de vós ben.
E, se oj’ome á cuidados, ben sei,
se per coita d’amor an de seer,
que eu devia cuidados aver;
pero, senhor, nunca en al cuidei,
senon [en como parecedes ben:
des i, en como averei de vós ben],
ca me coita voss[o] amor assi
que nunca dorm’i, se Deus mi perdon,
e cuido sempre no meu coraçon;
pero non cuid’[en] al des que vos vi
senon en [como parecedes ben:
des i, en como averei de vós ben].
E d’amor sei que nulh’omen non ten
én maior coita ca mi por vós ven.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1107, V 698

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 486-487); Zilli (1977: 72 [= LPGP 419]); Littera (2016: I, 475).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 246); Braga (1878: 133); Machado & Machado (1956: V, 155-156).

Variantes manuscritas


1 Muitos] Muytus V   6 averei (p*) auerey   7 oj’ome] iomē B : oiomē V   9 cuidados] cuydadus V   14 perdon] pardō B

Variantes editoriais


1 Muitos] Muytus Zilli   6 como] com(o) Nunes   7 se oj’ome á cuidados] s(e) oj’omen á cuydados Nunes : sse oj’omen á cuydadus Zilli : se hoj’homem há cuidados Littera   9 cuidados] cuydadus Zilli   12 como] com(o) Nunes   13 voss[o] amor] [o] voss’amor Nunes, Zilli : voss’amor Littera   14 dorm’i] dórmi[o] Nunes, Littera : dormi[o] Zilli; perdon] pardon Zilli   16 vos] vus Zilli   17 como] com(o) Nunes   20 én] en Nunes

Paráfrase


(I) Moitos din que unha gran coita de amor os fai cavilar en máis de mil formas; e eu débome marabillar diso, señora, pois por vós morro e non penso senón no moi fermosa que sodes: e, logo, en como acadarei ben de vós.

(II) E se hoxe alguén ten preocupacións, ben sei, se estas han de ser por coita de amor, que eu debía ter moitas preocupacións; mais, señora, nunca pensei noutra cousa senón no moi fermosa que sodes: e, logo, en como acadarei ben de vós, (III) porque me aflixe o voso amor de tal xeito que entón nunca durmo, así Deus me perdoe, e sempre estou a cavilar no meu interior; pero non penso noutra cousa desde que vos vin senón no moi fermosa que sodes: e, logo, en como acadarei ben de vós.

(IV) E sei que ningún home ten maior coita de amor que a que a min me vén por vós.
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:106) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 6 como‿averei; 7 ome‿á; 12 como‿averei; 18 como‿averei

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que as cantigas 213270, 744 etc. presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas I e II (e ligazón causal nas estrofas II-III) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74.

  • 1

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<muytus>, v. 1; <cuydadus>, v. 9); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 7

    A lección <omē> de BV implicaría un texto en que non sería posíbel a sinalefa omeá, mostrando como se manifesta o verniz lusitanizante que en ocasións presenta o texto copiado nos apógrafos italianos, con formas omen onde a métrica esixe ome. Así acontece tamén en 82.14, 132.21, 492.17, 851.21, 901.28 B’V (vs. AB), 1198.8, 1559.9-10 (e V en 1681.17). Deste modo, e mantendo a integridade da condicional (véxase Ferreiro 2113b), o acento permanece firme na 4ª sílaba.

  • 14

    A forma pardon, de B, é aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon. Non obstante, tal forma é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 15

    A lección <dormi> de BV presenta –aparentemente– a P1 do pretérito de indicativo de dormir nun contexto en que cómpre o tempo presente (cfr. coita, v. 14; cuido, v. 16). Perante a situación, tanto Nunes como Zilli presentan dórmi[o], forma de presente que levanta o problema da grafía, pois sería esperábel <dormh> coa falta da desinencia -o. É por isto que propomos dorm’i (= dormo + i), pois na P1 do presente indicativo de dormir conviven os resultados dórmio, máis conservador, xeral na lingua das cantigas, co máis evoluído dormo (652.9 e 14), aínda sen a moderna vogal tónica /u/ que, xunto con /i/, é característica na P1 do presente de indicativo (e no presente de subxuntivo) dos verbos de terceira conxugación con alternancia vocálica.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado