No manuscrito B, entre as estrofas I e II aparece a rúbrica atributiva (Lourenco Jograr), escrita e logo riscada polo copista.
I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 476-477); Tavani (1964: 41 [= LPGP 601]); Littera (2016: II, 63-64).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 249); Braga (1878: 135); Machado & Machado (1956: V, 169).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 588-589).
3 terra] tir̄a B : tiran V 6 máis] may B; an’i á] (*)anya B : auya V 7 pran] prã B; lhe-lo] (l)lhelo B 10 creente] creante B 11 d’oito] doyco B 13 vir mia senhor] vi a mha senhor B : uir amha senhor V 14 tant’an] cātam V 15 valria] ualiria BV 16 m’oito] muyto B; gran] grã B 17 d’oito] doyco B 21 começado] comecado B : comezado V 22 gran] grã B
2 veemos] vehemus Tavani 6 máis] may[s] Tavani 9 d’u] du Nunes 13 mia senhor] (a) mha senhor Tavani 15 en] eu Nunes 19 d’oito] d[e] oito Tavani, Littera
(I) A estes con quen eu veño, pregunteilles canto tempo hai que viñemos, certamente, da terra onde está a miña señora; mais dinme o que non lles crerei: din que non hai máis de oito días, e a min paréceme que xa hai máis de un ano!
(II) Mais certamente eu non llo podo crer aos que din hai tan pouco tempo que eu me afastei de onde está a miña señora; mais de que me queren convencer? Din que non hai máis de oito días, e a min paréceme que xa hai máis de un ano!
(III) Mentres eu more onde non vexa a miña señora, se oito días me han de durar tanto, máis me valería matarme logo, se oito días son para min un tempo tan longo: din que non hai máis de oito días, e a min paréceme que xa hai máis de un ano!
(1) E se non hai máis de oito días que eu estou lonxe da miña señora, desgrazada empresa comecei, pois oito días foron para min tanto tempo!
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:162) + 10d 9’e 9’e 10d
Encontros vocálicos: 4 -mi‿o; 19 má·is
A integración do artigo de mia senhor (cfr. d’u ést’a mia senhor, v. 9) é a opción editorial máis acaída para recuperar a isometría versal, por máis que nos vv. 13 ou 20 ese sintagma apareza sen artigo.
Repárese na presenza da solución lhe-lo para o conglomerado pronominal do CI lhes co CD o(s)/a(s). Tal aparición é un feito inusual no corpus, onde só se rexistra en sete cantigas (6.29, 170.2 e 17, 199.19, 290.8, 886.9, 910.15)1 , tal como acontece actualmente na maior parte do territorio galego-portugués, coa neutralización lho(s)/lha(s).
A forma pronominal mi é susceptíbel de ser interpretada como forma tónica en función de CD «cuxa tonicidade se explicaría porque vai acompañado dun complemento predicativo»; alternativamente, tamén pode funcionar como CI, átono (mesmo coa posibilidade dunha segmentación m’i), «caso que se podería explicar porque vén rexido polo verbo que tipicamente expresa a predicación causante das construcións causativas (fazer), xa que nestas, como sabemos, cando o verbo que expresa a predicación causada é transitivo, o suxeito aparece pronominalizado en dativo. A analoxía coa construción predicativa é evidente: [...] ‘que mi queren fazer crer (esso)’» (Monteagudo 2019: 114).
Contrariamente ao que acontece no v. 3, agora é necesaria a expunción do artigo por razóns métricas, tal como acontece nalgún outro contexto en que o seu carácter adventicio non ofrece dúbidas (véxase nota a 1081.5).
O verbo valer presenta neste verso unha rexencia coa preposición en que non é moi frecuente (véxase Glosario, s.v. valer).
Considerando a posibilidade de contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c), é desnecesaria a reintegración proposta por Tavani (e seguida por Littera), inducida, con certeza, polo aparente problema de hipometría.
Foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).