1134 [= Tav 123,5]
Do meu amig’, a que eu quero ben

Do meu amig’, a que eu quero ben,
guardan-me del, e non ouso per ren
a Santa Maria ir.
Guardan-me dele que o non veja
e non me leixan, per ren que seja,
a Santa Maria ir.
Que o non visse, macar quisesse;
por én guisaron que non podesse
a Santa [Maria ir].
Nen o viss’eu nen o tant’amasse,
pois mi Deus deu quen me non leixasse
a Santa Maria [ir].
Des que o vi en Julhan un dia,
ja me non leixan, como soia,
a Santa Maria ir.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15

Manuscritos


B 1131-1132, V 723

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 324 [= LPGP 806-807]); Cohen (2003: 358); Littera (2016: II, 337).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 254); Braga (1878: 138); Machado & Machado (1956: V, 195-196).

Variantes manuscritas


3 A santa Maria hir <         > Poys B : a santa maria hir / poys V   4 dele] de e B   7 quisesse] q̄sesse B   8 guisaron] grisarō V   11 quen] q̅ue B

Variantes editoriais


3 a Santa Maria ir]  a Santa Maria ir, / pois [mi non leixan ir] Nunes   4 Guardan-me dele que o non veja] Guardan-me d’el e que o non veja Nunes : Pois guardan me del que o non veja Cohen : pois guardam-me del que o nom veja Littera   6 a Santa Maria ir]  a Santa Maria ir, / pois [mi non leixan ir] Nunes   9 a Santa Maria ir]  a Santa Maria ir, / pois [mi non leixan ir] Nunes   12 a Santa Maria ir]  a Santa Maria ir, / pois [mi non leixan ir] Nunes   15 a Santa Maria ir]  a Santa Maria ir, / pois [mi non leixan ir] Nunes

Paráfrase


(I) Gárdanme do meu amigo, que amo tanto, e non ouso de ningunha maneira ir a Santa Maria.

(II) Gárdanme del, para que non o vexa, e non me deixan, de ningún modo, ir a Santa Maria.

(III) Que o non vise, aínda que quixese, por iso procuraron que non puidese ir a Santa Maria.

(IV) Nin eu o vise nin tanto o amase, xa que Deus me deu quen me non deixase ir a Santa Maria.

(V) Desde que o vin en Xullán un día, xa non me deixan, como adoitaba, ir a Santa Maria.

Métrica


Esquema métrico: 10a 10a 7B (I [= Tav 26:82]) + 9’a 9’a 7B (II-V [= Tav 26:95])

Encontros vocálicos: 14 so·i·a

Notas


Texto
  • *

    En Littera a composición é unha cantiga ateúda, con ligazón sintáctica (forzada) de todas as estrofas.

  • 3

    Santa Maria (tamén nas cantigas 1132 e 1133) talvez aluda a unha ermida en Ver, no concello lugués de Bóveda (Galiza), aínda que tamén podería corresponder a outros lugares denominados Ver no territorio galego-portugués. Cfr. nota a 1131.4.

  • 3-4

    O traslado do refrán na primeira cobra presenta un indicio de erro de copia, con diferente disposición nos dous apógrafos italianos. Así, en B:
              Domeu amigo q̄ eu q̄ro bē
              Guardanme del enō ꝑ rē
              A santa Maria hir     Poys>

    En V:
              Do meu amigo que eu quero ben
              guardanme del enon ouso per ren
              a santa maria hir
              poys>

    Partindo deste dato, Nunes reconstruíu arbitrariamente un segundo verso completo do refrán, opción editorial que debe ser rexeitada.
    Contrariamente, as edicións de Cohen e de Littera recollen pois como primeiro elemento da segunda cobra (ligada, desde xeito, á primeira: a Santa Maria ir, / pois ...), feito que obriga a emendar dele en del (nótese tamén a deficiente lección <de e> de B). No entanto, a rareza dunha ligazón sintáctica entre as cobras nunha cantiga de amigo de factura tradicionalizante e o problema da hipermetría xerado pola incorporación de pois á estrofa obríganos a considerar esta solución como pouco satisfactoria desde o punto de vista dos principios do xénero.

    Así as cousas, fican dúas opcións: ou ben desconsiderar este elemento, que podería ser un resto dunha nota ou un elemento textual espurio, ou considerar unha abreviación anómala do refrán, embora debamos lembrar que esta circunstancia nunca se verifica na lírica galego-portuguesa, que só abrevia este elemento a partir da segunda estrofa, como xa se comentou a propósito doutros textos. No que toca á segunda opción, podería pensarse que estamos ante un verso transmitido de forma fragmentaria, como apunta o espazo en branco que se observa en B; dese modo, a proposta crítica para o refrán debería ser esta:

             a Santa Maria ir,
             pois [............ -ir].

    Aliás, nótese a segmentación que de <dele> fai Nunes (del e), forzando un bocado a sintaxe do verso.

  • 5

    A unidade fraseolóxica per ren que seja ‘de ningunha maneira’ só aparece en Pero de Veer Joan Servando (1153.10) e Joan de Requeixo (1307.r1, 1308.16). Fóra da lírica profana non conseguimos localizar tal expresión.

  • 7

    A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). 

  • 13

    O amigo viu a amiga na romaría de Julhan (tamén na cantiga 1131), talvez unha aldea (act. Xullán) da parroquia de Tuimil, no concello lugués de Bóveda, veciña da parroquia de Ver, de onde sería orixinario Pero de Veer.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado