1176 [= Tav 145,4]
Muit’ei, ai Amor, que te gradecer

Muit’ei, ai Amor, que te gradecer
porque quiseste comigo morar
e non me quiseste desemparar
atá que ven meu lum’e meu prazer
e meu amigo, que se foi andar
a Granada por meu amor lidar.
Amor, gradesco máis d’outra ren,
des que se foi meu amigo d’aqui,
que te non quiseste partir de min
atá que veo meu lum’e meu ben
e meu amigo, [que se foi andar
a Granada por meu amor lidar].
Nunca prenderei de ti queixume,
ca nun[ca] fuste de min partido,
pois meu amigo foi d’aquend’ido,
atá que ven meu ben e meu lume
e meu amigo, [que se foi andar
a Granada, por meu amor lidar].
Pois me quisestes tan ben aguardar,
par Deus, non me leixes sen ti morar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1163, V 766

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 355-356); Macchi (1966: 24 [= LPGP 905]); Cohen (2003: 398); Littera (2016: II, 465).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 265); Braga (1878: 144); Machado & Machado (1956: V, 256).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 131-132); Seoane (1941: 124-125); Landeira Yrago (1975: 185); Torres (1977: 151); Jensen (1992: 354).

Variantes manuscritas


1 Muit’ei] Murey B : Muyte\y/ (mi) V; gradecer] gradescer V   3 quiseste] quisseste V; desemparar] dessē parar B : dessem parar V   4 ven] uera B   5 andar] am dar V   7 ren] irē B   9 quiseste] q̄seste B : quisseste V   10 veo] ueu B   13 prenderei] pranderey B : premderey V   14 ca nun[ca]] Ca mī B : camī V; partido] parado BV   15 meu amigo foi d’aquend’ido] meu amīgo foy dassuem dido V   16 e meu] ē eu B   17 amigo] āmigo V   20 par] por V; sen ti morar] se migo morar B : sentio omorar V

Variantes editoriais


1 gradecer] gradescer Nunes, Cohen, Littera   3 desemparar] dessemparar Macchi   5 e] o Nunes   7 gradesco] gradesco-[te] Nunes, Macchi, Cohen, Littera   9 min] mi Nunes   10 veo] veu Macchi   11 e] o Nunes   17 e] o Nunes   19 quisestes] quiseste Macchi, Cohen, Littera   20 par] por Nunes, Cohen; sen ti] se migo Macchi

Paráfrase


(I) Teño moito que che agradecer, ai Amor, porque quixeches vivir comigo e non me quixeches desamparar até que veu o meu lume e o meu pracer e o meu amigo, que foi a Granada lidar polo meu amor.
(II) Amor, agradézoche máis que ningunha outra cousa que, desde que se foi o meu amigo de aquí, nunca te quixeches separar de min até que veu o meu lume e o meu ben e o meu amigo, que foi a Granada lidar polo meu amor.
(III) Nunca me queixarei de ti, pois nunca te separaches de min após meu amigo se ir de aquí, até que veu o meu ben e o meu lume e o meu amigo, que foi a Granada lidar polo meu amor.
(1) Pois me quixeches acompañar tan ben, por Deus!, non me deixes vivir sen ti.

Métrica


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10B 10B (I [= Tav 151:5]) + 10a 10b 10b 10a 10C 10C (II [= Tav 160:220]) + 9’a 9’b 9’b 9’a 10C 10C (III [= Tav 160:303]) + 10a 10a

Encontros vocálicos: 7 má·is

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é directa resposta á cantiga 1175, do mesmo autor (Roi Martiinz do Casal).

  • 1

    Nunes e Cohen optaron pola variante gradescer de V, coa grafía <sc> en vez de <c> ou <ç> [ts], único rexistro en que achamos esta variación entre os dous apógrafos italianos. En xeral, esta grafía encóntrase na desinencia de verbos incoativos, de modo particular no Cancioneiro da Ajuda: connoscer (117.19, 138.2, 142.16 <conhocer> B), connoscesse (127.21 <cõnosciesse> A, <conhocesse> B), escaescer (130.13, 138.10, 227.15 <escaecer >~<escaeçer> B), escaescerá (175.28 <es caeçera> B), nasci (140.3 <naci> B). Mais en B e V tamén se rexistran algunhas voces con esta grafía latinizante, a maioría das veces concentradas na derradeira parte do cancioneiro galego-portugués: conhoscer (1015.15, 1630.3), falescer (1586.13) e parescer (1612.2, 7, 9 e 21; 1613.2 e 4)1. Cfr. nota a 68.11.

  • 4

    A presenza dun aparente tempo presente (ven) no verso (e mais no v. 16) resulta desconcertante polo contexto das estrofas, que semella solicitar un tempo pretérito. Ao tempo, se confrontamos estes dous versos (atá que ven meu lum’e meu prazer - atá que ven meu ben e meu lume) co simétrico v. 10 (atá que veo meu lum’e meu ben), parece confirmar que ven é unha variante minoritaria da P3 do pretérito de viir (do lat. uēnit), con evolución foneticamente regular (son analóxicas as formas med. vẽo ~ veo, mod. veu / veio), que aínda se conserva nalgunha rexión galega.

  • 4-5

    Nótese a invocación ao amigo como «meu lum’e meu prazer / e meu amigo», que non volve aparecer no corpus. Non obstante, en Nunes foi reformulada a expresión:
              atá que vem meu lum'e meu prazer,
              o meu amigo, que se foi andar
              a Granada, por meu amor lidar.

  • 6

    Igual que no refrán da cantiga 1175, do mesmo trobador, a voz Granada mostra a conservación de -n- intervocálico (cfr. Graada nas cantigas de escarnio 492.15, 1465.11, 1610.13), sen dúbida como trazo estilístico (arcaizante) propio deste xénero (véxase Ferreiro 2008b). De forma esporádica, porén, estas formas rexístranse así mesmo noutro tipo de composicións (véxase 429.r8 e 473.4): amena, arena, avelana, avelanal, avelanedo, avelaneira, fontana, Granada, granado, irmana, louçana, manhana, mano, pino, sano, venia.

  • 7

    A contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c) fai desnecesaria a integración dunha forma pronominal te que todos os editores realizaron polo aparente problema de hipometría.

  • 14

    A aparente forma min de B (<mī>) e V (<nū>) resulta un evidente erro por nunca, con omisión da sílaba <ca> e confusión <nu>/<mi>.

    Por outra parte, a rima demostra e confirma o erro <a>/<ti> (e <a>/<ci>) que se detecta en diversas ocasións nos cancioneiros italianos: <para> B parti (18.18), <Maram> B Martin (115.8), <marã> B Martin (115.22), <ca aue> B cativ’e (118.13), <parar> B partir (349.16, 627.9), <parado> BV partido (1326.21), <parar> V partir (1345.13), <conssenar> B consentir (1468.15), <ama> B cima (1489.47) etc.

  • 16

    Con certeza, é sorprendente a grafía e meu <ē eu> de B para é meu (cfr. <e meu> en V), onde o til de nasalidade representa unha nasal explosiva. Na realidade, ao longo do corpus rexístrase un limitado número de grafías deste tipo: se mi-a <sẽha> B vs. <se mia> A (225.2), se mi ar <ssẽhar> B vs. <ssemhar> V (377.6=r2), com’estes <cõ estes> V vs. <com estes> B (925.7), descomunal <descõunal> B vs. <descomunal> V (497.9), Estava-m’en <Estauã en> B vs. <Estauam eu> V (1219.1), dona <doã> V vs. <dona> B (1237.34), com’eu <cõ eu> B vs. <com eu> V (1593.6 [= r2]), dona <dõ a> BV (1664.3). É máis frecuente o proceso inverso: o -n- como unha marca de nasalidade vocálica (<bona> bõa, por exemplo). Véxase nota a 25.5.

  • 19

    A forma verbal de P2 de pretérito de indicativo de querer, quisestes, presenta -s analóxico que foi omitido en Macchi, Cohen e Littera.

  • 20

    Sorprende a solución de Macchi perante o erro dos códices, pois, para alén da hipermetría, a expresión é dubidosamente gramatical: *non me leixes sen migo morar.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado