I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 417 [= LPGP 588]); Cohen (2003: 483); Littera (2016: II, 45).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 293); Braga (1878: 161); Machado & Machado (1956: V, 363-364).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 192); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 148); Brea López & Fernández Guiadanes (2014: 89-90).
2 perdon] pardō B 3 coraçon] corazon V 4 [e]no] nō B : no V 9 mi ouvera] mh’ouua B : m\h/ouũa V 10 qual] q̄l V 15 morrer] morter BV 16 bõa] boa B
1 Polo meu mal filhou [agora] el-rei] Polo meu [mui gran] mal filhou el-Rei Nunes : Polo meu mal filhou-[s’ora] el rei Cohen, Littera 4 oj’eu [e]no] oj[e] eu no Nunes, Cohen, Littera 9 ouvera a espedir] ouver’a espedir Nunes
(I) Para o meu mal tomou agora o rei (todo) de mar a mar, así Deus me perdoe, pois levou consigo o meu corazón e canto ben hoxe eu no mundo teño: se o rei non o levase consigo, estou segura de que quedaría comigo.
(II) O meu amigo e a miña luz e o meu ben non partiría sen antes se despedir de min; e vede agora o que creo: se o rei non o levase consigo, estou segura de que quedaría comigo.
(III) Pois o meu amigo está co rei, a miña coita é tanta como debe ser: seméllame que estou preto de morrer; isto vos digo agora abofé: se o rei non o levase consigo, estou segura de que quedaría comigo.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 9’C 9’C (= RM 160:268)
Encontros vocálicos: 1 agora‿el-; 9 mi‿ouvera‿a; 15 -mi‿a
A evidente necesidade métrica de dúas sílabas máis no íncipit mereceu respostas diversas por parte da crítica. Acollemos a proposta de Tavani (1967a: 454) pola frecuencia do adverbio agora nos íncipits (cfr., por exemplo, Gran mal me faz agora’l-rei, 51.1, de Fernan Paez de Tamallancos). Canto aos editores precedentes, son diverxentes as propostas: Polo meu [mui gran] mal filhou el-rei (Nunes) presenta o inconveniente de incidir moi amplamente na lección manuscrita, co acrecentamento de dous elementos; en Cohen e Littera (Polo meu mal filhou-[s’ora] el-rei) rexístrase unha inhabitual forma pronominal de filhar-se, que presenta ese uso especialmente na perífrase filhar-se a + infinitivo (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. fillar; UC/Glosario, s.v. filhar).
A locución adverbial de mar a mar parece relacionar esta cantiga de Lopo con dúas composicións de Pero da Ponte en que tal sintagma é atribuído directamente co rei Fernando III (véxase 987.7 e 989.7).
Emendamos a forma *pardon (<pardō>) de B, lección exclusiva (errada face a perdon, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrari 1979: 83-85), pois, de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b; 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).
A minoritaria forma eno aparece con certa frecuencia ao longo do corpus e non é difícil achala no sintagma eno mundo (66.9 e 11, 68.21, 74.23, 142.11 e 18 etc.), circunstancia que favorece a súa escolla para salvar a hipometría do verso (cfr. a solución oj[e] eu no mund’ei de Nunes e Cohen e mais Littera). Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).
Obsérvese a concordancia ad sensum neste período:
O meu amigo, pois con el-rei é,
a mia coita é qual pode seer:
semelha-mi a mí ja par de morrer.
Enténdase, pois: ‘pois o meu amigo está con el-rei, a miña coita é a que ten de ser: seméllame que vou morrer’.
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: