I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 316 [= LPGP 129]); Cohena (2003: 520); Littera (2016: I, 133-134); Cohenb (2016b: 25).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 303); Braga (1878: 167); Machado & Machado (1958: VI, 8); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 23).
1 irmana] irmanas BV; 2 verra] ueira B; 4 á mui gran] mays a grã B; 5 verria] veiria B; 6 ca o] calho BV
En Nunes os vv. 1-2 de cada estrofa divídense en catro versos anisométricos.
1 Santa Maria de Reça] Santa Maria |de Reça| Cohena, Cohenb : Santa Maria Littera; irmana] irmãas Nunes : irmanas Littera 2 de [mui] bon grado falar [co]migo] de bon grado falar migo Nunes, Cohena, Cohenb, Littera 5 foss[e], irmana] foss’irmãa[s] Nunes : foss’, irmana Cohena, Cohenb, Littera 6 por] om. Nunes, Littera : |por| Cohena, Cohenb; o] lho Cohen, Littera 7 quero] quer’ Nunes
(I) Quero ir a Santa María de Reza e, irmá, vinde comigo, e virá o namorado de moi boa vontade falar comigo: quero ir a Santa María de Reza, a onde non fun hai moito tempo.
(II) Se alá fose, irmá, ben sei que o meu amigo alí viría por me ver e por falar comigo, xa que non o vin o outro día: quero ir a Santa María de Reza, a onde non fun hai moito tempo.
Esquema métrico: 17’a 17’a 10’B 7’B
Encontros vocálicos: 1 Reça‿e; 7 quero‿ir
A edición de Nunes, que divide os versos, presenta unha dispositio en que os versos impares carecen de rima, con diferente esquema para as dúas estrofas: 10’a 7’b 7’c 7’b 10’A 7’A + 9’a 7’b 8’c 7’b 10’D 7’D.
Pola súa parte, coas expuncións practicadas por Cohen e Littera, o esquema tamén diverxe entre as dúas estrofas: 15’a 15’a 10’B 7’B + 16’a 16’a 10’B 7’B.
Neste primeiro verso, de acordo co vocativo amiga do v. 5, emendamos o plural amigas (á inversa da corrección feita por Nunes –tamén posíbel–, que nivela sobre a forma plural). Cfr. nota a 1282.1.
A forma irmana (tamén no v. 5), como outras que aparecen con frecuencia nas cantigas de amigo, mostra a conservación de -n- intervocálico (avelana, Granada, louçana, venia etc.), sen dúbida como elemento retórico arcaizante propio deste xénero (véxase Ferreiro 2008b); con todo, e de modo esporádico, rexístrase noutro tipo de composicións (véxase 429.r8 e 473.4).
Finalmente, aínda neste verso aparece treides, que, coa forma imperativa treide, constitúe un resto arcaico da conxugación do verbo trahere (trahitis, trahite), na súa forma clásica (despois substituído por *tragere > med. trager; véxase Ferreiro 1999: §220a). Fóra da cantiga 1471 (véxase nota aos vv. 4 e 16), treide e treides só se atesta en oito cantigas de amigo: 679.3, 757.1, 1161.6, 1289.1 e 6, 1297. 1 e 4, 1299.2, 5, 7 e 10, 1302.1, 1303.2, 5 e 8. Alén da lírica profana, hai dúas ocorrencias de treides nas Cantigas de Santa Maria:
Ai, moller, treides oge mig’ a un logar (CSM 216.23).
E depois aa tornada, quando chegou a Carron,
hũa sa filla lle disse: «Treides, se Deus vos perdon,
albergar mais adeante a hũas choças que son
preto de nosso camỹo, e y podemos jazer» (CSM 278.24).
Na prosa só localizamos un rexistro na Demanda do Santo Graal: Senhor, diss’el, pois treides migo (cfr. CGPA, s.v. treides).
Santa Maria de Reça é unha parroquia pertencente ao concello de Ourense.
A integración de mui e a proposta da forma reforzada [co]migo (de [mui] bon grado falar [co]migo) restaura a métrica versal, deficiente nos manuscritos. O adverbio mui é un elemento que con certa frecuencia é esquecido no proceso de copia, como mostran algunhas pasaxes en que os testemuños son diverxentes (A vs. BV: 400.13, 421.19; B vs. A: 194.4; BV vs. A: 421.13; B vs. V: 1184.3). Por outra banda, a vacilación na copia de migo ~ comigo está presente nos apógrafos italianos (véxase 701.3 comigo <migo> B, <\co/migo> V). Repárese, ademais, en que esta emenda evita a repetición da palabra rimante (cfr. migo, v. 1).
Repárese na variante no refrán no relativo á quer’ir, que nesta ocorrencia presenta a forma plena quero ir, con sinalefa. Cfr. nota a 27.4.