I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 650 [= LPGP 703]); Miranda (2004: 156); Cohen (2010b: 21); Marcenaro (2012a: 80); Littera (2016: II, 205).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 12); Cotarelo Valledor (1933: 21-22); Machado & Machado (1949: I, 53-54); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 111); Rios Milhám (2017: I, 13); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 47); Arbor Aldea (2019: 91).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 14-15); Nunes (1959: 228-229); Correia (1978: 68); Gonçalves & Ramos (1983: 132); Jensen (1992: 248); Delgado León (1996: 48); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 158); Diogo (1998: 7-8); Arias Freixedo (2003: 242-243); Souto Cabo (2017: 188); Gutiérrez (2023: 157).
1-2 Cvidei eudemeu coraçon / que me non podesse forçar B 4 e d’ir] edit B 12 forçaron] forcarō B 16 son] soy B 19-21 qʷl leuo q̄ nūca uj mayor / qʷl leuo oudestou a pauor / de mortou delho mostrar B
1-2 Versos invertidos en Michaëlis, Miranda, Cohen, Marcenaro, Littera 4 e d’ir] de ir Michaëlis : ed ir Cohen 8 me] m(e) Michaëlis 10 e cuid’eu] e[u] cuidei Michaëlis, Cohen, Marcenaro, Littera 19-20 qual levo! que non vi mayor / nunca, ond’estou a pavor Michaëlis : qual levo, que nunca vi maior / qual levo ond’estou a pavor Miranda : qual levo, que non vi maior / nunca, ond’ estou a pavor Cohen : qual levo, que nom vi maior / [nunca], ond'estou a pavor Littera
(I) Pensei que o meu corazón non me podería forzar, pois xa me sacara da prisión, e que non iría tornar alí comigo; e forzoume agora un novo amor, e forzoume unha nova señora, e creo que me quere matar.
(II) E xa que así me foi desamparar unha dama desde entón, penso que de modo ningún podería nunca máis amar a outra, mais forzáronme os meus ollos e a beleza dos dela, así como os seus méritos e un cantar (III) que lle sentín cando a vin co cabelo descuberto entoando unha melodía. Infelizmente non morrín nese momento, antes que ter que sufrir tal coita como a que padezo, nunca a vin maior que a que eu sufro, polo que estou con pavor da morte ou de llo mostrar.
Cantiga de amor, do tipo de mestría. Consta de tres estrofas unissonans de sete octosílabos agudos.
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161: 266)
Encontros vocálicos: 8 me‿assi; 12 -mi‿os; 19 levo‿e; 20 levo‿ond[e]
Acollendo a proposta de Montero Santalla (2000: 241-242), invertemos os dous versos iniciais, regularizando así a estrutura métrica de toda a cantiga. A copia deslocada de versos rexístrase nalgunhas ocasións nos apógrafos italianos (véxase un exemplo significativo nas estrofas II-III da cantiga 1527 / 154,12 VaPrzPard [B1508]).
Para a correcta interpretación do verso é necesario considerar omiso o verbo cuidei, que na lingua trobadoresca tamén introduce infinitivos coa preposición de: meu mal cuidei / porque cuidei / d’amar-vos ja (132.15); E sempr’eu cuidei no meu coraçon / de lhi fazer serviç’... (446.13); E sol non met’eu en cuidar / de nunca de vós aver ben (518.13); non cuidava d’atender outro ben (626.17), entre outros exemplos. Isto é: ‘cuidei eu de meu coraçon que me non podesse forçar e (cuidei) d’ir comego i tornar’; deste xeito, son innecesarias as emendas da lección de B, incluída a fantasmal forma michaëliana ed da copulativa (véxase nota a 7.13) que Cohen estabeleceu a partir dunha hipotética variante da copulativa e (< ĕt).
No relativo á forma mego, esta variante representa o estadio máis arcaico da voz derivada do lat. mēcum, que non reaparece no corpus máis que na forma reforzada comego (13.4, 371.21, 469.3 e 10) ou con mego (469.6 e 9). Ambas as solucións son absolutamente minoritarias fronte a migo e comigo (e mais con migo). Fóra do corpus lírico profano, é anecdótica a presenza destes resultados na restante produción medieval, pois está ausente no TMILG, e no CGPA só se rexistran en textos orixinarios de Portugal cinco ocorrencias de comego, dúas de contego e, finalmente, cadanseu rexistro de sego, con sego e com sego, os dous últimos a finais do século XIV. Con todo, aínda no século XV debían sobrevivir estas formas, pois consego aparece esporadicamente tamén no Livro das Confissões (Martín Pérez 2012-2013: 284, 295, 299, 309, 311, 353 etc.).
Todos os editores emendan B sen consideraren o carácter expletivo da copulativa e, que se pode manter, por tanto, como en moitos outros contextos nas cantigas. Véxase Glosario, s.v. e (uso 6).
A voz preço (do lat. pretium) mostra unha perfecta equivalencia semántica co provenzalismo prez, que ten a mesma orixe. Cfr. que El i leixe mao prez aver / a quen mal preço vos quer apoer (212.5-6).
A expresión estar en cabelos indica que a dona estaba sen touca (distintivo da muller casada), porque era moza nova (virxe). Resultan especialmente significativas as seguintes citacións:
Iten, que forçou hua moça virgen en cabelo e dormío con ela por força, andando ela en hua viña de sua ama Elvira Dias (doc. 1441; cfr. TMILG, s.v. en cabelo).
et estas çem donzelas que fosẽ todas uirgẽes et en cabello (tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España; TMILG, s.v. en cabello).
et que estas donzellas que fossem todas uirgẽes et em cabelos (Crónica Geral de Espanha de 1344; Cintra 1952-1990: II, 402).
Véxanse outras documentacións en Machado Filho 2013: s.v. en cabellos.
A obvia existencia dun erro na transmisión destes dous versos (< qʷl leuo q̄ nūca uj mayor / qʷl leuo oudestou a pauor>), editados mecanicamente en Miranda, explica a abrupta emenda michaëliana (que substitúe, no v. 19, nunca por non, e o segundo qual levo, o do v. 20, polo nunca expunxido do verso anterior), que busca evitar así a repetición de qual levo e, ao tempo, restaurar a isometría versal. Porén, é moito máis económica a intervención de Marcenaro, coa emenda que > e, que permite a sinalefa con levo ao tempo que se respecta no esencial a lección do manuscrito.