24 [= RM 149,1]
Oimais non sei eu, mia senhor

Oimais non sei eu, mia senhor,
ren per que eu possa perder
coita nos dias que viver,
pois vós non avedes sabor
que vos eu diga nulha ren
de quanto mal me por vós ven;
e pesa-vos de vos amar
eu, e non m’ei end’a quitar
entanto com’eu vi[vo] for,
ca non ei poder d’al fazer,
ca, se d’al ouvesse poder,
aver-vos-ia desamor
assi como vos ei gran ben
a querer, sen grad’; e por én
me pesa, porque com[e]çar
foi convosc’, a vosso pesar.
E, pois a vós pesa, de pran,
de que convosco comecei,
guisad’é que non perderei,
sen morrer, coita nen afan
por vós, senhor, pois me non val
contra vós serviço nen al
que vos faça, pero que-quer
vos sofrerei mentr’eu poder
viver; mais non me leixarán
os desejos que de vós ei,
que eu, senhor, non poder[ei]
sofrer: assi me coitarán
por vós, que me queredes mal
porque vos amo: é, pois atal
ventura ei eu, mui mester
de morrer, pois a vós proug[u]er.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 

Manuscritos


B 50

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 667-668 [= LPGP 931-932]); Fernández Guiadanes & Meléndez Cabo (2011: 63-64); Littera (2016: II, 458).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 15-16); Machado & Machado (1949: I, 66-67); Rios Milhám (2017: I, 24).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 224-225).

Variantes manuscritas


9 vi[vo] for] uy [    ] for B   14 sen grad’; e] sē gⁱde B   15 pesa] pessa B   18 comecei] comoçej B   19 perderei] ꝑerderey B   27 senhor, non poder[ei]] senhʳ (poysme) nō poder B

Variantes editoriais


5 vos] vus Michaëlis   6 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis   7 -vos ... vos] -vus ... vus Michaëlis   12 vos] vus Michaëlis   13 vos] vus Michaëlis   23 vos] vus Michaëlis   24 vos] vus Michaëlis   25 leixarán] leixaran Michaëlis   28 coitarán] coitaran Michaëlis  30-31 porque vus am(o); e pois atal / ventura ei, ei mui mester Michaëlis : porque vos am’; e pois atal / ventura hei, hei mui mester Littera

Paráfrase


(I) De aquí en diante non sei eu, miña señora, ningunha cousa pola que eu poida perder a coita nos días que viva, pois vós non desexades que vos eu diga cousa ningunha de canto mal que me vén pola vosa causa; e pésavos que eu vos ame, e non deixarei de o facer (II) mentres eu siga con vida, pois non podo facer outra cousa, porque, se outra cousa puidese facer, teríavos desamor así como vos amo tanto, de má vontade; e por iso me causa pesar, porque comecei a servirvos, a voso pesar. 

(III) E, xa que vos incomoda, certamente, que comezase a vos pretender, está disposto que non perderei, sen morrer, coita nin dor por vós, señora, pois non me vale en relación a vós o servizo nin calquera outra cousa que vos faga, pero sexa o que for sufrireino mentres eu puider (IV) vivir, mais non me deixarán os desexos que sinto por vós, que eu, señora, non poderei soportar; así me aflixirán por vós, que me queredes mal porque vos amo: pois tal é o meu destino, é necesario que morra, se vos agrada.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8d 8d (= RM 168:7)
Encontros vocálicos: 30 amo:é

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga, igual que as cantigas 182213 ou 270, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (cunha leve ruptura simétrica) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74. Cfr. nota á cantiga 1. Véxase notas ás cantigas 15 e 23.

  • 9

    A necesaria integración textual resulta evidente á luz da frecuencia do sintagma entanto com’eu vivo for, que se pode ver en 31.3, 38.3, 65.19, 73.22, 102.18 etc.

  • 15

    O verbo começar, cando está construído coa preposición con, significa ‘iniciar relacións amorosas’.

  • 16

    A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final latino nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 23

    A forma verbal quer (P3 do presente indicativo) formou historicamente diversos pronomes indefinidos, algúns deles exclusivos da lingua medieval, como que-quer ‘algo, calquera cousa, sexa o que for’, que tamén aparece noutras cantigas como tal pronome (55.21, 238.23719.14, 887.21, 958.19, 1244.13) ou facendo parte da locución pronominal al que-quer ‘outra cousa calquera’ (141.12, 254.6, 684.9), que constitúe a versión positiva de al ren (véxase nota a 72.21) ou al nada (véxase nota a 708.16).

  • 30-31

    A puntuación e a interpretación de <e> (v. 30) como forma verbal son as chaves para que o período teña pleno sentido sen necesidade de alterar a lección manuscrita, tal como fixo Michaëlis (seguida en Littera), que transformou o pronome eu no verbo ei: ao interpretar <e> como conxunción copulativa viuse obrigada a introducir un novo verbo para manter unha sintaxe e un sentido coherentes:

    porque vos am(o); e pois atal
    ventura ei, ei mui mester
    de morrer, ...

Buscar
    Non se atopou ningún resultado