I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 667-668 [= LPGP 931-932]); Fernández Guiadanes & Meléndez Cabo (2011: 63-64); Littera (2016: II, 458).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 15-16); Machado & Machado (1949: I, 66-67); Rios Milhám (2017: I, 24).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 224-225).
9 vi[vo] for] uy [ ] for B 14 sen grad’; e] sē gⁱde B 15 pesa] pessa B 18 comecei] comoçej B 19 perderei] ꝑerderey B 27 senhor, non poder[ei]] senhʳ (poysme) nō poder B
5 vos] vus Michaëlis 6 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis 7 -vos ... vos] -vus ... vus Michaëlis 12 vos] vus Michaëlis 13 vos] vus Michaëlis 23 vos] vus Michaëlis 24 vos] vus Michaëlis 25 leixarán] leixaran Michaëlis 28 coitarán] coitaran Michaëlis 30-31 porque vus am(o); e pois atal / ventura ei, ei mui mester Michaëlis : porque vos am’; e pois atal / ventura hei, hei mui mester Littera
(I) De aquí en diante non sei eu, miña señora, ningunha cousa pola que eu poida perder a coita nos días que viva, pois vós non desexades que vos eu diga cousa ningunha de canto mal que me vén pola vosa causa; e pésavos que eu vos ame, e non deixarei de o facer (II) mentres eu siga con vida, pois non podo facer outra cousa, porque, se outra cousa puidese facer, teríavos desamor así como vos amo tanto, de má vontade; e por iso me causa pesar, porque comecei a servirvos, a voso pesar.
(III) E, xa que vos incomoda, certamente, que comezase a vos pretender, está disposto que non perderei, sen morrer, coita nin dor por vós, señora, pois non me vale en relación a vós o servizo nin calquera outra cousa que vos faga, pero sexa o que for sufrireino mentres eu puider (IV) vivir, mais non me deixarán os desexos que sinto por vós, que eu, señora, non poderei soportar; así me aflixirán por vós, que me queredes mal porque vos amo: pois tal é o meu destino, é necesario que morra, se vos agrada.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8d 8d (= RM 168:7)
Encontros vocálicos: 30 amo:‿é
Esta cantiga, igual que as cantigas 182, 213 ou 270, presenta unha ligazón interestrófica coa copulativa e entre as estrofas II e III (cunha leve ruptura simétrica) que facilmente, por medio dunha disposición tipográfica minúscula e unha puntuación máis leviana, se podería interpretar como unha cantiga ateúda atá a fiinda. Véxase nota á cantiga 74. Cfr. nota á cantiga 1. Véxase notas ás cantigas 15 e 23.
O verbo começar, cando está construído coa preposición con, significa ‘iniciar relacións amorosas’.
A forma foi é tamén P1 de pretérito de seer (e de ir): a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final latino nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).
A forma verbal quer (P3 do presente indicativo) formou historicamente diversos pronomes indefinidos, algúns deles exclusivos da lingua medieval, como que-quer ‘algo, calquera cousa, sexa o que for’, que tamén aparece noutras cantigas como tal pronome (55.21, 238.23, 719.14, 887.21, 958.19, 1244.13) ou facendo parte da locución pronominal al que-quer ‘outra cousa calquera’ (141.12, 254.6, 684.9), que constitúe a versión positiva de al ren (véxase nota a 72.21) ou al nada (véxase nota a 708.16).
A puntuación e a interpretación de <e> (v. 30) como forma verbal son as chaves para que o período teña pleno sentido sen necesidade de alterar a lección manuscrita, tal como fixo Michaëlis (seguida en Littera), que transformou o pronome eu no verbo ei: ao interpretar <e> como conxunción copulativa viuse obrigada a introducir un novo verbo para manter unha sintaxe e un sentido coherentes:
porque vos am(o); e pois atal
ventura ei, ei mui mester
de morrer, ...