A cantiga aparece copiada dúas veces no Cancioneiro da Biblioteca Nacional: a primeira vez en B 331, coas dúas primeiras estrofas, mentres que B 335 xa presenta as tres estrofas completas.
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 820 [= LPGP 887-888]); Littera (2016: II, 433).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 121 e 122-123); Machado & Machado (1950: II, 84); Rios Milhám (2018a: II, 291).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 259); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 208).
2 dormir] domir B’ 4 e] et B 8 en] om. B 9 muit’á] muy a B’ 11 e, se mostrar] et se monstrar B 12 algũa] alguna B’; vez] ues B 14 m’al] mhal B; nembrar] membrar B’ 19 o ei] uey B’ 20 quen] ꝙʷ B’ 21 prazer] p’zer B
14 m’al pode nembrar] mi al pode nembrar Michaëlis : mi al pôde nembrar Littera 16 [ei] perdudo] perdudo [ei] Michaëlis : perdudo [hei] Littera 20 dizede-mi: quen] dizede-m’ ¿i quen… Michaëlis
(I) Aquel a quen Deus quixo dar coita de amor nunca debe durmir, porque xa non durmirá cando non vexa a súa señora; e, se chegase onde a vexa, isto sei ben, non durmirá de maneira ningunha: tanto pracer ten de a contemplar!
(II) Disto podo eu falar porque hai moito que me pasa a min, pois desde que non vin a miña señora nunca durmín, e, se algunha vez Noso Señor ma quixo mostrar, tiven tanto gozo que nunca me puiden lembrar doutra cousa.
(III) Xa o sono, mentres eu viva, teño perdido, pois acontece así que onde non a vin non durmín; e pois que a non vexo, non o tentarei por nada (durmir); e xa, por Deus, dicídeme: quen durmirá con tan gran pracer ou pesar?
Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:279)
Encontros vocálicos: 13 mi-‿a; 14 mi‿al; 19 o‿ei
Obsérvese a variante monstrar de B (vs. B’), talvez produto da intervención do copista, tal como mostra a análise das variantes (a)mostrar / (a)mosntrar nos códices. Véxase nota a 9.3.
A presenza de -n- na forma manuscrita <alguna> en B’ é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ũ/ (confirmada neste caso pola lección de B), o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <capaton es> çapatões, <certano> certão, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.
A necesaria presenza da forma verbal ei, ausente no manuscrito, resolve a hipometría versal, mais a súa colocación no verso non é indiferente, pois o encontro perdudo ei resólvese sempre coa crase perdud’ei (11.3, 20.15, 110.1, 137.26, 228.7 etc.). Neste sentido, véxanse estes versos dunha composición anónima:
Amo-vos tant’e tan de coraçon
que o dormir ja o ei perdudo (444.14)
A anomalía da segmentación de i realizada por Michaëlis evidénciase pola inexistencia de frases interrogativas cuxo primeiro elemento sexa ese adverbio.