433 [= Tav 157,37]
Ora poss’eu con verdade dizer

Ora poss’eu con verdade dizer,
sennor fremosa, que faço mal sén
en vos amar, pois de vós non ei ben
nen atendo d’al mentr’eu vivo for,
se non ouver de vós ben, gran prazer,
o que non poss’aver de vós, sennor.
Pois se non dol Deus de mí nen Amor
nen vós, sennor, que eu sempre servi,
de-lo dia que vos primeiro vi
meu mal fiz e faço de vos amar,
ca de morrer por vós ei gran pavor
da coita que me fazedes levar.
Mui gran dereito faç’en me queixar
de vós, sennor, eno meu coraçon,
que me leixades morrer sen razon
por vós, pero me podedes guarir;
e por aquesto podedes osmar
que mui mal sén faço de vos servir.
Mais non me poss’ende, sennor, partir
quant’ei poder de mia morte fogir.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


A 268

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 529-530 [= LPGP 987]); Fernández Graña (2007: 299); Littera (2016: II, 566).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 158); Machado & Machado (1960: VII, 50-51); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 433).

Variantes manuscritas


2 faço] fazo A   3 vos] uos A   9 vos] uos A   10 faço de vos] fazo de uos A   18 sén] seso A; vos] uos A

Variantes editoriais


3 vos] vus Michaëlis : vós Fernández Graña   9 vos] vus Michaëlis : vós Fernández Graña   10 vos] vos Michaëlis : vós Fernández Graña   14 eno] e no Fernández Graña   18 mui mal sén] mal-seso Michaëlis : mal seso Littera; vos] vus Michaëlis : vós Fernández Graña

Paráfrase


(I) Agora podo dicir con certeza, fermosa señora, que obro mal amándovos, xa que non teño ben de vós nin espero un gran gozo de cousa ningunha, mentres viva, se non tiver ben de vós, e iso non o podo ter eu de vós, señora.

(II) Xa que nin sequera se doe de min Deus nin Amor nin vós, señora, a quen sempre servín, desde o día en que vos vin por primeira vez procurei o meu mal e procúroo amándovos, pois teño gran pavor de morrer por vós (como consecuencia) da coita que me facedes sufrir.

(III) Obro moi xustamente ao queixarme de vós, señora, no meu corazón, que me deixades morrer por vós sen razón, aínda que me podedes salvar; e por isto podedes intuír que obro moi mal servíndovos.

(1) Mais non podo, señora, deixar de facelo: canto poder teño de fuxir á miña morte!
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10c 10a 10c + 10c 10c (= Tav 183:12)

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é considerada anónima.

  • 2

    Obsérvese a aparición da grafía <z> en formas que regularmente presentan <c, ç> e que deben ser postas en relación con outras confusión gráficas que atinxen ao ámbito das sibilantes no Cancioneiro da Ajuda: en varias ocasións rexístrase <fazo> e <faza> faço e faça, ás veces en formas contractas (69.7 e 10, 117.17, 136.10, 189.24, 203.27, 273.22, 278.15, 403.2, 433.2), <ouzo> ouço (85.26) e <nazer> nacer (260.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 80.10, 88.15 e 89.2.

  • 14

    A segmentación de <eno> en Fernández Graña leva consigo tamén a consideración dunha frase parentética (e no meu coraçon).

  • 18

    Face ao bisilábico seso, sospeitoso de castelanismo e distorsionador da medida versal, sén aparece como alternativa adecuada por razóns métricas e semánticas, ademais de cronolóxicas. Para alén de faço mal sén / en vos amar nos vv. 2-3, fazer mal sén por servir aparece tamén, por exemplo, en 315.17 (e dizedes de quanto vos servi / que fiz mal sén) ou 331.8 (E todos dizen que fiz i mal sén, / ai mia senhor, de quanto comecei / de vos servir), para alén de que siso está sobradamente atestado na lingua trobadoresca (113.19, 204.13, 926.6, 1327.12, 1430.33, 1450.15, 1555.2 e 1637.4). Ao contrario non conseguimos rexistrar seso máis que nunha decena de documentos galegos (significativamente tardíos): pero con todo meu seso, et con toda mina memorya (1314); auendo toda miña memoria e meu seso e entendemento (1402); pero con todo meu seso e entendemento qual mo Deus dou (1435); con todo meu seso e entendemento conprido (1484)1  etc. (véxase CGPA, s.v. seso).

  • 19-20

    Na fiinda, a preposición de cumpre unha dupla función, pois introduce unha cláusaula subordinada (partir de fogir) e, asemade, un complemento circunstancial de lugar (fogir de mia morte). Isto é: «Mais non me poss’ende, sennor, partir quant’ei poder de fogir de mia morte».

  1. ^

    Baixo a forma sesso aparece tamén nun documento altamente castelanizado de 1485: con todo meu sesso y entendimiento natural (véxase TMILG, s.v. sesso).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado