495 [= RM 25,84]
Praz-mi a mí, senhor, de morrer

Praz-mi a mí, senhor, de morrer
e praz-m’ende por vosso mal,
ca sei que sentiredes qual
mingua vos pois ei de fazer,
ca non perde pouco senhor
quando perde tal servidor
qual perdedes en me perder.
E con mia mort’ei eu prazer
porque sei que vos farei tal
mingua qual fez omen leal
(o máis que podia seer)
a quen ama, pois morto for;
e fostes vós mui sabedor
d’eu por vós atal mort’aver.
E, pero que ei de sofrer
a morte mui descomunal,
con mia mort’oimais non m’én chal,
por quanto vos quero dizer:
ca meu serviç’e meu amor
sera-vos d’escusar peior
que a min d’escusar viver.
E certo podedes saber
que, pero s’o meu tempo sal
per morte, non á ja i al,
que me non quer’end’eu doer
porque a vós farei maior
mingua que fez Nostro Senhor
de vassal’a senhor prender.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 497, V 80

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 13 [= LPGP 215-216]); Nunes (1972 [1932]: 60-61); Littera (2016: I, 165); Fassanelli (2021: 36).
II. Outras edicións: Moura (1847: 1-3); Monaci (1875: 38); Braga (1878: 17); Machado & Machado (1950: II, 385-386); Júdice (1997: 77); Montero Santalha (2004); Rios Milhám (2018b: III, 495).
III. Antoloxías: Tavares (1943 [1923]: 20-21); Tavares (1961: 15-16).

Variantes manuscritas


1 Praz] Praxz B; morrer] moirer BV   2 praz-m’ende] prax mande B   4 vos] (uos) uꝯ B   9 farei] fatei V   11 podia] podea B   12 morto] meto BV   18 dizer] diz V   28 prender] prander B

Variantes editoriais


1 morrer] moirer Lang   12 a] o Lang   13 vós] vos Lang   14 atal] a tal Lang   17 non m’én chal] nom m’em cal Lang : non m' én cal Fassanelli

Paráfrase


(I) Práceme, señora, morrer e práceme tal cousa polo voso mal, pois sei que sentiredes a falta que vos hei causar, xa que non perde pouco o señor que perde un servidor como o que vós perdedes ao me perder.

(II) E teño pracer coa miña morte, porque sei que vos causarei tal perda como a que lle causou o home leal –non o podía ser máis– a quen ama, despois de morrer; e vós soubestes moi ben como eu había morrer por vós.

(III) E aínda que hei de sufrir unha morte desmesurada, non me importa nada xa a miña morte, por canto vos quero dicir: porque vos será máis difícil de prescindir do meu servizo e do meu amor que a min deixar de vivir.

(IV) E podedes saber con certeza que, aínda que os meus días se acaban coa morte, sen dúbida, non quero eu laiarme por iso, porque vos hei causar a vós a maior perda que Noso Señor lle fixo recibir dun vasalo ao seu señor.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= RM 161:238)

Encontros vocálicos: 1 -mia

Notas


Texto
  • 14

    Só Lang segmenta erroneamente atal, como se a puidese ser artigo ou preposición, sen ter en conta que atal é variante frecuente de tal (cfr. tamén atan ~ tan, atanto ~ tanto, aquanto ~ quanto). Véxase nota a 138.17.

  • 16

    Descomunal, adxectivo presente en varias cantigas dionisinas, deriva por prefixación de comunal (véxase nota a 537.11), é moito máis común na lingua das cantigas do que a súa base léxica (véxase tamén 3.12, 485.7, 497.9, 527.14, 592.14, 926.20 e 1408.27).

  • 17

    A frase non + pron. pers. CI + én chal ‘non me/lle importa’, que se corresponde á frase latina non mihi/illi inde calet, procede da Galo-Romania. No corpus trobadoresco profano, para alén de ne m’én chal (264.9) e nen mi cal (1337.176), con nen e co CI de P1, esta expresión aparece sempre co adverbio non e o CI de P1 (non m’én chal, nesta cantiga; non m’én cal, 1358.18) ou o CI de P3 (non lh’én cal, 480.19), que tamén pode presentar interpolación: lhi non én chal (1652.24). 

  • 23-24

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética (véxase nota a 53.17-18):

    E certo podedes saber 
    que, pero s’o meu tempo sal 
    per morte, non á ja i al, 
    que me non quer’end’eu doer.

  • 24

    As frases formularias (‘certamente, sen dúbida’) non á ja i al e mais ja i al non á (941.7) son variantes da máis xeral non á i al (105.9, 217.24 e 245.15) e mais non avera i al (1635.9), que no corpus aínda conviven con outras similares do tipo u al non á, u non jaz al etc.

  • 26-28

    Enténdase: ‘fareivos mingua maior que a que Deus nunca lle causou (fez prender) a ningún señor feudal por perder un vasalo’. Isto é, Deus nunca lle fixo prender a ningún señor feudal unha mingua tan grande como a que el vai causar á súa señor ao morrer.

  • 28

    As cantigas de amor e o canto cortés, en xeral, representan a relación amorosa espellada na relación feudal recíproca entre un señor protector e o seu vasalo servidor. Termos como vassalo e o seu sinónimo máis usado ome, senhor, servir, ben, galardon, entre outros, vehiculan esta metáfora feudal do amor como servizo.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado