No Cancioneiro da Vaticana, entre os dous versos do refrán da primeira estrofa, aparecen copiados e riscados cun trazo horizontal os dous últimos versos íntegros e a palabra final do antepenúltimo da primeira estrofa da cantiga anterior (519.8-10). Outrosí, entre as estrofas I e II, aparecen copiados –e riscados– outros tres versos desa mesma cantiga.
I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 30-31 [= LPGP 202-203]); Nunes (1972 [1932]: 107-108); Littera (2016: I, 179-180).
II. Outras edicións: Moura (1847: 38-39); Monaci (1875: 46-47); Braga (1878: 22); Machado & Machado (1952: III, 59-60); Júdice (1997: 101); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 370); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 46); Arias Freixedo (2003: 370-371).
3 tod’esto] codesto V 4 namorado] namora(n)do B : namorando V 6 (se de qual pesar guysādolo nrō senhor / como mhiami foy) guysar / se de qual benlheu quero cydara V 10 morria] moiria B 17 mi] mī B
10 morria] moiria Lang 11 ben] bien Nunes 13 Porque] Por quanto Lang, Nunes; aja[des]] aja Lang, Nunes, Littera
(I) Noso Señor, douvos as grazas por canto hoxe a miña señora me falou; e todo isto foi porque ela pensou que eu andaba doutra namorado, pois sei eu ben que non me falaría se imaxinase o moito que a amo.
(II) Porque me falou hoxe douvos as grazas, Noso Señor; e todo isto foi porque a miña señora coidou que eu morría de amor por outra, pois sei eu ben que non me falaría se imaxinase o moito que a amo.
(III) Porque me falou hoxe, tende, Deus, o meu agradecemento; mais disto non habería nada se non fose porque a miña señora pensou que os meus desexos eran por outra, pois sei eu ben que non me falaría se imaxinase o moito que a amo, (1) porque ela é tal que se mataría antes de me falar se tan sequera o sospeitase.
Esquema métrico: 9’a 10b 10b 9’a 9’C 9’C (I, II [= RM 160:294]) + 10a 10b 10b 10a 9’C 9’C (III [= RM 160:261]) + 9’c 9’c
A expresión oj’este dia, locución adverbial equivalente a ‘hoxe’, é a formulación xeral corpus trobadoresco (715.4, 983.7, 1288.1, 1467.5), aínda que pode aparecer con interpolacións (cfr. 736.5 Se oj’el este dia / soubesse, migo iria) ou sen a presenza do demostrativo (682.3 oje dia cuidades que venha?). En calquera caso, resulta significativo que hoj’este dia represente exactamente o hodie latino (> hoje), con orixe en hoc die ‘(n)este día’.
Face á emenda de Lang e Nunes, no inicio do verso, sen apoio semántico-textual –e a inacción editorial de Littera perante a hipometría do verso–, a emenda de aja a prol de ajades é coherente do punto de vista métrico e mais do contido da cantiga, pois o trobador diríxese directamente a Nostro Senhor / Deus e a construción ajades bon grado inicia as estrofas anteriores (véxanse vv. 1 e 8). Desde unha perspectiva paleográfica, a duplicación da abreviatura <đs> (<ajađs đs>) puido facer que o copista pensase nun erro do exemplar e eliminase unha das abreviaturas.