546 [= RM 25,93]
Que grave coita, senhor, é

Que grave coita, senhor, é
a quen sempr’á [a] desejar
o vosso ben, que non á par,
com’eu faç’; e, per boa fe,
se eu a Deus mal mereci,
ben se vinga per vós en mí!
Tal coita mi dá voss’amor
e faz-me levar tanto mal
que esto m’é coita mortal
de sofrer; e por én, senhor,
se eu a Deus [mal mereci,
ben se vinga per vós en mí].
Tal coita sofr’, á gran sazon,
e tanto mal e tant’afan
que par de morte m’é de pran;
e, senhor, por esta razon,
se eu a Deus mal [mereci,
ben se vinga per vós en mí].
E quer-se Deus vingar assi
como lhi praz per vós en min.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 529b, V 132

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 47-48 [= LPGP 220]); Nunes (1972 [1932]: 158-159); Littera (2016: I, 195-196).
II. Outras edicións: Moura (1847: 78-79); Monaci (1875: 55); Braga (1878: 27); Machado & Machado (1952: III, 118-119); Júdice (1997: 126).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 49).

Variantes manuscritas


6 vinga] (r) vinga B   7 dá] de V

Variantes editoriais


2 sempr’á [a]] [a] sempr’a Lang : [á] semp’a Nunes : [há] sempr'a Littera   4 boa] bõa Lang, Littera   18 per] por Lang, Littera   20 min] mi Lang, Nunes, Littera

Paráfrase


(I) Que grave é a coita, señora, para quen sempre ten que desexar o voso ben, que non ten par, como eu fago; e, sinceramente, se eu lle merecín algún mal a Deus, ben se vinga por vós en min!

(II) Tal coita me causa o amor por vós e tanto mal me fai levar que isto me resulta unha coita mortal de sufrir; e por iso, señora, se eu lle merecín algún mal a Deus, ben se vinga por vós en min!

(III) Tal coita sufro, hai moito tempo, e tanto mal e tanta preocupación que me é igual á morte sen dúbida; e, señora, por esta razón, se eu lle merecín algún mal a Deus, ben se vinga por vós en min!

(1) E quérese Deus vingar así como quere por vós en min.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8C 8C + 8c 8c (= RM 160:334)

Notas


Texto
  • 2

    Do punto de vista paleográfico, o máis lóxico para corrixir a hipometría do verso é a restauración da preposición a da perífrase aver + a + infinitivo a continuación de á, pola facilidade de lapso por contigüidade no proceso de copia.

  • 5-6

    O refrán desta cantiga parece recoller e sintetizar uns versos de Afonso Lopez de Baian (364.13-16):

    Se m’eu a Deus mal mereci,
    non vos quis El muito tardar
    que se non quisesse vingar
    de mí u eu tal dona vi.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado