596 [= Tav 25,81]
Por Deus, amigo, quen cuidaria

Por Deus, amigo, quen cuidaria
que vós nunca ouvessedes poder
de tan longo tempo sen mí viver!
E des oimais, par Santa Maria,
nunca molher deve, ben vos digo,
muit’a creer per juras d’amigo.
Dissestes-mi, u vos de min quitastes:
«Log’aqui serei convosco, senhor»;
e jurastes-mi polo meu amor
e des oimais, pois vos perjurastes,
nunca molher deve, ben [vos digo,
muit’a creer per juras d’amigo].
Jurastes-m’enton muit’aficado
que logo, logo, sen outro tardar,
vos queriades pera mí tornar;
e des oimais, ai meu perjurado,
nunca molher deve, ben vos digo,
[muit’a creer per juras d’amigo].
E assi farei eu, ben vos digo,
por quanto vós passastes comigo.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 579, V 182

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 84 [= LPGP 214]); Nunes (1973 [1928]: 31); Cohen (2003: 614); Littera (2016: I, 227-228).
II. Outras edicións: Moura (1847: 158-159); Monaci (1875: 73); Braga (1878: 37); Machado & Machado (1952: III, 212); Cohen (1987: 75); Júdice (1997: 39); Montero Santalha (2004).
III. Antoloxías: Ferreira (1991: 80); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 40).

Variantes manuscritas


7 Dissestes] Disseste B   9 jurastes] iuraste B   20 passastes] possastes V

Variantes editoriais


2 vós] vos Lang   6 per juras] perjuras Lang   12 per juras] perjuras Lang   15 vos] vós Lang; pera] para Lang   18 per juras] perjuras Lang   19 assi] assim Nunes   20 por quanto vós passastes comigo] pois que vos perjurastes, amigo Lang

Paráfrase


(I) Por Deus, amigo, quen ía pensar que vós en ningún momento tivésedes poder para vivir sen min por tan longo tempo! E de hoxe en diante, por Santa María, nunca debe unha muller, ben vos digo, crer moito en promesas de amigo.

(II) Dixéstesme, cando vos separastes de min: «Logo estarei aquí (de volta) convosco, senhor», e xurástesme polo meu amor, e de aquí en diante, xa que cometestes perxuro, nunca debe unha muller, ben vos digo, crer moito en promesas de amigo.

(III) Xurástesme entón insistentemente que logo logo, sen tardar, queriades voltar para xunto de min; e de aquí en diante, ai meu perxuro, nunca debe unha muller, ben vos digo, crer moito en promesas de amigo.

(1) E así o farei eu, ben volo digo, por canto vós incumpristes (as promesas) que me fixestes.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 9’a 10b 10b 9’a 9’C 9’C + 9’c 9’c (= Tav 160:295)

Encontros vocálicos: 7 -mi,‿u

Notas


Texto
  • 5

    A cláusula ben vos digo (tamén no v. 19) é utilizada por Don Denis (tamén en 551.3) como frase formularia, equivalente a outras construídas arredor de ben e creer. Véxase nota a 212.14.

  • 6

    A forma perjuras de Lang, sen segmentar a preposición per, suporía un falso substantivo perjura, inexistente na lingua. 

  • 14

    Nótese a repetición, con alto valor estilístico, do adverbio logo, despois reforzada coa amplificación sen outro tardar.

  • 20

    O texto do verso en Lang (pois que vos perjurastes, amigo) supón unha refacción textual, sen apoio nos manuscritos, talvez polo forzado encaixe semántico de passar (‘vivir’) neste contexto, tamén detectado por Cohen. Neste sentido, a lección <possastes> de V podería indicar un erro dos manuscritos e unha trivialización da lectura. Estase a falar de juras, de tratos acordados baixo xuramento, e o verbo poer ten ese sentido de ‘facer un trato ou un acordo’. Talvez, pois, posestes comigo sexa a lección correcta: ‘por canto vós me prometestes que iades facer (e que non cumpristes)’.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado