676 [= RM 11,6]
Madre, pois vós desamor avedes

Madre, pois vós desamor avedes
a meu amigo porque sabedes
ca mi quer ben, vee-lo-ei,
e, se [mi] vós, madr’, algun ben queredes,
loar-mi-o-edes, eu o sei.
Por desamor que lhi sempr’ouvestes,
madre velida, des que soubestes
ca mi quer ben, vee-lo-ei,
e, se [mi] vós, madr’, algun ben queredes,
[loar-mi-o-edes, eu o sei].
Por mui gran coita que á consigo,
madre velida, ben vo-lo digo,
ca, se poder, vee-lo-ei,
e, se mi vós, madr’, algun ben queredes,
[loar-mi-o-edes, eu o sei].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15

Manuscritos


B 661, V 262

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 87); Minervini (1974: 68-69 [= LPGP 111-112]); Cohen (2003: 147); Littera (2016: I, 112).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 99); Braga (1878: 51); Machado & Machado (1952: III, 330-331).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 18).

Variantes manuscritas


11 gran] g̃ra B; coita] cuyta V   12 velida] uolhi da BV

Variantes editoriais


4 madr’] om. Nunes   9 madr’] om. Nunes   14 madr’] om. Nunes

Paráfrase


(I) Madre, pois vós lle tendes desamor ao meu amigo porque sabedes que me ama, heino de ver, e se vós, madre, algo me amades, loarédesmo, eu o sei.

(II) Polo desamor que sempre lle tivestes, madre fermosa, desde que soubestes que me ama, heino de ver, e se vós, madre, algo me amades, loarédesmo, eu o sei.

(III) Pola moi gran coita que sofre, madre fermosa, ben volo digo, porque, se puider, heino de ver, e se vós, madre, algo me amades, loarédesmo, eu o sei.

Métrica


Esquema métrico: 9’a 9’a 8B 10’A 8B (I) + 9’a 9’a 8B 10’C 8B (II-III)

Encontros vocálicos: 5 -mi͜-o; 10 -mi͜-o; 15 -mi͜-o

Notas


Texto
  • 4

    Na copia do segundo verso do refrán nas estrofas I e II foi omitido o pronome mi, que se rexistra na terceira ocorrencia do refrán. O sentido solicita a presenza dese pronome no segundo verso do refrán non quebra o cómputo métrico compositivo da cantiga, que combina versos eneasilábicos graves na cobra con un decasílabo agudo no refrán (xunto con versos octosilábicos tamén agudos, nunha suma 10+8 que achamos noutros refráns: 867, 140, 1276...). Talvez por esta aparente desharmonía métrica, Nunes expunxiu o vocativo madre: e se mi vós algun ben queredes.

  • 11

    Fronte á xeral variación cuita / coita, que habitualmente responde a unha oposición A vs. BV, neste caso é o Cancioneiro da Vaticana o que presenta a forma máis evoluída, en face da xeral forma coita. Sobre a variación -oi-/-ui- nesta e noutras voces ao longo dos cancioneiros, véxase Monteagudo (2013).

  • 12

    Fronte á moi rara grafía <nh> por <n> (véxase nota a 1015.7), o erro gráfico <lh>/<l> aparece con algunha frecuencia ao longo dos dous cancioneiros italianos apógrafos (con maior incidencia en V), e moi especialmente nun pequeno número de voces: en ali <ali> A, <alhi> B (313.10); <alhy> B (466.19); <a(lhy)ly> B, <aly> V (1317.15); <aly> B, <alhy> V (1473.15); <ali> B, <alhi> V (1479.3); no pronome persoal tónico de P3: eles <elhes> B, <elles> V (489.17); ela <elha> B, <ela> V (632.18); elas <elhas> BV (1205.7); elos <elhꝯ> BV (1205.10); no verbo falar, con diversas flexións: falar <falar> B, <falhar> V (599.5); <falar> AB, <falhar> V (996.17); <falhar> V (1010.13); <falar> B, <falhar> V (1033.7); fala <fala> B, <falha> V (958.19); fale <fale> B, <falhe> V (722.11); e no substantivo vassalo(s): <uassalos> B, <uassalhos> V (925.13); <vassalo> B, <ua ssalho> V (1503.10). Noutros vocábulos, a aparición de <lh> por <l> é moito máis esporádica: ala <alha> B, <ela> V (1252.27); camela <camelha> V (1449.16); olas <olhas> B, <olas> V (1634.9) etc.

  • 13

    Nótese a importante variación na redacción deste primeiro verso do refrán (que mesmo podería non ser considerado como tal, como acontece, por exemplo, nas cantigas 26, 532 ou 555). Neste caso, a métrica (verso octosilábico agudo como o derradeiro verso do refrán) e mais o feito de que a variación redaccional sexa condicionada polo desenvolvemento sintáctico-conceptual da cantiga permite considerar o verso (e por tanto tamén os vv. 3 e 8) como parte do refrán. Véxase nota a 823.16. Cfr. nota a 27.4.

    Por outra banda, neste verso do refrán ca é causal, fronte ao carácter completivo nos refráns das estrofas I-II.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado