761 [= Tav 70,6]
Amigas, o meu amigo

Amigas, o meu amigo
dizedes que faz enfinta
en cas d’el-rei da mia cinta;
e vede-lo que vos digo:
mando-me-lh’eu que s’enfinga
da mia cinta e xa cinga.
De pran todas vós sabedes
que lhi dei eu de mias dõas
e que mi-as dá el mui bõas;
mais desso que mi dizedes
mando-me-[lh’eu que s’enfinga
da mia cinta e xa cinga].
Se s’el enfing’é ca x’ousa,
e direi-vos que façades:
ja máis nunca mi-o digades;
e direi-vos ũa cousa:
mando-me-lh’eu que s’enfinga
da mia cinta e xa cinga.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 745, V 347

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 89 [= LPGP 441]); Nunes (1973 [1928]: 162-163); Cohen (2003: 234); Littera (2016: I, 520-521).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 135); Braga (1878: 66); Machado & Machado (1953: IV, 52); Domingues (1992: 45); Cohen (1996: 5).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 39-40); Reckert & Macedo (1980: 78).

Variantes manuscritas


6 da] la B; cinga] cinta BV   14 façades] facades B   18 cinga] cinta BV

Variantes editoriais


13-14 Se s’el enfing’é ca x’ousa, / e direi-vos] Se s’el enfinge (xa x’ousa), / eu direy-vos Nobiling : Se s’el enfinge (ca x’ousa), / e[u] direi vos Cohen

Paráfrase


(I) Amigas, dicides que o meu amigo fai alarde da miña cinta na corte do rei; e vede o que vos digo: mándolle eu que se gabe da miña cinta e que a cinxa.

(II) Certamente todas vós sabedes que eu lle dei as miñas prendas e que el mas dá a min moi boas; mais sobre iso que me falades mándolle eu que se gabe da miña cinta e que a cinxa.

(III) Se el se gaba (da cinta) é porque é ousado, e direivos o que faredes: nunca máis mo digades; e direivos unha cousa: mándolle eu que se gabe da miña cinta e que a cinxa.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7’C 7’C (= Tav 160:452)

Encontros vocálicos: 9 mi͜-as

Notas


Texto
  • 1-2

    Nótese, máis unha vez, o anacoluto nestes versos, en que o complemento preposicional carece da preposición de, o mesmo que acontece no íncipit de outras moitas cantigas: “... (d)o meu amigo dizedes que...”.

  • 2

    Enfinta ‘finximento, engano, presunción’ é voz case exclusiva da lírica profana (véxase CGPA, s.v. enfinta, emfimta). Neste caso, fazer enfinta equivale a ‘gabarse’.        

  • 3

    A cinta (tamén no v. 6) é o cordón con que se apertaba a camisa ou o vestido á cintura. Por ese uso como ataxe, foi tomada como símbolo de unión e de fidelidade entre os namorados, que se intercambiaban anacos de cintas para mostrar que o amor era correspondido e tamén cando se separaban por un período longo, para manteren viva a chama do amor e a fidelidade.

  • 5-6

    O presente de subxuntivo, o mesmo que a P1 do presente de indicativo do verbo enfingir ~ enfenger etc., o mesmo que cinger, presentaba na altura unha irregularidade formal [g]/[ʒ] común a todos o verbos derivados de bases latinas en -gĕre (véxase Ferreiro 1999: §192b).

  • 13

    Sen dúbida, a lección de Nunes para este verso é a correcta, con ca a funcionar como conxunción completiva (véxase Ferreiro 2016d). Deste modo, é desnecesaria a modificación dos manuscritos no v. 14, tal como Nobiling e Cohen editaron o v. 13, obrigando a emendar a copulativa do v. 14 para a converter no pronome eu:
              Se s’ el enfinge (ca x’ ousa),
              e[u] direi-vos que façades.
    Na versión web de Littera faise unha moi arriscada observación sobre o verso en causa, a partir dunha suposta fonética estranha: «atendendo a que x é pronúncia regional para s, poderíamos colocar a hipótese de estarmos perante um verso passível de duplo sentido, no caso, podendo igualmente entender-se como qu´há Sousa (se ele se gaba é porque tem uma Sousa, uma dama dessa linhagem). A hipótese é arriscada, mas aliciante, já que confirmaria as atestadas ligações do trovador [Guilhade] a essa linhagem (de que falamos na sua nota biográfica). De resto, note-se ainda que, numa outra cantiga de amigo [cantiga nº 775] a voz feminina se refere a um cantar que João Garcia fez para ela, coisa que percebeu perfeitamente, embora o dito cantar fosse guardado mui bem (ou seja, fosse subtil nas referências concretas). Poderia a voz feminina estar a referir-se a esta cantiga?» (Lopes & Ferreira & al. 2011-: http://cantigas.fcsh.unl.pt [consult. 25-3-2020]).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado