775 [= RM 70,23]
Fez meu amigo, amigas, seu cantar

Fez meu amigo, amigas, seu cantar,
per boa fe, en mui boa razon
e sen enfinta, e fez-lhi bon son,
e ũa dona lho quiso filhar;
mais sei eu ben por quen s’o cantar fez,
e o cantar ja valria ũa vez.
Tanto que lh’eu este cantar oi,
logo lh’eu foi na cima da razon
por quen foi feit’, e ben sei por que[n] non,
e ũa dona o quer pera sí;
mais sei eu ben por quen s’o cantar fez,
[e o cantar ja valria ũa vez].
Eno cantar mui ben entendi eu
como foi feit’e ben como por quen,
e o cantar é guardado mui ben,
e ũa [dona] o teve por seu;
mai[s] sei eu ben por [quen s’o cantar fez,
e o cantar ja valria ũa vez].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 778, V 361

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 102-103 [= LPGP 449]); Nunes (1973 [1928]: 174-175); Cohen (2003: 248); Littera (2016: I, 528-529).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 139); Braga (1878: 69); Machado & Machado (1953: IV, 68-69); Domingues (1992: 57); Cohen (1996: nº 19).

Variantes manuscritas


2 razon] raçon V   5 quen] que B   6 valria] ualiria B   8 cima] cuna B : çuna V; razon] raçon V   9 que[n]] q̅ BV   14 foi feit’e] fay feyre B; quen] bē BV   16 teve] tene B : reue V   17 sei] soy V

Variantes editoriais


1 amigo] amig’ Nunes   2 boa ... boa] bõa ... bõa Nobiling, Cohen, Littera   9 quen] que Nobiling   10 ũa] ia Nobiling   13 Eno] Ẽ-no Nobiling   14 feit’e ben como por quen] feyt’e entendi por quen (?) Nobiling : feito ben come por quen Cohen : feito, bem como por quem Littera   16 ũa] ia Nobiling

Paráfrase


(I) O meu amigo, amigas, fixo o seu cantar, abofé, cunha argumentación moi boa e sen finximento, e compúxolle unha fermosa melodía, e unha dona quíxollo coller (para si); mais eu sei ben por quen se fixo o cantar, e o cantar valería de vez.

(II) Así que lle eu oín este cantar, logo entendín eu por quen foi feito e ben sei por quen non, e unha dona o quere para si; mais eu sei ben por quen se fixo o cantar, e o cantar valería de vez.

(III) Eu entendín moi ben no cantar como e por quen foi feito, e o cantar está ben gardado e unha dona pensou que era para ela; mais eu sei ben por quen se fixo o cantar, e o cantar valería de vez.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:114)

Encontros vocálicos: 1 amigo,amigas; 6 val·ri·aũ·a; 12 val·ri·aũ·a; 18 val·ri·aũ·a

Notas


Texto
  • 3

    Enfinta ‘finximento, engano, presunción’ é voz case exclusiva da lírica profana (véxase CGPA, s.v. enfinta, emfimta).

  • 5-6

    Enténdase: ‘mais eu sei ben por quen foi feito o cantar, e o cantar valería (sería recompensado o autor) se se dese esa ocasión’.

  • 8

    As leccións <cuna> B e <çuna> V deben ser interpretadas como cima, formando parte da expresión, non documentada no corpus trobadoresco, seer na cima de, que ten de significar ‘entender, comprender’ a partir dun sentido orixinario de ‘estar no final’, xa que cima ‘final’ está ben atestado na prosa (CGPA, s.v. çima) e mais na lírica galego-portuguesa (véxase Glosario, s.v. cima). Se así for, é desnecesaria a emenda proposta por Rodrigues Lapa: logo lh’eu foi na cima dar razon (1982: 169-170).

    Por outra banda, foi é a forma xeral de P3 de pretérito de seer (e de ir), mais tamén aparece como forma de P1, tal como acontece neste verso: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 9

    Os manuscritos presentan a lección quen ... que, que resulta anómala na expresión e no contexto da cantiga. A opción de Nobiling foi nivelar as dúas formas a prol de que, mentres que Nunes e Cohen (e Littera) estabelecen nos dous casos a forma quen, a solución máis acaída do punto de vista semántico, e tamén paleográfico, pola facilidade de omisión da consonante nasal perante outra nasal (quen non / que non).

  • 14

    A substitución da palabra rimante dos códices (<bē> BV) por quen, xa realizada nas edicións anteriores non levanta dúbidas, a partir dun erro de copia condicionado polo v. 15.

    Un problema ben diferente é o verso no seu conxunto, que algúns editores adaptaron a partir da lección manuscrita: como foy feyt’, e entendí por quen (?) (Nobiling), como foi feito, ben come por quen (Cohen). No entanto, numerosos contextos de ben como/come demostran que é unha fórmula conxuntiva equivalente a como (véxase Glosario, s.v. ben, como), tamén documentada nas Cantigas de Santa Maria, de modo que non resulta necesario modificar a lección ofrecida polos apógrafos italianos. Enténdase, pois: ‘No cantar eu entendín moi ben como foi feito e por quen’.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado