905 [= Tav 143,6]
I logo, senhor, que vos vi

I logo, senhor, que vos vi,
vi eu que fazia mal sén
d’ir osmar de vos querer ben,
e partira-m’end’eu log’i;
mai-lo vosso bon parecer
non mi-o leixou, senhor, fazer,
nen mi-o leixa, senhor, fazer.
Assaz entendo eu que d’ir
começar con atal molher
come vós non m’era mester,
e quisera-m’end’eu partir;
mai-lo vosso bon pare[cer
non mi-o leixou, senhor, fazer,
nen mi-o leixa, senhor, fazer].
Senhor, e non foi pelo meu
grad’u vos fui amar nen ei
i culpa porque vos amei,
ca me vos partira end’eu;
mai-lo vosso [bon parecer
non mi-o leixou, senhor, fazer,
nen mi-o leixa, senhor, fazer].
E non xe vos filhe pesar
por vos eu mui de coraçon
amar, ca Deus non mi perdon
se m’én non quisera quitar;
mais-lo vosso [bon parecer
non mi-o leixou, senhor, fazer,
nen mi-o leixa, senhor, fazer].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 904bis, V 490

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 316-317 [= LPGP 896]); Arias Freixedo (2010: VII); Littera (2016: II, 441).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 179-180); Braga (1878: 93); Machado & Machado (1953: IV, 254-255).

Variantes manuscritas


2 fazia] façia V   4 log’i] ogni V   6 fazer] fazen B   7 nen] Ven B; fazer] fazen B   8 Assaz entendo eu] Assam entendendeu V   10 m’era] meu B   18 ca me] Come B : come V   22 vos] uos BV   23 vos] uos BV; coraçon] coracon B

Variantes editoriais


21 nen] non Nunes   26 mais-lo] mailo Littera   28 nen] non Nunes

Paráfrase


(I) No intre mesmo en que vos vin, señora, logo vin que facía unha loucura ao pretender amarvos, e desistiría alí mesmo desa intención, mais a vosa fermosura non mo deixou, señora, facer, nin mo deixa, señora, facer.

(II) De sobra entendo eu que ir tentar namorar con tal muller coma vós non era cousa para min, e quixera eu deixar de facelo, mais a vosa fermosura non mo deixou, señora, facer, nin mo deixa, señora, facer.

(III) Señora, non foi por vontade miña que vos fun amar, nin teño culpa por vos amar, pois eu ben deixaría de facelo, mais a vosa fermosura non mo deixou, señora, facer, nin mo deixa, señora, facer.

(IV) E non teñades pesar porque eu vos ame tan de corazón, pois que Deus non me perdoe se eu non quixera deixar de facelo, mais a vosa fermosura non mo deixou, señora, facer, nin mo deixa, señora, facer.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C 10C (= Tav 164:2)

Encontros vocálicos: 6 mi͜-o; 7 mi͜-o; 13 mi͜-o; 14 mi͜-o; 20 mi͜-o; 21 mi͜-o

Notas


Texto
  • 1

    É sen dúbida inusual a utilización do adverbio i en posición inicial absoluta, situación reforzada polo carácter de incipit, que dificilmente volvemos achar no corpus, onde só existen algúns contextos en que o adverbio ocupa a posición inicial de estrofa: I vai o meu amigo, / quer-me levar consigo (1163.13); I vai o meu amado, / quer-me levar de grado (1163.16); I é meu amig’, ai / madr’, e i-lo-ei veer / por lhi fazer prazer (1259.13)1 . Porén, ao longo da produción medieval achamos a presenza de i nunha posición moi similar; por exemplo, na Estória do Santo Graal: Eu me irei e te deixarei nesta pena. I morrerás de fame e de lazeira (Miranda 2016: 220).

  • 18

    Un erro similar na copia dunha cantiga (<come>/<ca me>) pode verse en 1663.18, onde para ca me lhi vej’... se enfrontan as leccións <Come> B : <Came> V.

  • 26

    Neste verso do refrán atéstase unha leve variación, gráfica neste caso, coa secuencia <s-l> (mais-lo vs. mai-lo) en que está implicada a forma arcaica lo do identificador (artigo) no encontro con certos vocábulos acabados en -s (ou -r). Cfr. nota a 27.4. Tal secuencia debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). Na lingua medieval, e no corpus trobadoresco profano máis en concreto, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral cos pronomes átonos nós, nos, vós, vos e lhes, así como co indefinido todos e coas preposicións por ~ per, des e tras e cos adverbios alhur e depois, xunto con mais e pois (adverbios e/ou conxuncións); polo contrario, coas formas verbais acabadas en -r ou -s a representación da asimilación é vacilante. Mais para alén destes fenómenos asimilativos máis ou menos sistemáticos que chegan na lingua oral até hoxe, na lingua trobadoresca tamén aparecen outras asimilacións con formas adverbiais e conxuntivas alén de mais e pois (véxase nota a 331.7), con outras formas pronominais ademais das citadas (véxase nota a 334.4), con algúns substantivos (véxase nota a 25.16) e, finalmente, co adxectivo melhor (véxase nota a 185.8) e mais con algúns participios plurais (véxase nota a 960.24).

  1. ^

    En posición inicial de verso, tras pausa forte, tamén existen algúns usos: ... direi-vos ũa ren: / i me faredes aquel maior ben / daqueste mund’e que máis desejei / des que vos vi (260.15); de pran Deus lhi mostrou aquel logar: /i pode ben remiir seu pecado (1643.14).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado