800 [= Tav 42,2]
Juravades mí, amigo

Juravades mí, amigo,
que mi queriades gran ben;
mais eu non o creo per ren,
porque morastes o digo
mui longi de min e mui sen meu grado.
Muitas vezes mi jurastes
e sei ca vos perjurades;
mais, poi-lo tanto jurades,
dizede por que morastes
mui longi [de min e mui sen meu grado].
Muito per-podedes jurar
que, ja enquanto vivades,
que nunca de min ajades
amor porque fostes morar
mui longi [de min e mui sen meu grado].
Esto podedes ben creer:
que ja enquant’eu viva for
non ajades de min amor,
pois morada fostes fazer
mui longi [de min e mui sen meu grado].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 804, V 388

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 194-195 [= LPGP 287-288]); Barbieri (1999: 87-88); Cohen (2003: 271); Littera (2016: I, 311).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 147); Braga (1878: 73); Machado & Machado (1953: IV, 103).

Variantes manuscritas


1 amigo] uos amigo BV   2 gran] muj grā B : mui grā V   4 morastes] meirastes B : merrastes V   11 Muito] Muydo V; jurar] nirar B   17 enquant’eu] e enꝙ̄ teu V

Variantes editoriais


En Nunes o refrán está formado por dous versos pentasilábicos, agudo e grave.

1 Juravades mí, amigo] Juravades-mi vós, amigo Nunes, Barbieri : Juravades mi |vós| amigo Cohen : Jurávades-mi, amigo Littera   2 gran ben] mui gran ben Nunes, Barbieri : |mui| gran ben Cohen   4 o] vos Nunes

Paráfrase


(I) Xurabádesme, amigo, que me amabades, mais eu non o creo de modo ningún, e dígoo porque morastes moi lonxe de min e moi contra a miña vontade.

(II) Moitas veces me xurastes, e sei que xurades en falso, mais, porque o xurades tanto, dicídeme por que morastes moi lonxe de min e moi contra a miña vontade.

(III) Moito me podedes xurar, mentres vivades, que nunca de min teredes amor, porque fostes morar moi lonxe de min e moi contra a miña vontade.

(IV) Podedes crer ben que, mentres viva, non teredes o meu amor, xa que fostes morar moi lonxe de min e moi contra a miña vontade.

Métrica


Esquema métrico: 7’a 8b 8b 7’a 10’C (I [= Tav 155:25]) + 7’a 7’b 7’b 7’a 10’C (II [= Tav 155:28]) + 8a 7’b 7’b 8a 10’C (III [= Tav 155:24]) + 8a 8b 8b 8a 10’C (IV [= Tav 155:17])

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga constitúe un exemplo de «intertextualidade parodística» coa cantiga 470, en que Afonso X reutiliza o refrán mui longe de mí e mui con meu grado, de Fernan Froiaz, con efecto cómico (véxase Gonçalves 2016 [1992]: 225).

  • 1-2

    Os manuscritos mostran certa vacilación métrica, con evidente hipermetría nos dous versos iniciais pola presenza do pronome vós (v. 1) e mui (v. 2). Cfr. nota a 671.

    Após a expumción de vos, a métrica (o necesario hiato) indica que este pronome debe ser conseiderado unha forma tónica oblicua, con función de CI sen preposición, feito que se rexistra esporadicamente na lingua trobadoresca.

    Canto a vós, este pronome, igual que acontece coa forma átona vos e con outras voces monosilábicas, pode ter un carácter adventicio, e así o mostran algúns contextos en que algún dos testemuños confirma a necesidade de omitilo: véxase, por exemplo, 183.4, onde B demostra que A introduciu erradamente o pronome, ou 214.14, onde B presenta, fronte a A, un vos espurio. Algo similar acontece con mui, elemento que, especialmente nos apógrafos italianos, aparece con certa frecuencia en contextos en que debe ser expunxido. Para algúns casos de intromisión espuria de mui véxase B vs. A (257.1), A vs. B (369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17, 810.14), así como 812.14 ou 995.5.

  • 4

    Nótese o importante erro de copia nos dous manuscritos, que lembra o erro das leccións <moireu> B, <morreu> V de 680.20. A natureza do erro, neste caso, ten outras implicacións: como e por que se transforma un m’errastes, lectura a que apunta o texto manuscrito, nun morastes, que parece a forma esixida polo paralelismo cos versos precedentes? De non nos encontrarmos ante unha boa lectura, que incidiría no carácter do perjuro, desde o punto de vista paleográfico só se pode apuntar a unha confusión de <o> por <e>, frecuente nos códices, e a unha reduplicación do grafema correspondente á vibrante, un erro que xa debía estar no modelo.

  • 5

    Como xa dixemos, este refrán é o mesmo (coa substitución sen > con) que o da composición 470, unha cantiga de escarnio de Afonso X (mui longe de mí e mui con meu grado).
    No que di respecto á vogal final -i de longi (tamén en 33.6, 323.7, 721.12, 916.4, 957.3, 966.9, 1032.24 e 1139.2, 5, 7 e 10), a convivir con longe, tamén aparece noutros dous adverbios: eiri (véxase nota a 114.9) e tardi (véxase nota a 1008.16). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).

  • 9

    Por máis que os manuscritos suxiran m’errastes (véxase nota ao v. 4), a simetría conceptual do cuarto verso de todas as estrofas mostra a necesidade da emenda: morastes - morastes - fostes morar - morada fostes fazer.

  • 13

    Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética: Muito per-podedes jurar / que, ja enquanto vivades, / que nunca de min ajades / amor ... Cfr. nota a 53.17-18.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado